Pomba zura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pomba zura
Columba oenas1.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Xénero: Columba
Especie: Columba oenas
Ovo de Columba oenas

A pomba zura[2][3] ou pombo pequeno[4] (Columba oenas) é unha especie de ave da familia Columbidae.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

O xénero Columba é o maior da familia Columbidae, e ten a máis ampla distribución. Os seus membros son de cor gris clara ou marrón, a miudo con cabeza branca ou marcas no pescozo ou manchas púrpuras ou verdes iridescentes en pescozo e peito. As plumas do pescozo poden estar ríxidas e aliñadas formando canles, pero esta característica está ausente nesta especie. A pomba zura é menos gris que outras pombas europeas.

As tres pombas do xénero Columba do oeste de Europa, aínda que son bastante parecidas, teñen cracterísticas distintivas doadas de ver. O pombo torcaz ou torcaza (Columba palumbus) pode distinguirse facilmente polo seu tamaño grande e pola cor branca do pescozo (nos adultos) e ás. A pomba das rochas (Columba livia) e a pomba zura son máis parecidas en tamaño e plumaxe, pero os espécimes silvestres da primeira teñen unha mitra branca e dúas barras ben marcadas escuras nas ás, mentres que a mitra da pomba zura é gris e as barras das ás tenas incompletas. A Columba livia domestica (a mesma especie que a torcaza) é moi variable, e ás veces algúns espécimes grises marcados indistintamente sen mitra branca poden parecerse moito ás pombas zuras.

A pomba zura é sociable e gregaria, a miúdo mestúrase con torcazas, aínda que isto podería ser simplemente pola presenza de abundante alimento.

A chamada curta, profunda e gruñona (Ooo-uu-ooh) da pomba zura é bastante distinta das notas de arrolo moduladas das torcazas.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

A pomba zura é a máis escasa das pombas europeas, aínda que segue sendo común nos seus hábitats ideais. En parte da súa área en Europa e oeste de Asia é unha ave migratoria. Experimentou un forte descenso en Francia (−57% en 1976), onde invernan de 100 000 a 200 000 individuos.[6]. Aínda que a especie non se considera ameazada en Europa, está clasificada na cláusula 2 da Directriz de Aves e no anexo III da Convención de Berna.[7]

Fai o niño xeralmente nunha árbore vella. Antes da deforestación en moitas zonas de Europa, a pomba zura era a pomba máis frecuente, e nidificaba principalmente en carballos e piñeiros, pero normalmente só se atopaba en bosques vellos, xa que necesitaba que as árbores tivesen cavidades. Nas plantacións forestais non hai moitos ocos nas árbores para facer o niño, polo que alí é máis escasa. Ademais, como cría dúas veces ao ano, require dous buratos para criar. Observouse que nidifica en tobos de coellos, ruínas, vellos setos de chopos, gretas de penedos ou paredes de cantís, en hedra e nos crecementos grosos arredor dos troncos de tilleiros. Tamén utiliza caixas de nidación. A cavidade debe ser de 75 centímetros de profundidade e o burato tan grande como un puño. Aínda que raramente utiliza material para o niño, os pichónss deixan o burato moi aceitoso. As pombas zura prefiren nidificar xuntas. Fóra da estación reprodutora poden tamén descansar pousadas en cavidades.

O hábitat daesta especie é xeralmente o campo aberto. Aínda que faga o niño nas árbores non prefire as áreas densamente boscosas. É tamén común nas costas onde hai moitos buratos nos cantís.

O seu voo é rápido, con batidos regulares e algunha sacudida brusca ocasional das ás, unha característica xeral nas pombas. Na súa exhibición de cortexo camiña ao longo dunha rama horizontal co pescozo inchado, as ás baixas e a cola en abano. Durante os voos de primavera en círculo fai un ruído coas á como o dun látego.

A maioría do seu alimento é vexetal; prefire comer brotes novos e plantiñas e come tamén sementes e insectos e caracois. Nalgunhas áreas aliméntase principalmente de sementes de piñeiros. A súa dieta pode incluír diversos alimentos: bagas como as de loureiro e estripeiro, figos, sementes de cereais, feixóns, chícharos e pequenos invertebrados que captura mentres camiña polo chan. Durante a migración de outono en outubro, fan paradas en sitios con abundancia de landras, suplementando a súa dieta con brotes e follas.

Etimoloxía e taxonomía[editar | editar a fonte]

O nome do xénero, Columba, é a palabra latina para "pombo, pomba",[8] que á súa vez procede do antigo grego κόλυμβος (kolumbos), 'un mergullador', de κολυμβάω (kolumbao), 'mergullarse, tirarse de cabeza á auga, nadar'.[9] Aristófanes (As aves, 304) e outros usan a palabra κολυμβίς (kolumbis), 'mergullador', como nome da ave, debido o seu movemento parecido ao natatorio no aire. O epíteto da especie, oenas procede do grego oinas, 'pombo'.[8]

Foi descrita cientificamente por Carl Linnaeus en 1758 como especie tipo do xénero Columba na 10ª edición da súa obra Systema naturæ,[10] e co seu nome científico actual.[11] Recoñécense dúas subespecies:[10][12]

  • Columba oenas oenas Linnaeus, 1758 - a subespecie nominal que se encontra no Paleártico occidental;
  • Columba oenas yarkandensis Buturlin, 1908 - presente en Casaquistán, Usbequistán e China occidental.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Columba oenas". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Dicionario Digalego pomba Arquivado 11 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  4. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  5. Gibbs, David; Eustace Barnes; John Cox. Pigeons and Doves: A Guide to the Pigeons and Doves of the World. United Kingdom: Pica Press. p. 624. ISBN 1-873403-60-7. 
  6. Yeatman-Berthelot, 1991, Enquête Atlas
  7. État de santé des populations d'oiseaux nicheurs en France de 1989 a 2001. (état zéro du programme STOC).
  8. 8,0 8,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 114, 280. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  9. Liddell, Henry George & Robert Scott (1980). A Greek-English Lexicon (Abridged Edition). United Kingdom: Oxford University Press. ISBN 0-19-910207-4. 
  10. 10,0 10,1 Zoonomen. "Taxonomía de Columbiformes." (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2015. 
  11. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 162.
  12. Frank Gill y David Donsker. Pigeons. IOC World Bird List versión 5.1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]