Estevo Uroš I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Estevo Uroš I de Serbia»)
Estevo Uroš I
Стефан Урош I
Stefan Uroš I
Rei de Serbia

Reinado1243 - 1276
Nome completoUroš Nemanjić
Nacementoca. 1223
Falecemento1 de maio de 1277
Monsterio de Sopoćani, Stari Ras
PredecesorEstevo Vladislav
SucesorEstevo Dragutin
Cónxuxe/sHelena de Anjou
DescendenciaEstevo Dragutin
Estevo Milutin
Brnjača
ProxenitoresEstevo II Nemanjić
Ana Dandolo

Na rede
WikiTree: Nemanja-4

Estevo IV Uroš I Nemanjić, Estevo Uroš I ou Stefan Uroš I (en serbio latino Stefan Uroš I, en serbio cirílico Стефан Урош I), nado contra 1223 e finado o 1 de maio de 1277, foi rei de Serbia desde 1243 até 1276[1], sucedendo ao seu irmán Estevo Vladislav.

Atribúeselle a construción do Mosteiro de Sopoćani, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO[2].

Seguindo a tradición da Dinastía Nemanjić, otourgouse o título de Stefan.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dinar de prata de Estevo Uroš I.
Fortaleza de Maglič, construída polo rei Uroš I entre 1243 e 1276.

Uroš I era o fillo máis novo de Estevo II Nemanjić Prvovenčani (o Primeiro Coroado) e Ana Dandolo, a neta de Enrico Dandolo, dux de Venecia.

Na primavera de 1243 os serbios rebeláronse contra o rei Estevo Vladislav I, que foi derrocado e substituído polo seu irmán máis novo Estevo Uroš I. Pese a iso, crese que Uroš mantivo boa relación co seu irmán, e que lle permitiu gobernar o Principado de Zeta ou, en calquera caso, non o apartou completamente dun papel activo no goberno[3].

O reinado de Uroš coincidiu co declive de dous dos rivais principais de Serbia nos Balcáns, o Despotado de Epiro e o Segundo Imperio búlgaro. Isto fixo que Serbia se convertera nunha influente potencia na zona, axudada por un importante desenvolvemento económico.

Un dos principais motivos deste crecemento foi a explotación das minas de prata de Brskovo e Rudnik, en gran parte levada a cabo por mineiros saxóns de Hungría[4], que gozaban de certo nivel de autogoberno e liberdade de culto.

Uroš emprendeu durante o seu reinado varias accións militares contra os estados veciños. En 1252-1253 enfrontouse a Ragusa e, pouco despois, o seu intento de facer valer a súa autoridade sobre Zahumlia conduciu ao príncipe local a unha alianza cos húngaros, converténdose no seu vasalo para buscar protección. Tamén Ragusa fixo valer a súa alianza cos búlgaros, que invadiron o territorio serbio en 1254. Finalmente, Uroš I alcanzou varios acordos por separado para manter a paz cos seus veciños.

Durante a segunda metade da década de 1260 estalou unha nova guerra con Ragusa, que concluíu cun tratado, asinado en 1268, segundo o cal Serbia ofrecía a súa protección aos ragusanos a cambio de compensacións económicas. Este acordo mantívose en vigor durante todo o século seguinte.

Extensión do Reino de Serbia durante o reinado de Estevo Uroš I.

Nese mesmo ano, o rei serbio invadiu as posesións de Hungría ao sur do Danubio en Mačva, no que hoxe é o norte de Serbia. A pesar dalgúns éxitos iniciais, Uroš I foi capturado polos húngaros e obrigado a comprar a súa liberdade. Ambos os reinos asinaron un tratado de paz, e o fillo de Uroš, Dragutin, casou con Catarina, a filla do futuro rei Estevo V de Hungría[5].

Ao final do seu reinado, Uroš suprimiu a autonomía de Zahumlia, retirando o título aos príncipes locais. Ademais, as súas discrepancias co seu fillo máis vello, Dragutin, levárono a considerar ao seu outro fillo, Milutin, como seu herdeiro, pese a que se comprometera cos húngaros a que o herdeiro fose Dragutin[5]. Anoxado por isto, Dragutin exixiu ao seu pai que o asociase ao trono en 1276. Cando Uroš I se negou, Dragutin rebelouse e, coa axuda do rei de Hungría e de mercenarios cumanos, derrotou ao seu pai nunha batalla librada cerca de Gacko[6]. Estevo Uroš I viuse obrigado a abdicar e retirouse ao Mosteiro de Sopoćani, que edificara en Ras (cerca da moderna Novi Pazar), onde morreu en 1277.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Coa súa esposa Helena de Anjou, princesa anxevina ou unha filla do emperador Latino de Constantinopla, Estevo Uroš tivo polo menos tres fillos:

Predecesor:
Estevo Vladislav
Rey de Serbia
12431276
Sucesor:
Estevo Dragutin

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mitchell, Laurence. Bradt Travel Guide Serbia. Bradt Travel Guides, 2007. ISBN 978-1-84162-203-3, páx. 39
  2. Ćirković, páx. 58
  3. Foundation for Medieval Genealogy. Serbia (en inglés) Consultada o 8/2/2012.
  4. Petrović, Petar & Đurđekanović, Slađana (1995): Ancient mining and metallurgy in southeast Europe. Belgrado: Arheološki Institut, páx. 243
  5. 5,0 5,1 Ćirković, páx. 48
  6. Ćirković, páx. 49

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ćirković, Sima M. (2004): The Serbs. Blackwell Publishing Ltd. ISBN 0-631-20471-7
  • Fine, John V. A. (1994): The late medieval Balkans: a critical survey from the late twelfth century to the Ottoman Conquest. University of Michigan Press. Ann Arbor, Mich. ISBN 0-472-08260-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]