Prudencia Grifell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Prudencia Grifell
Nacemento27 de decembro de 1879
 Lugo
Falecemento7 de xuño de 1970
 México
NacionalidadeMéxico e España
Ocupaciónactriz de televisión, actriz de cinema e actriz de teatro
CónxuxePaco Martínez
PremiosAriel Award for Best Actress
editar datos en Wikidata ]

Prudencia Grifell, nada en Lugo o 22 de decembro de 1876[1] e finada en Cidade de México o 7 de xuño de 1970, foi unha actriz e tiple cómica mexicana de ascendencia galega. Foi estrela do Teatro de revista en España e México, dende comezos do século XX até a década de 1920. Eventualmente, a unha idade avanzada, introduciuse no Cine mexicano na súa Época de Ouro e na televisión.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Prudencia Griffel foi filla do actor Antonino Grifell, natural de Cuba e de Josefa Masip, naceu nunha pensión situada no número 59 da Rúa Nova, e foi bautizada na Igrexa de San Pedro de Lugo.[2] Comezou a súa carreira como actriz de teatro en 1890, con só 14 anos, nunha zarzuela en Caracas, Venezuela, país onde se trasladou cos seus pais. Alí coñeceu o actor Paco Martínez (finado en 1956), casaron e regresaron a España no ano 1899 onde continuaron traballando. Tiveron cinco fillos, Pepito, Enrique, Amparo, Maruja e Dolores Martínez Grifell, todos actores.

Chegou a México no 1904 e durante tres anos cultivou grandes éxitos no teatro, tamén traballou en Cuba; foi tiple cómica e traballou en zarzuelas e operetas. Con Esperanza Iris e María Conesa formaron o grupo Las Tres Gracias, presentándose no Teatro Principal. No ano 1917 formou a súa propia compañía de teatro e participou en obras de diversos xéneros, como Amores y amoríos, Abuelita, tú también?, La garra, La malquerida ou Los árboles mueren de pie.[3] Fixo varias xiras teatrais por distintos países de América, visitou tamén Cuba xunto co seu esposo Francisco. Na súa compañía teatral desfilaron figuras como María Tereza Montoya, Esperanza Iris, María Conesa e Sara García, entre moitos outros.

En xaneiro de 1936 Prudencia Grifell e a súa filla Amparo actuaron en Albacete coa Compañía Dramática Guerrero-Díaz de Mendoza, nas obras El abanico de Lady Windermere, El caudal de los hijos, Una conquista difícil, La niña boba ou Buen maestro es amor, El perro del hortelano, La plancha de la marquesa e La ráfaga.

Logo sofre o exilio por mor da guerra civil española. Na década de 1940 debutou no cine interpretando personaxes de avoa. Fixo o seu debut neste medio en 1943, na cinta Internado para señoritas, con Mapy Cortés, Emilio Tuero e Katy Jurado. En 1969 Mauricio da Serna diríxea en ¿Por qué nací mujer?, sendo este o último filme que rodou Prudencia.

Na década de 1960, traballou en numerosas producións para a radio e a televisión, salientan o o clásico melodrama Corona de lágrimas (1965).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Curiel Fernández, Manuel: Prudencia Grifell: unha lucense no cine de ouro mexicano. [¿Lugo?], 2005.
  2. Cabana, Darío Xohán (2006). Mulleres en Lugo, un paseo pola cidade (maquetado para impresión). Concello de Lugo. p. 13-14. 
  3. Diccionario Enciclopédico de México, p. 778

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]