Tritón común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pintafontes común")
Tritón común
Tritón ibérico
Lissotriton boscai
Triturus boscai.001.JPG
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Lissamphibia
Orde: Caudata
Familia: Salamandridae
Xénero: Lissotriton
Especie: L. boscai
Nome binomial
Lissotriton boscai
Lataste e Tourneville, 1879.
Distribución do tritón común

Distribución do tritón común
Sinonimia
  • Triturus boscai, Lataste, 1879.
  • Lophinus boscai, Litvinchuk et al., 2005.

O tritón común[2][3] ou tritón ibérico (Lissotriton boscai, antes Triturus boscai) é un anfibio urodelo da familia dos salamándridos (Salamandridae), endémico da metade noroccidental da península Ibérica.

Este anfibio é tamén coñecido popularmente como lagarto da agua, pinta da auga, salamántiga de agua, salamanca ou sabanduxa, sendo, especialmente estes dous últimos, nomes comúns que tamén reciben as salamántigas.[3]

De tamaño pequeno, compacto, ten o fociño arredondado, a miúdo cun suco lonxitudinal. O dorso é apardazado no macho e de cor parda aceitunada na femia. O ventre é amarelo ou alaranxado con bordos claros e manchas negras. Mide entre 8 e 9 cm. Aliméntase de vermes, insectos e pequenos crustáceos.

Pasa máis tempo do seu período activo na augas que os outros urodelos, aínda que no é mellor nadador; agochado durante o día baixo as pedras, sae a cazar de noite. Aparéase en charcas e estanques pequenos, e tamén en pozos.

Características[editar | editar a fonte]

É un urodelo de pequeno tamaño. Os machos miden entre os 65 e os 75 mm, e as femias, maiores, alcanzan os 70 ou 80 mm, ás veces até 95 mm.

A coloración da cabeza e o dorso varía segundo o sexo e tamén segundo o animal estea en muda en terra ou en época de celo. No período de celo adoitan ter unha coloración dorsal apardazada clara ou olivácea, con manchas negras dispostas irregularmente. Na muda en terra a cor é escura, case negra, e uniforme. As femias teñen o dorso oliváceo. A rexión ventral é alaranxada ou vermella durante todo o ano.[4]

O rabo, de similar lonxitude que a cabeza e o tronco xuntos, está comprimido lateralmente, e nos machos acaba nun pequeno filamento.

As larvas miden uns 2 mm ao naceren, e acadan entre 10 e 18 mm; son de cor amarelada clara cun leve deseño punteado escuro, e despois adquiren unha coloración parda clara con moitos puntiños negros distribuídos homoxeneamente polo dorso; a zona ventral está despigmentada. Presentan unha crista dorsal que se continúa até o final da cola, onde acaba en ángulo agudo. As patas teñen os dedos bastante curtos.[4]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Distribución[editar | editar a fonte]

É un endemismo ibérico distribuído pola metade noroccidental da península Ibérica. A súa área de distribución inclúe localidades desde escasa altitude e moi próximas ao mar (como ocorre en toda a costa galega ou na área de Doñana) até zonas montañosas (até aproximadamente os 1.800 m sobre o nivel do mar), encontrándose preferentemente en zonas entre 400 e 1.000 m de altitude. En Galicia atópase desde o nivel do mar até os 1.600 m de altitude no Courel.[4]

O clima que caracteriza os seus hábitats é, no norte da súa área de distibución (Galicia e norte de Portugal), o temperado frío oceánico, con abundancia de precipitacións; e, no centro e sur desta área, de carácter mediterráneo oceánico e continental, con precipitacións anuais menores, normalmente inferiores aos 900 mm.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Pódese encontrar en biotopos moi diversos, como fragas, bosques de aciñeiras ou sobreiras, piñeirais, plantacións de eucalipto, zonas de matogueiras e cultivos, e incluso en zonas areosas costeiras.

Prefire os terreos montañosos, ocupando regos de curso lento, charcas e estanques de augas limpas e ben osixenadas, pero tamén pode ocupar augas estancadas estacionais no sur da súa área de distribución.[5]

Para a súa reprodución require pequenas charcas temporais, estanques, pozas, regos con zonas remansadas, abrevadoiros ou fontes.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Durante a súa fase acuática, os adultos aliméntanse de invertebrados acuáticos, especialmente larvas de dípteros. Os cágados consomen sobre todo crustáceos planctónicos, incluíndo tamén na súa dieta larvas de dípteros e outros invertebrados acuáticos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Rexión ventral do tritón común, Lissotriton boscai.

