Principado de Zeta
Књажевина Зета (sr) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Serbia | ||||
Capital | Shkodër Obod (en) Žabljak Crnojevića (en) Cetinje | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua serbia Antigo eslavo eclesiástico | ||||
Relixión | Igrexa ortodoxa serbia | ||||
Xeografía | |||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1360 | ||||
Disolución | 1516 | ||||
Zeta (en montenegrino cirílico Зета, en monternegrino latino Zeta) foi un principado medieval, establecido en 1360 e extinguido en 1421, cuxo territorio abarcaba aproximadamente o actual Montenegro. Debe o seu nome ao río Zeta.
A súa primeira aparición foi como estado vasalo de Rascia, onde gobernaban os herdeiros ao trono da dinastía serbia dos Nemanjić. O seu fundador, Estevo Nemanja, converteuse en Gran Zupan de Rascia, unificando todas as tribos serbias, e o feudo de Zeta pasou a depender da segunda liña de sucesión ao trono, como vasalo do Reino de Serbia.
Zeta converteuse nun feudo independente en 1356, durante a desintegración gradual do Imperio Serbio que seguiu á morte do tsar Estevo Uroš IV Dušan Nemanjić (Dušan o Poderoso) en 1355. A partir de 1421 integrouse no Despotado de Serbia.
A finais do século XV Zeta comezou a ser máis coñecido como Montenegro, a partir de "Montaña negra" en lingua véneta. Despois da súa época no Despotado foi sucedido polo Principado teocrático de Montenegro e despois polo dominio (máis ben teórico) do Imperio Otomán.
Historia
[editar | editar a fonte]Zeta no estado de Rascia
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Rascia e Imperio serbio.
Entre 1276 e 1309, Zeta foi gobernada pola raíña Helena de Anjou, viúva do rei de Serbia Uroš I, que restaurou ao redor de 50 mosteiros na rexión, especialmente na zona do río Bojana.
O nome de Crna Gora (Montenegro) foi formalmente mencionado por primeira vez en 1296, nunha carta do mosteiro de San Nicolao en Vranjina. Esta carta publicouna o rei serbio Uroš II, que era o fillo máis novo de Uros I e Helena. Crna Gora (Montenegro) debía entenderse como a rexión da serra baixo o monte Lovćen, dentro dos límites de Zeta.
A principios do século XIV, durante o reinado do rei Milutin de Serbia, o arcebispado de Bar era o señor feudal máis importante de Zeta.
Despois da morte do tsar Dušan en 1355, o Estado serbio comezou a desmembrarse e as súas posesións repartíronse entre o príncipe Lazar Hrebeljanović (1353-1391), o Estado bosníaco do Ban Tvrtko I e un semi independente estado de Zeta baixo a dinastía dos Balsas (Balšićs), cuxo fundador Balša I chegou ao poder en 1356.[1]
Dinastía dos Balsa
[editar | editar a fonte]A época máis próspera e poderosa da historia de Serbia chegou ao seu fin coa morte do tsar Dušan en 1355. Aproveitando a oportunidade, a dinastía líder en Zeta, os Balšićs (Balsa), reafirmou a autonomía da rexión en 1356.[2] O primeiro documento escrito en relación coa Casa dos Balšić está na Táboa dos Uros expedida á República de Dubrovnik en 1360.
- Gobernantes da dinastía dos Balsa
- Balša I (1356–1362)
- Djuradj I (1362–1378)
- Balša II (1378–1385)
- Djuradj II (1386–1403)
- Balša III (1403–1421)
O Despotado de Serbia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Despotado de Serbia.
En 1421, antes da súa morte e baixo a influencia da súa nai, Jelena, Balsa III transferiu a soberanía de Zeta ao Despotado de Serbia, gobernado por Stefan Lazarević.[3] Este loitou contra os venecianos e recuperou Bar a mediados de 1423, e ao ano seguinte enviou ao seu sobriño Djuradj Branković, que recuperou Drivast e Ulcinj (Ulcinium).
En 1427, morreu o déspota serbio Estevo, e o trono herdouno o seu sobriño Djuradj Branković, que tivo que enfrontarse á grave ameaza que significaba o Imperio Otomán e non puido prestar especial atención a Zeta.
Dinastía Crnojević
[editar | editar a fonte]A dinastía Crnojević comezou con dous irmáns, Djuradj e Aleksa Djurašević-Crnojević, da zona dos arredores do Monte Lovćen. Pero o papel máis importante no seu establecemento como gobernantes desta familia en Zeta foron Estevo I Crnojević (1451-1465) e o seu fillo Iván I Crnojević (1465-1490). O fillo de Iván, Djuradj IV Crnojević (1490-1496) foi o último gobernante desta dinastía.
Co comezo da casa Crnojević como gobernantes, Zeta comezou a ser mencionado comunmente como Crna Gora (Montenegro). A Djuradj IV correspondeulle o enfrontamento máis belicoso co Imperio Otomán e, neste contexto, acusado polos otománs de encabezar unha guerra santa contra o islam foi enviado preso a Istambul, onde se perdeu o rastro en 1503.[3][4]
Fin do Principado
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Principado teocrático de Montenegro.
Despois da desaparición de Djuradj Crnojević, Zeta foi gobernada polo seu irmán Estevo II Crnojević como vasalo do Imperio Otomán. A finais do século XV o goberno de Estevo marcou o final da Casa de Crnojević. Na nova división administrativa dos Balcáns, Zeta era unha parte do Sanjak de İşkodra (Escútari) desde 1499 até 1514.
O Principado de Zeta desapareceu oficialmente cando se converteu en Estado teocrático polos Bispos-Príncipes (Vladikas) de Cetinje (Montenegro), que se fixeron cargo do mesmo en 1516. A partir de entón Zeta foi coñecida como Montenegro.
Os otománs controlaban unha parte desde 1498, coñecida como Sanjak de Montenegro, a República de Venecia controlaba Kotor e a teocracia gobernaba o resto de Montenegro (a chamada Alta Zeta).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Montenegro.org. Zeta (Duklja) under the second Montenegrin dynasty, the Balsic (1356-1427). Arquivado 04 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 24/1/2012.
- ↑ Montenet. Balsics' Rule (1356-1427). (en inglés) Consultada o 24/1/2012.
- ↑ 3,0 3,1 D. Zivkovic, Istorija Crnogorskog Naroda, Cetinje, 1989.
- ↑ Montenet. Crnojevic Rule. (en inglés) CXonsultada o 24/1/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bartl, Peter (2004): "Zeta", in Lexikon zur Geschichte Südosteuropas. ISBN 3-205-77193-1
- Ćirković, Sima (1998): "Zeta", in Lexikon des Mittelalters, Band 9. ISBN 3-89659-909-7
- Jovanović, J. (1947): Stvaranje Crnogorske Države i Razvoj Crnogorske Nacionalnosti. Cetinje, páxs. 18, 28, 36, 43 e 54-55.
- Truhart, Peter (1986): Regents of Nations, Part III/1. ISBN 3-598-10515-0
- Živković, D. (1989): Istorija Crnogorskog Naroda. Cetinje.
- Dr Željko Fajfrić - Sveta loza Stefana Nemanje, 1998 (en serbio) [(en inglés) en construción] Consultada o 24/1/2012.