Portal:A Coruña/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Río Mesoiro, tamén coñecido como Rego de Campos, Rego de Beneirón ou Río Monelos, é un río galego que nace e desemboca no concello da Coruña. Atópase soterrado durante a maior parte do seu percorrido, canalizado baixo o chan das rúas da cidade.

Nace na parroquia de San Vicenzo de Elviña, no lugar de Castiñeiras, preto do límite municipal entre A Coruña e Arteixo. Dende alí baixa ata Feáns (recibindo durante este percorrido o nome de Rego de Beneirón), para continuar ata Mesoiro (chamándose neste treito Rego de Campos). A partir de Mesoiro é coñecido como Río Mesoiro e continúa o seu traxecto paralelo ó polígono de Pocomaco, sofrendo dúas pequenas canalizacións parciais durante este treito (na travesía de Mesoiro e arredor dunha vía de acceso a Pocomaco). A partir da entrada principal do devandito polígono xa se atopa totalmente canalizado baixo terra ata o peirao de San Diego, no porto da Coruña, onde desemboca.