No norte, o celo comeza a principios do inverno e adoita rematar a mediados de maio. Nas poboacións con fase terrestre dilatada os machos son os primeiros en chegar á auga, pero tamén son os que a abandonan antes. O cortexo é semellante ao de todos os tritóns, aínda que presenta algunhas particularidades.[4][6] e pode producirse de día ou de noite, indistintamente. En Galicia, as primeiras posturas son depositadas a finais de xaneiro, continuándose até finais de maio ou principios de xuño. Cada femia pon de 100 a 250 ovos, que son fixados, un a un, a plantas acuáticas. En ausencia de plantas, póñenos sobre outro tipo de materiais, incluso plásticos mergullados.[4][7] Os primeiros cágados obsérvanse na primavera, e completan a súa metamorfose de xullo a setembro.

No sur da área de distribución, os adultos acoden aos medios acuáticos para reproducirse en outono, manténdose a época de cortexos e ovoposición durante o inverno. As larvas obsérvanse de febreiro a xuño, completando a metamorfose os primeiros individuos en maio.

Interaccións entre especies[editar | editar a fonte]

Describiuse unha gran similitude no uso dos hábitats reprodutivos con Triturus pygmaeus, hai pouco elevado ao status de especie, e anteriormente considerado como unha subespecie do tritón verde (Trituris marmoratus),[8] que habita na península Ibérica, ao sur do río Texo. En Portugal, aparece ao longo da costa desde Aveiro, polo norte. As súas larvas teñen dietas similares, pero manteñen distintas estratexias de caza, espreitando o tritón común ás súas presas normalmente tras unha busca lenta polo fondo das charcas, mentres que T. pygmaeus as inxire rapidamente tras observar o seu movemento na columna de auga.

Segundo Galán, en Galicia parece ser que hai unha forte competencia entre as larvas nas charcas onde conviven as tres especies galegas de tritóns (T. boscai, T. helveticus e T. marmoratus).[4]

Patrón social e comportamento[editar | editar a fonte]

En fase terrestre, os adultos, en determinadas situacións de perigo, exhiben unha postura determinada que consiste en arquear o corpo, levantando a cola e a cabeza e estirando as extremidades, mostrando así a coloración alaranxada ou avermellada da zona ventral de cabeza, tronco e cola.

Ao principio da fase acuática, os adultos mostran actividade crepuscular, pero conforme avanza o período reprodutor tenden a estender a súa actividade durante o período diúrno.

A actividade estacional varía ao longo da súa área de distribución. No norte poden estar inactivos en inverno, mentres que nas poboacións do sur, o período de inactividade sitúase no verán. Nalgunhas poboacións, os tritóns teñen actividade terrestre mantendo tamén unha fase acuática asociada á reprodución, mentres que noutras poboacións pódense observar individuos en fase acuática durante todo o ano.

En Galicia, non é raro ver machos facéndolle o cortexo a outros machos, ou a individuos de T. helveticus nas charcas onde conviven ambas as especies.[4]

Status de conservación[editar | editar a fonte]

En Galicia é unha especie moi abundante e frecuente en todo o país.[4] Catalógase como especie de preocupación menor (LC).[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jan Willem Arntzen, Pedro Beja, Robert Jehle, Jaime Bosch, Miguel Tejedo, Miguel Lizana, Iñigo Martínez-Solano, Alfredo Salvador, Mario García-París, Ernesto Recuero Gil, Paulo Sá-Sousa, Rafael Marquez 2008. Lissotriton boscai. In: IUCN 2010. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2010.2. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 04 August 2010.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tritón.
  3. 3,0 3,1 Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 71-72. Real Academia Galega.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Galán (1993), p. 125-129.
  5. Andrada (1980), p. 48.
  6. Rafinski, J. e A. Czaja (1984): "Sexual behaviour of the Bosca's newt, Triturus boscai." Amphibia-Reptilia, 5: 197.
  7. Curt e Galán (1982).
  8. García-París, M., B. Arano, e P. Herrero. (2001): "Molecular Characterization of the contact zone between Triturus pygmaeus and T. marmoratus (Caudata: Salamandridae) in Central Spain and their taxonomic assessment". Revista Española de Herpetología, 15: 115-126.
  9. Jan Willem Arntzen, Pedro Beja, Robert Jehle, Jaime Bosch, Miguel Tejedo, Miguel Lizana, Iñigo Martínez-Solano, Alfredo Salvador, Mario García-París, Ernesto Recuero Gil, Paulo Sá-Sousa, Rafael Márquez (2008: Lissotriton boscai. In: IUCN 2010. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2010.2. <www.iucnredlist.org>.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrada, Javier (1980): Guía de campo de los anfibios y reptiles de la península Ibérica. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0589-2.
  • Arnold, E. N. e J. A. Burton (1978): Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0488-8.
  • SGHN / CCG (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo I. Peixes, anfibios, réptiles e mamíferos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Sociedade Galega de Historia Natural. ISBN 84-87172-89-X.
  • Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, Real Academia Galega.
  • Curt Martínez, José e Pedro Galán Regalado (1982): Esos anfibios y reptiles gallegos. Pontevedra: Ed. José Curt.
  • Galán Regalado, Pedro e Gustavo Fernández Arias (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-722-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]