Partido Republicano Progresista (1880)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Partido Republicano Progresista foi un partido político español da época da Restauración.

Historia e características[editar | editar a fonte]

O Partido Republicano Progresista estivo moi vinculado á figura de Manuel Ruiz Zorrilla, que dirixiu o partido case sempre desde o exilio. Logo da Restauración da monarquía en 1874, Ruiz Zorrilla uniuse a Nicolás Salmerón para fundar o Partido Reformista Republicano en 1876. Emporiso, as diferenzas en canto á táctica política levaron a Ruiz Zorrilla a fundar en 1880 o seu propio partido, o Partido Republicano Progresista.

Durante o resto da vida de Ruiz Zorrilla, o partido insistiu na táctica do insurrecionalismo, apoiando diversas tentativas civís e militares para derribar o réxime da Restauración. Todas fracasaron, e o partido foi abandonado sucesivamente polo resto de personalidades que o formaron, como Cristino Martos, Montero Ríos e José Canalejas. Á morte de Ruiz Zorrilla en 1895, o partido era practicamente inoperante, pero sobreviviu ata 1903, cando se integrou na Unión Republicana, xunto co Partido Republicano Centralista de Salmerón e o Partido Republicano Federal de Pi i Margall.[1]

O Partido Republicano Progresista en Galicia[editar | editar a fonte]

A noite do 11 de decembro de 1881, refundouse o partido dos demócratas-republicanos en Santiago baixo o nome de Partido Republicano-Progresista. Ao inicio da sesión constituinte, presidiu provisoriamente José Cardalda e, tralas votacións, resultaron elixidos José Sánchez Villamarín (presidente), Acacio Fráiz (vicepresidente), Pablo Pérez Ballesteros, Francisco Álvarez, Salvador García, José Cardalda, Ramón Albán (vogais), Alfredo Vilas (secretario) e Cándido Pereira (vicesecretario), declarando presidentes honorarios a Zorrilla (a quen lle enviaron un telegráma a París para notificarlle a nova) e Salmerón[2] (quen visitou a cidade o 15 de setembro de 1886[3]).

En 1892 fundouse o Centro de Unión Republicana de Santiago, que pretendía ser o "punto de reunión donde la familia republicana de esta ciudad se cambia impresiones" [4] e a unión política de todos os republicanos, xa que en 1886 tamén se refundou na cidade o Partido Republicano Federal[5]. Os seus órganos de expresión foron o semanario El Republicano e El Amigo del Pueblo[6]. Foron membros do Centro José Peña, Constantino Nogueira, Manuel Vila Nadal, José Cardalda e Ramón García Suárez[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pabón (1999), p. 175
  2. Gaceta de Galicia, 12-12-1881, p. 2.
  3. Gaceta de Galicia, 16-09-1886, p. 3.
  4. El Republicano, 10-02-1894, p. 2.
  5. Gaceta de Galicia, 9-04-1886, p. 2.
  6. Gaceta de Galicia, 4-3-1894, p. 2.
  7. La Economía y la sociedad compostelanas a finales del siglo XIX, de José Manuel Pose Antelo, Santiago, 1992, p. 253.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]