Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i l'Obac

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sant Llorenç de Munt i l'Obac
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural
Ano de constitución: 1.972
Superficie: 13.694 ha
Lexislación: Decreto 106/87, 20 de febreiro (DOGC 827, 10-04-87)
Datos de interese
País: España España
Provincias: Barcelona
Concellos: Talamanca, Monistrol de Calders, Granera, Sant Llorenç Savall, Mura, Rellinars, Vacarisses,Terrassa, Castellar del Vallès, Sant Vicenç de Castellet
Ríos: Ripoll
Picos La Mola (1104 mt), El Montcau (1057 mt), Castellsapera (932 mt), Turó de la Carlina (924 mt)
Teléfonos: 938 317 300

O Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i l'Obac está localizado en Cataluña, na provincia de Barcelona, concretamente nas comarcas do Vallès Occidental e Bages. Está limitado na súa parte oriental polo río Ripoll.

Historia[editar | editar a fonte]

A creación do Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i L'Obac levouse a cabo a través dun Plan de Especial promovido pola Deputación de Barcelona aprobado no 1.982, finalmente confirmado coma parque natural no ano 1.987. Esta protección foi promovida e requirida polos graves impactos ambientais causados pola construción de urbanizacións e a abertura de infraestruturas, normalmente feitas co beneplácito das autoridades públicas entre as décadas dos 50 e 70 do século XX; isto condicionou posteriormente a delimitación e extensión do parque natural, especialmente no sector meridional.

Orografía[editar | editar a fonte]

Morfoloxicamente o parque está formado polas Serras de Sant Llorenç e a Serra de L'Obac ligadas a través do Coll d'Estenalles (870 metros) e separados na parte sur pola Riera de les Arenes, formando o conxunto unha singular U invertida. Sen dúbida o medio físico é o grande atractivo do parque. Debido a composición arxilosa e calcaria do terreo xunto coa acción erosiva das correntes fluviais que ocorreron durante a Era Terciaria formáronse formacións rochosas de especial interese xeolóxico. Ademais das canles, "roquetes", riscos e os monólitos, a nivel subterráneo destacan o gran número de covas, nas cales é posible a práctica da espeleoloxía. As máis accesibles son a cova do Drac e a cova Simanya. Esta última habitada polo home prehistórico é a de maior importancia cunha extensión total de 366 metros de galerías. Estas particularidades no terreo provocan que a vexetación só atope un hábitat adecuado para o seu desenvolvemento nos vales e barrancos.

Presenza humana[editar | editar a fonte]

A presenza e actividade humana influíu neste espazo dende a prehistoria ata a actualidade, e son múltiples os restos existentes doutras épocas. Igualmente as actividades tradicionais ligadas a explotación dos recursos do territorio tiveron unha forte influencia no medio físico. Aínda que actualmente estas actividades están practicamente desaparecidas ou en desuso.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

O patrimonio arquitectónico é extenso e considerase dun gran valor cultural e histórico, dende restos de cerámicas romanas ata tumbas visigóticas. Por outro lado salientar as igrexas (Sant Jaume de Vallverd, Santa María de les Arenes ou Santa Agnès), os castelos (A Torrota de Vacarisses) ou as masías (El Marquet de les Roques, Can Pobla ou Casa Nova de l'Obac). Porén o elemento máis importante é sen dúbida o Mosteiro beneditino de Sant Llorenç de Munt localizado na cima da Mola. Hoxe en día consérvase o templo de estilo románico, cuxa construción iniciouse o ano 1.045 e foi consagrado no 1.064. Non obstante hai indicios de asentamentos relixiosos dende o século IX. A basílica consta de tres naves feita con pedra da propia montaña. Iniciada a súa decadencia no 1.608 co final da comunidade, o abandono definitivo produciuse no 1.804. A recuperación comezou na segunda metade do século XIX polo abade e economista Antonio Vergés, pola asociación de amigos de Sant Llorenç de Munt e polos traballos de restauración que dende o ano 1.962 pola deputación de Barcelona.

