Prinsenhof de Bruxas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros edificios denominados Prinsenhof en diversas localidades dos Países Baixos, ver a páxina de homónimos Prinsenhof.
Prinsenhof de Bruxas
O Prinsenhof de Bruxas
Edificio
TipoPalacio
EstiloGótico
Coordenadas51°12′31″N 3°13′12″L / 51.20854, 3.22013Coordenadas: 51°12′31″N 3°13′12″L / 51.20854, 3.22013
Uso(s)Residencia nobiliaria
Mosteiro
Hotel
RemateSéculo XIV
RemodelaciónSéculos XV, XVI, XVII, XIX, XX e XXI
Dimensións
Pisos5
editar datos en Wikidata ]

O Prinsenhof (en galego: "a corte do príncipe") é un edificio histórico da cidade flamenga de Bruxas, en Bélxica, construído a finais do século XIV, antiga residencia dos condes de Flandres e dos duques de Borgoña.

O edificio está situado entre as rúas Noordzandstraat, Geldmuntstraat, Ontvangersstraat e Geerwijnstraat, e desde 2008 acolle o hotel de luxo Kempinski Hotel Dukes Palace. Ademais, tamén recibe o nome de Prinsenhof a rúa que comeza na Noordzandstraat ata se converte nunha pequena praciña que se abre á rúa Ontvangerstraat.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Gravado de 1641 que representa o Prinsenhof de Bruxas entre 1348 e 1477

Residencia ducal e condal[editar | editar a fonte]

Anteriormente á construción do Prinsenhof, os condes de Flandres residían na praza Burgh, no centro da vila de Bruxas. A primeira fonte que cita o Prinsenhof data de 1396. Logo de varias ampliacións promovidas polos duques borgoñóns, que chegaron para instalarse no século XV, converteuse nun complexo composto por edificios residenciais para os duques, aloxamentos para os cortesáns, autoridades e invitados, un calabozo, unha capela, unha horta, varios xardíns e un zoolóxico con animais exóticos.

É particularmente salientable a residencia no Prinsenhof de Filipe o Bo e da súa neta María de Borgoña, onde ambos ficaron ata a fin dos seus días. Tras a morte de María de Borgoña en 1482, o edificio deixou de usarse como residencia ducal e pasou a utilizarse para fins diversos, como hotel e sala para encontros internacionais e eventos culturais. As instalacións do Prinsenhof albergaron, entre outros académicos e diplomáticos, personaxes da altura de Erasmo de Rotterdam ou Thomas More.[2]

En 1576, vendeuse e redistribuíuse unha parte significativa do edificio principal, e en 1631 a parte restante. Os edificios anexos ao longo da rúa Noordzandstraat foron derrubados entre 1662 e 1663.[3]

Outros usos[editar | editar a fonte]

O convento das monxas inglesas. Debuxo de Charles Curtis (1704-1752). Arquivo de Bruxas.

A partir desa data, o Prinsenhof foi xestionado por diversas ordes monásticas. Inicialmente ocupouno unha congregación inglesa de monxas franciscanas., que permaneceu alí ata 1794, cando tivo que marchar por mor da Revolución Francesa. Durante ese período, en 1664 leváronse a cabo obras de renovación e mantemento no mosteiro e na igrexa. Para sufragar as obras abriuse unha escola en réxime de internado para nenas inglesas.

Durante varias décadas, o edificio foi a residencia da familia Van Caloen o Basseghem. A partir de 1888, despois dunha profunda renovación e a adición de dúas novas ás de estilo neogótico, trasladouse ao edificio unha congregación conventual denominada Dames de la Retraite du Sacré-Coeur. ("Damas do Retiro do Sagrado Corazón"). Logo dun incendio ocorrido en 1913, leváronse a cabo novamente obras de renovación e mantemento.

O edificio principal en forma de U foi incluído en 1983 na lista de monumentos históricos protexidos de Bélxica. En 1989, o mosteiro foi vendido e pasou a mans privadas e en 2002 foi novamente adquirido por unha compañía de seguros que, tras unha profunda renovación e a adición dunha nova á, o converteu no hotel de cinco que segue a ser na actualidade.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O Prinsenhof de Bruxas no inventario de patrimonio arquitectónico (en neerlandés)
  2. "Prinsenhof Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En VisitBruges.be (en neerlandés, francés, alemán, castelán e inglés)
  3. Livia Snauwaert. Gids voor architectuur in Brugge. 2002. Páxinas 234-235 (en neerlandés)
  4. Datos técnicos e fotografías da última remodelación (2005-2008) como hotel (en neerlandés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Duclos, Adolphe. Bruges, histoire et souvenirs. Bruxas, 1910 (en neerlandés)
  • Devliegher, Luc. De huizen van Brugge. Tielt, 1975 (en neerlandés)
  • Schouteet, Albert. De straatnamen van Brugge. Oorsprong en betekenis. Bruxas, 1977 (en neerlandés)
  • Beernaert, Brigitte (et al.). "Prinsenhof 8, het Prinsenhof". En 19de-eeuwse architectuur in de binnenstad, Open Monumentendag 1990. Bruxas, 1990 (en neerlandés)
  • Ryckaert, Marc. Historische stedenatlas van België. Bruxas, Tielt, 1991 (en neerlandés)
  • Hillewart, Bieke; Van Besien, Elisabeth. Het Prinsenhof in Brugge. Bruxas, 2007 (en neerlandés)
  • Debrabandere, Frans. "Brugse plaatsnamen". En Brugge die Scone, 2011 (en neerlandés)
  • Meulemeester, Jean Luc. "Het Munthuis". En Vlaanderen 58, 2009 (en neerlandés)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]