Pazo de Castrelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pazo de Lavandeira»)
Pazo de Castrelos
ConcelloCastrelos, Vigo
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°12′49″N 8°43′39″O / 42.213669444444, -8.7275583333333Coordenadas: 42°12′49″N 8°43′39″O / 42.213669444444, -8.7275583333333
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século XVII)
Estilo actual(século XVIII remodelado)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]
Sebes de buxos par da fachada posterior

O Pazo de Castrelos é unha casa señorial que se atopa no parque do mesmo nome, na parroquia de Castrelos, en Vigo.

Declarado monumento histórico artístico dende 1955. O edificio data do século XVII.

Na actualidade pertence ao concello de Vigo e é sede do Museo Municipal Quiñones de León, no que destaca a presenza de coleccións de arqueoloxía e arte galega.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe remóntase ao antigo Pazo da Lavandeira, construción levantada cara ao ano 1670, anos despois da fundación do morgado polo capitán Johan Tavares en 1665 (como recolle o escudo de armas da fachada principal). Esta familia permanece na propiedade até o século XVIII en que deixará paso aos Montenegro e a comezos do XIX ao marquesado de Valladares.

A finais do século XIX ao terreo e o pazo son herdados por dona María de los Milagros Elduayen, VIII Marquesa de Valladares, e seu home Fernando Quiñones de León, Marqués de Alcedo, os cales emprenderon unha importantísima reforma do edificio. O temperán falecemento da marquesa fixo que o pazo pasase a mans do seu fillo Fernando Quiñones de León Elduayen, IX Marqués de Valladares. En 1918 este pereceu sen descendencia deixando como herdeiro a seu pai e como usufrutuaria vitalicia a súa esposa, Marianne de Wythe. Foi seu pai quen o 12 de decembro de 1924 doou ao pobo de Vigo a propiedade, condicionando a súa doazón a que se dispuxesen nel un museo e un parque público.

Fachada sur do pazo.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O antecedente arquitectónico do edificio actual é a citada na documentación como Torre de Lavandeira que probabelmente se levantaba no mesmo lugar que o pazo ocupa hoxe en día. A súa denominación como torre alude a unha tipoloxía herdeira da arquitectura militar medieval.

Vistas dende o xardín inglés.

No marco dos enfrontamentos fronteirizos con Portugal a consecuencia do proceso de independencia iniciado en 1641 no país veciño prodúcese a devastación da torre de Lavandeira, erguéndose en 1670 o novo edificio do morgado fundado polo capitán Johan Tavares.

Exterior[editar | editar a fonte]

Constrúese un edificio de nova planta inspirado no achegado e acabado de construír no lugar da Torre Busteu (1633) Pazo de San Thomé (Pazo da Pastora), exemplo de palacete renacentista urbano castelán implantado no rural galego polo vencello dos seus propietarios coa Corte. O edificio segue a tipoloxía de corpo flanqueado por dúas torres, actualmente moi reformado e ampliado cun engadido na parte posterior, e un distribuidor perpendicular que aloxa a capela e o pavillón de servizos. Estas ampliacións e reformas foron emprendidas polo Marqués de Alcedo a finais do século XIX e principios do XX.

A planta está composta dun corredor rectangular. Diante da fachada principal esténdese un amplo patio cun estanque circular. A planta ten un corpo central caleado, agás no zócolo, na contorna de ocos e escudo con armas dos Tavares. Os ocos posúen desaugadoiros e balcóns de ferro forxado. Termina o corpo central cun entaboado coroado por ameas. As dúas torres son idénticas, de cadeirados de planta cadrada. Ocos sinxelos, cun balcón no segundo andar, escudo entre o segundo e terceiro e remate de ameas.

Interior[editar | editar a fonte]

O interior responde ao prototipo de palacio urbano, conferíndolle a cada andar unha funcionalidade diferente. A planta terrea está destinada ás habitacións de servizo, cociña e almacéns. Na planta nobre (sobrado) sitúanse salóns e cuartos. A escaleira que os comunica está situada na ampliación realizada a finais do XIX e foi executada no século XX. Porén, o interior do edificio foi obxecto de importantes remodelacións, que nos impiden recoñecer como era exactamente a súa distribución inicial.

O mobiliario e o enxoval orixinarios do pazo non chegaron até nós pois os bens mobles da casa non formaban parte da doazón á cidade de Vigo. Numerosas fontes documentais falan da súa riqueza. A moblaxe actual é froito de sucesivas doazóns e compras do concello de Vigo. Está formado por un rico repertorio de mobles (de asento e de gardar, mesas, espellos, biombos e outros mobles auxiliares), alfombras (de oriente medio e españolas) e lámpadas de cristal.

Capela.

Capela[editar | editar a fonte]

Con anterioridade a 1680 os propietarios do pazo posuían un oratorio privado dedicado á Nosa Señora da Soidade que permaneceu activo nunha sala do pazo ao longo do século XVIII.[1]. Non existía logo unha construción específica, polo que o lugar de culto e enterramento dos señores do pazo non era outro que a igrexa de Santa María de Castrelos (1216), moi preto do pazo, onde posuían un lugar de privilexio no altar maior.

En 1853 construírase a capela acaroada ao edificio principal baixo a advocación da Virxe do Carme. Ficaba pechada e só se oficiaba nela cando os marqueses se atopaban no pazo. Está presidida por un retablo de mediados do século XVI cuxa procedencia é, polo de agora, unha incógnita. O retablo é de factura plateresca e responde a presentacións moi difundidas en Castela. Por adaptalo ao testeiro da capela, non conserva máis que dous corpos divididos en tres panos, nos que se acollen catro pinturas sobre táboa do obradoiro do mestre zamorano Lorenzo de Ávila.

Pombal no eido do pazo.

Construcións adxacentes[editar | editar a fonte]

Ademais da vivenda en si, o pazo complétase con algunhas construcións adxacentes (algunhas desaparecidas): alpendres, o alcouve, o propio muro de defensa ameado, un orixinal pombal ergueito sobre un emerxente penedo, no cal cría unha colonia controlada de pombas zuras, e todos os elementos propios da xardinaxe palaciana: esculturas, fontes, chafarices, pozas, pías, camiños, pérgolas, quioscos etc. (Ver artigo: Parque de Castrelos).

Museo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Museo Quiñones de León.

O Museo Municipal de Vigo Quiñones de León nace coa doazón do pazo ao pobo de Vigo en 1924 porque os seus propietarios dispuxeron que se debía dedicar a museo. Aínda que a doazón non será definitiva ata dez anos máis tarde, a partir dese momento iníciase unha tarefa de provisión de obras e coleccións de arte que está na base das coleccións actuais.

A aspiración do museo foi e é a contextualización deste legado patrimonial no desenvolvemento da propia cidade, o que permitirá que o Museo Municipal Quiñones de León comece a funcionar como museo da cidade para todos os efectos.

Xardín francés.

Xardíns[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Parque de Castrelos.

O espazo axardinado está situado no contorno inmediato á vivenda e forma con ela un conxunto indisociábel. Concíbese, á maneira dos grandes xardíns da Francia barroca.

O xardín presenta numerosas especies vexetais ornamentais, autóctonas e exóticas, algunhas centenarias grazas á benignidade do clima en Vigo.

Esta coidada vexetación vese enriquecida por esculturas, unha galería de brasóns e diversos monumentos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan Miguel González Fernández. Inventario histórico das ermidas de Vigo e do Val de Fragoso. Vigo, 1997

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]