Portal:Ourense/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Florentino López Alonso-Cuevillas, nado en Ourense o 14 de novembro de 1886 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1958, foi un historiador e escritor galego. En 1968 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Está considerado o Pai da arqueoloxía científica galega. Pertenceu á Xeración Nós, ao Seminario de Estudos Galegos e as Irmandades da Fala, compaxinando a actividade desempeñada nestas institucións cunha discreta participación política en pro do galeguismo, na época en que se volveu nacionalista trala fase rexionalista. Porén, a súa labor socio-política viuse profundamente trastornada trala guerra civil española e a chegada do franquismo, se ben continuou a divulgación da cultura galega a través da Real Academia Galega, da que foi membro numerario.

Cuevillas reconstruíu a prehistoria galega dende un cientifismo rigoroso, partindo de cero. A vocación arqueolóxica de Cuevillas, incrementárase asistindo ás tertulias do Museo da Comisión de Monumentos, quedando reflectida no estudo "A mansión de Aquis Querquernis" (1921) que encerraba un vasto labor sobre a romanización de Galicia. Recorreu os montes catalogando calquera información, escavando por primeira vez con criterios estratigráficos modernos, buscando paralelos con outras culturas europeas, sen esquecer publicar os resultados en galego, usando a lingua galega por primeira vez como lingua de ciencia.

En 1953 publicou La civilización céltica en Galicia, trazando cos datos de seis poboados castrexos un panorama da cultura castrexa galega dende as perspectivas máis diversas, como arquitectura, cultura material ou sociedade.