Portal:Irlanda/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A selección de rugby de Irlanda é o equipo que representa a Irlanda e Irlanda do Norte nas competicións internacionais de rugby como a Copa do Mundo de Rugby e o Torneo das Seis Nacións. Esta situación é única nos equipos internacionais de rugby, xa que o equipo de Irlanda é o único que reúne dúas entidades políticas diferentes. Os seus xogadores proveñen das catro provincias: Munster, Leinster, Ulster e Connacht.

O seu palmarés no Torneo das Seis Nacións é de trece vitorias, máis dous Gran Slams en 1948 e 2009 e oito vitorias compartidas, o que fai un total de 21 vitorias (incluídas as que gañou nas dúas últimas edicións de 2014 e 2015). Irlanda tamén participou na Copa do Mundo de Rugby dende o seu comezo, mais nunca pasou dos cuartos de final.

Irlanda fixo a transición de afeccionada a profesional a partir de 1995 e obtivo bos resultados, algo notábel tendo en conta que a illa conta con só 6 millóns de habitantes e o rugby compite con outros deportes de gran tradición como o fútbol e os deportes gaélicos (hurling, camogie e fútbol gaélico).

Hoxe en día, o equipo irlandés está considerado como unha das mellores seleccións nacionais do mundo. O 5 de outubro de 2015 era quinta na clasificación de seleccións nacionais de rugby.