Piñeiro de Norfolk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piñeiro de Norfolk
Araucaria de Norfolk
Araucaria de Norfolk
Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Araucariaceae
Xénero: Araucaria
Especie: A. heterophylla
Nome binomial
Araucaria heterophylla
(Salisb.) Franco
Sinonimia

A. excelsa R. Br. ex Aiton, en parte (Silba 1986)
Dombeya excelsa D.Don
Eutassa heterophylla Salis

Detalle das follas.

O piñeiro de Norfolk, araucaria da illa de Norfolk ou araucaria excelsa[1] (Araucaria heterophylla; sinónimo: A. excelsa) é unha conífera distintiva, membro da antiga familia Araucariaceae. O seu nome vernacular débese a que esta árbore, que non é un piñeiro, é endémica da illa Norfolk, Australia, aínda que actualmente está amplamente cultivada en todo o mundo polo seu valor ornamental. De grande porte, pode ser encontrada tanto en rexións frías como quentes.

Coñécese tamén como piñeiro de Norfolk debido a que foi nesa illa perdida no océano Pacífico onde o lendario capitán Cook -o mariño inglés James Cook-, na súa segunda viaxe en 1774, descubriu os espléndidos bosques desta especie e informou debidamente ao almirantado. Os troncos de Araucaria heterophylla, rectos, fortes, de até 50 m de altura, foron uns bos mastros para a Real Armada inglesa.

O seu maior atractivo consiste na exacta simetría da ramaxe, xa que desde o recto tronco emite as súas pólas case horizontais ou levemente oblicuas, en número de cinco, formando pisos; o plano de cada piso é un pentágono perfecto. A follaxe está formada por follas con escamas. As follas son agullas, de 1 a 1,5 cm de lonxitude, cerca de 1 mm de espesura na base, en árbores novas, e encurvadas, de 5 a 10 mm de lonxitude. As piñas miden de 10 a 12 cm e de 12 a 14 centímetros de diámetro, e botan 18 meses para madurecer, cando se abren e liberan os piñóns, que son comestibles. O nome científico "heterophylla" ("diferentes follas") é pola variación das follas entre as plantas novas e as adultas.

É unha árbore dioica (froitos masculinos e femininos en distintas plantas), aínda que tamén pode ser monoica. Os froitos son conos globosos de até 12 cm de diámetro. A reprodución sexual da especie asegura a conservación da simetría, mentres que a obtención agámica de exemplares non podería asegurala.

A árbore adoita acadar alturas que van desde os 50 aos 80 m. En moitas partes do mundo son usadas como plantas decorativas de interiores (na súa etapa xuvenil), xa que é unha especie de crecemento lento.

Árbores senlleiras[editar | editar a fonte]

O piñeiro de Norfolk da casa dos Tenreiro en Pontedeume figura no Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Xunta de Galicia. No mesmo eido, hoxe terreo público, atópase o teixo dos Tenreiro, tamén senlleiro e centenario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estas dúas últimas denominacións son as escollidas coma nomes vulgares galegos en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Piñeiro de Norfolk Modificar a ligazón no Wikidata