Portal:España/Cidade destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a meirande cidade dos Países Cataláns. Situada ás beiras do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.

Cunha poboación de 1.615.448 habitantes, Barcelona é a segunda cidade máis poboada de España e da península tras Madrid, e a undécima da Unión Europea. A súa área metropolitana, integrada por 36 concellos, ten unha poboación de 3.161.081 habitantes e unha superficie de 633 km². Esta área é a delimitación como núcleo urbano definida oficialmente, con todo a Rexión Urbana de Barcelona, que se estendería por todo a área de influencia da cidade, chega aos 4.928.852 habitantes cunha densidade de poboación de 1.496 hab/km².

Na actualidade, Barcelona é recoñecida como Cidade global pola súa importancia cultural, financeira, comercial e turística. Posúe un dos portos máis importantes do Mediterráneo e é tamén un importante punto de comunicacións entre España e Francia, debido ás conexións por autoestrada e tren de alta velocidade. O aeroporto de Barcelona-El Prat foi utilizado por máis de 35 millóns de pasaxeiros en 2013.