Pica de Richard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pica de Richard
Exemplar en Tailandia.
Exemplar en Tailandia.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Motacillidae
Xénero: Anthus
Especie: A. richardi
Nome binomial
'Anthus richardi'
Vieillot, 1818

A pica de Richard (Anthus richardi) é un paxaro de tamaño medio que cría no norte de Asia e pasa o inverno no sur deste continente. Aparece de xeito relativamente frecuente no leste de Europa. O nome desta ave foille dado en lor do naturalista francés Richard de Lunéville.

Descrición[editar | editar a fonte]

A pica de Richard é unha pica de tamaño grande e de patas e dedos dos pés longos, particularmente a deda posterior que é moi recta, en relación ós de outras especies semellantes. Mide entre 17 e 20 cm, pesa entre 25 e 36 gramos e ten unha envergadura de alas de entre 20 e 30 cm. É un paxaro esvelto e de cola e bico longos que a miúdo adopta unha postura erguida. A súa coloración faino difícil de distinguir cando está pousado no chan: a parte superior do corpo ten listas escuras sobre un fondo acastañado; a gorxa, que ten listas negras, e os vaos teñen cores que van do beixe ó rosado. O abdome e abrancazado. A cola ten plumas exteriores brancas e o bico é negro coa base da parte inferior amarela. A cara é moi debuxada cunha banda ocular negra, zona superciliar branca e faixas no “bigote” e a zona malar. As alas amosan dúas barras pálidas.

As diferentes subespecies teñen aspectos algo diferentes:

  • A. r. sinensis é máis pequena e menos listada cá forma típica.
  • A. r. centralasiae, meirande e coa parte superior do corpo de cor máis areenta.
  • A. r. dauricus, de lombo máis listado.

É unha ave que voa de xeito ondulante pero con forza, e emite unha chamada semellante á do pardal. O seu canto e unha serie monótona de notas que emite mentres que voa.

Distribución xeográfica e hábitat[editar | editar a fonte]

A pica de Richard vive principalmente en estepas herbáceas e zonas abertas do leste de Asia, dende o leste de Casaquistán ata ó Océano Pacífico. Pasa o inverno no subcontinente indio, o sueste de Asia e o sur de China, e ten sido vista en zonas tan meridionais coma Sri Lanka, Singapur e o norte da illa de Borneo. Algunhas aves desprázanse cara ó oeste no outono e algúns exemplares adoitan aparecer en case tódolos países de Europa, o Oriente Próximo e o norte de África. De feito pequenas poboacións invernan na Península Ibérica e Marrocos.

Exemplar de pica de Richard fotografiado na India.

Prefire ás áreas máis húmidas ás secas e aparece tanto en zonas completamente chas coma nas abas das montañas. Durante as migracións vese a miúdo en zonas de labranza, nas costas e en beiras de ríos cubertas de area.

Reprodución e alimentación[editar | editar a fonte]

A construción dos niños comeza entre unha e dúas semanas despois de chegaren ás áreas de cría. Os niños son pequenas depresións agachadas entre a vexetación que escalan na terra e cobren de brión e herbas. Poñen entre catro e seis ovos, moi debuxados con pencas e liñas acastañadas, oliváceas ou grises.

Son aves insectívoras que captura as súas presas no chan ou no aire despois dun voo curto. Ocasionalmente comen tamén sementes.

Situación das poboacións[editar | editar a fonte]

Non hai estimacións sobre o número de exemplares desta especie. A IUCN considera que e unha ave habitual, polo menos en parte da súa área de distribución, e non a considera unha especie ameazada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2013). "Anthus richardi". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.