Psicoloxía cognitiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Psicoloxía.

A psicoloxía cognitiva ou cognitivismo é a psicoloxía que se encarga do estudo da cognición; é dicir, dos procesos mentais implicados no coñecemento. Ten como obxecto de estudo os mecanismos básicos e profundos polos que se elabora o coñecemento, dende a percepción, a memoria e a aprendizaxe, até a formación de conceptos e razoamento lóxico. Por cognitivo entendemos o acto de coñecemento, nas súas accións de almacenar, recuperar, recoñecer, comprender, organizar e usar a información recibida a través dos sentidos.

Está situada dentro do que se denomina o hexágono cognitivo, formado pola interrelación entre neurociencia, intelixencia artificial, psicoloxía, lingüística, antropoloxía e filosofía.[1] Recibe influencias de disciplinas e teorías afíns, como o tratamento da información, a intelixencia artificial, a ciencia da linguaxe e o enfoque holístico da Gestalt.

O interese da psicoloxía cognitiva é dobre. O primeiro interese é estudar como as persoas entenden o mundo no que viven e tamén se abordan as cuestións de como os seres humanos toman a información sensorial entrante e a transforman, sintetizan, elaboran, almacenan, recuperan e finalmente fan uso dela. O resultado de todo este procesamento activo da información é o coñecemento funcional no sentido de que a segunda vez que a persoa se atopa cun acontecemento da contorna igual ou semellante está máis segura do que pode ocorrer comparado coa primeira vez.

O segundo interese da psicoloxía cognitiva é como a cognición leva á conduta. Dende un enfoque motivacional, a cognición é un "trampolín á acción". Para os teóricos cognitivistas, a acción está principalmente en función dos pensamentos da persoa e non dalgún instinto, necesidade, pulsión ou estado de activación (arousal).

Notas[editar | editar a fonte]