Actividades tradicionais[editar | editar a fonte]

A produción do carbón vexetal[editar | editar a fonte]

Debido a súa potencia calorífica e a súa facilidade de transporte (máis lixeiro cá madeira) O carbón vexetal foi obtido, a través da combustión lenta da madeira, na contorna do parque dende tempos antigos. De feito son numerosas as prazas carboeiras que aínda hoxe se distinguen polos camiños. En moitas zonas do macizo predominan fragas de aciñeiras mal estruturados nos que predominan os exemplares inmaturos. Isto debese a sobre explotación pola actividade carboeira.​

Os grupos de carboeiros que vivían na montaña en barracas de madeira, producían este carbón vexetal entre os meses de novembro e marzo.

Coma primeiro paso do proceso escollíase un lugar chan e amplo coma praza carboeira. Montaban unha pila de leña seca de forma circular enriba da praza cunha cheminea central. Engadindo capas adicionais de leña dende a cheminea, a pila acadaba as dimensións desexadas. Finalmente, para conseguir unha cocción lenta, sen osíxeno, a pila forrábase con ramallos verdes e unha capa de terra.

Acendíase a pila tirando achas pola cheminea e controlábase a cocción deixando entrar máis ou menos aire na pila ou engadindo máis ou menos madeira, sempre buscando que a cocción no fose demasiado rápida. Cando o fume expulsado era branco o carbón xa estaba cociñado.​

A industria do xeo[editar | editar a fonte]

O pou de glaç da Portella

O xeo obtíñase nunha estrutura de pedra chamada “pou de glaç”, literalmente pozo de xeo. Esta cúpula era a cuberta dun cavidade de forma semiesférica duns 6 metros de profundidade baixo terra.

Os pous permitían conservar o xeo obtido no inverno. As tarefas desta técnica distribuíanse de acordo ó ciclo estacional do clima mediterráneo. As chuvias do outono enchían de auga as escavacións feitas na serra (coñecidas coma "basses"). No inverno a auga conxelábase e posteriormente este xeo cortábase mediante serras en bloques. Estes bloques introducíanse nos pozos para illalos da calor da primavera. Para mellorar o illamento, os pozos escavábanse en zonas ensombrecidas ou baixo densos fragas de aciñeiras, ademais a forma semicircular da cúpula evitaba có aire quente entrase no interior.

O xeo extraíase do pozo nas noites do verán e transportábanse en carro para venderse nas vilas costeiras, especialmente Barcelona. Debido a escaseza do xeo e a súa utilidade para conservar menciñas e alimentos, este era moi valioso, orixinando unha grande actividade comercial. No século XVI construíronse pozos de xeo por diversas comarcas catalás facendo desta actividade moi rendible durante séculos, ata que no primeiro terzo do século XX, os pozos quedaron obsoletos debido a aparición do xeo industrial e posteriormente dos primeiros frigoríficos eléctricos.

No Parque Natural de Sant Llorenç i L’Obac téñense atopado catro pozos de xeo, todos na serra de l’Obac. O Pou de glaç da Portella e o de Estepar, construídos pola familia Ubach no século XVIII, o pozo de xeo situado no mas de la Mata e pozo de xeo de Guinart, na Serra Llarga.

Flora[editar | editar a fonte]

A maior parte da extensión vexetal do parque é ocupada pola aciñeira, soamente por enriba dos 800 metros atopamos especies de hábitats máis húmidos coma o carballo. Noutras zonas do parque onde predominan os rochedos e os barrancos, sobreviven especies adaptadas a ecosistemas moi secos e con moi pouca terra

Fauna[editar | editar a fonte]

A diversidade de ambientes ecolóxicos fai que vivan no parque unha gran variedade de animais, chegándose a contabilizar máis de dúas centenas especies de vertebrados. A píntega, a serpe vede, o gaio, o xabarín, a xeneta, a Escribenta riscada ou as aves rapaces son as especies máis salientables. Entre estas nomear a presenza do voitre branco, especie de grande interese ornitolóxico e que se atopa en declive na Península Ibérica, sendo considerada en perigo de extinción. A súa presenza no parque confirmouse en xullo do 2011 [1], uns meses despois confirmouse a existencia de parellas reprodutoras [2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Presenza do voitre branco confirmado no Parque. Véxase nota de prensa (en catalán)
  2. O voitre branco cría no Parque natural de Sant Llorenç. Véxase nota de prensa (en catalán)[Ligazón morta]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Parcs naturals de Catalunya, Francesc Gurri Serra, Generalitat de Catalunya, Editorial 92 SA, outubro de 1997. (en catalán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]