Pato rubio
Pato rubio Netta rufina | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho. | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Netta rufina (Pallas, 1773) | |||||||||||||||||
Distribución de Netta rufina
Área de cría. Área de ocupación permanente. Área de invernada. |
O pato rubio,[2][3] Netta rufina, é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae propia de Eurasia e o norte de África.[4] Non se recoñecen subespecies.[4]
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha das aves anátidas máis rechamantemente coloreadas de Europa. Salienta pola súa gran cabeza redonda.[5] Mide entre 45 e 54 cm de longo e entre 85 e 92 cm de envergadura, e adoita pesar entre 800 e 1500 g. O macho é inconfundible coa súa prominente cabeza de cor castaña alaranxada e o seu bico vermello. O pescozo e a maior parte do seu corpo son negros, exceptuando unha gran mancha branca que ocupa a parte central do seu flanco, e o dorso que é pardo cincento como as coberteiras das súas ás. Presenta unha gran banda branca que abrangue todas as plumas de voo das ás, mentres que a beira anterior e a parte inferior das ás, ademais da punta da cola, tamén son brancos. O iris dos ollos téñenos de cor vermella. A femia é de tons pardos claros, algo máis escuros nas partes superiores. As súas meixelas abrancazadas contrastan co píleo pardo. O bico da femia é anegrado coa punta alaranxada e os ollos castaños. O macho en plumaxe de eclipse é similar á femia aínda que máis escuro, e segue tendo o bico avermellado.
O único pato que ten un padrón de plumaxe parecido ao do macho na súa área de distribución é o pato chupón, pero este ten as ás e dorso abrancazados na súa totalidade, e o seu ventre é branco, non só o flanco. Ademais, aínda que ten a cabeza e os ollos dunha cor similar, a cabeza do pato chupón é de forma triangular e o seu bico é negro e gris, non rubio.
Taxonomía e etimoloxía
[editar | editar a fonte]O pato rubio describiuno cientificamente o zoólogo alemán Peter Simon Pallas en 1773,[6] co nome de Anas rufina, que en latín significa 'pato de pelo rubio', en referencia á cor vermella (rubia) da cabeza do macho. Posteriormente foi trasladado ao xénero Netta, creado por Johann Jakob Kaup en 1829.[6] É unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[7]
A etimoloxía do nome do seu xénero é simple, Netta é a palabra do grego antigo que significa 'pato'. O seu nome específico rufina procede do termo latino rufus, que significa 'rubio' (de pelo vermello), co engadido da terminación feminizadora -ina (posto que tanto anas coma netta son femininas).
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Cría en lagos e lagoas de latitudes temperadas de Europa e Asia occidental e central. A maioría das súas poboacións son migratorias. Pasa o inverno no sur de Europa e Asia e o norte de África. En Galicia é un invernante escaso.[3] Durante a migración e o seu período de invernante tamén se pode encontrar en estuarios, deltas, marismas e outros hábitats costeiros.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Aliméntase principalmente de plantas acuáticas, incluídas as súas raíces e sementes, aínda que complementa a súa dieta con invertebrados como moluscos e pequenos anfibios e peixes.[1]
A época de cría ten lugar entre abril e agosto.[5] Constrúe o seu niño no chan xunto á beira da auga ou sobre balsas de vexetación flotante. Incuba durante uns 26 a 28 días unha posta de entre 6 e 12 ovos de cor verde clara. Mentres a femia incuba e coida das crías os machos mudan por completo a plumaxe perdendo a capacidade de voar durante un mes,[1] un período que pasan agochados entre a vexetación palustre a maior parte dol tempo. As femias realizan a muda un mes despois,[1] cando as súas crías están emplumando.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2012). "Netta rufina". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 28 de febreiro de 2015.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ 4,0 4,1 Clements, J. F., T. S. Schulenberg, M. J. Iliff, B.L. Sullivan y C. L. Wood. (2011). "The Clements checklist of birds of the world: Version 6.6". Arquivado dende o orixinal o 4 de decembro de 2011. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ 5,0 5,1 Dierschke, V. (2008). Aves de Europa (en español). Barcelona: Ediciones Omega. p. 256. ISBN 978-84-282-1476-6.
- ↑ 6,0 6,1 Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
- ↑ Frank Gill y David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pato rubio |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pato rubio |