Portal:Colombia/Biografía destacada/8
Tisquesusa, tamén escrito Thisquesuza, Thysquesuca ou Thisquesusha foi o cuarto zipa de Bacatá, que hoxe é a actual capital de Colombia, Bogotá. Tisquesusa foi o gobernante da parte sur dos territorios muiscas no intre da chegada dos españois ás terras altas colombianas. A súa contraparte na área norte, o zaque da confederación muisca, foi Quemuenchatocha.
Un sacerdote de Ubaque, chamado Popón, profetizara a Tisquesusa que morrería "afogado no seu propio sangue" por mor duns estranxeiros chegados de terras arredadas. Tisquesusa refuxiouse nas selvas de Facatativá, pero cando os españois volveron a Bacatá, seguíronlle a pista e rodearon o bosque onde se agochaba. Acamparon en Facatativá e unha noite, mentres Tisquesusa intentaba fuxir, un soldado español, sen saber de quen se trataba, atravesoulle unha espada no peito e rouboulle a rica manta de algodón pintado que portaba o zipa.