Pancho Vladigerov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pancho Vladigerov
Nacemento13 de marzo de 1899
Lugar de nacementoZürich
Falecemento8 de setembro de 1978
Lugar de falecementoSofía
SoterradoCemitério Central de Sófia
NacionalidadeBulgaria
Alma máterHochschule für Bildende Künste
Ocupaciónpianista, director de orquestra, compositor, coreógrafo, profesor de música e profesor universitario
FillosAleksandŭr Vladigerov
IrmánsLyuben Vladigerov
PremiosHerder Prize, Heroe Socialista do Traballo e Orden de Georgi Dimitrov
Na rede
IMDB: nm1130763 Spotify: 3qHWF59YM0uI1N2SCcUDsP Musicbrainz: 469c4b84-5d83-4975-bc7c-7cc1bebbbee0 Discogs: 2983843 IMSLP: Category:Vladigerov,_Pancho_Haralanov Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Pancho Haralanov Vladigerov (|ˈpantʃo xaraˈɫaŋov vɫadiˈɡɛr̩ov|), tamén transliterado como Wladigeroff, Wladigerow, Vladiguerov ou Vladigueroff (en búlgaro: Панчо Хараланов Владигеров), nado en Zúric (Suíza) o 13 de marzo de 1899 e finado en Sofía, Bulgaria (Bulgaria) o 8 de setembro de 1978 foi un compositor, pedagogo e pianista búlgaro.

Vladigerov é sen dúbida o compositor búlgaro máis influente de todos os tempos. Foi un dos primeiros que combinou con éxito formas da música folclórica búlgara coa música clásica. Formou parte da chamada "segunda xeración de compositores búlgaros" e foi un dos membros fundadores da Sociedade Búlgara de Música Contemporánea (1933), que logo se converteu na Unión de Compositores Búlgaros.[1] Vladigerov marcou o comezo dalgúns xéneros na música búlgara, incluíndo a sonata para violín e o trío de piano. Foi ademais un pedagogo respectado; entre os seus alumnos estaban practicamente todos os mellores compositores da seguinte xeración, como Alexander Raichev, Alexander Yossifov e Stefan Remenkov, ademais do pianista Alexis Weissenberg.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pancho Vladigerov

Vladigerov naceu en Zúric (Suíza), mais viviu en Shumen, (Bulgaria). A súa nai, Dr. Eliza Pasternak era unha rusa xudía. Era parente do escritor Boris Pasternak, que era curmán de Vladigerov.[2] O seu pai, Dr. Haralan Vladigerov era un avogado e político búlgaro. Pancho Vladigerov tocaba o piano e compuña dende neno. En 1910, dous anos despois da temperá morte do seu pai, Vladigerov e o resto da familia mudáronse a Sofía, onde Pancho comezou a estudar composición con Dobri Hristov, o compositor máis distinguido da súa xeración.

O avó materno de Pancho, Leon Pasternak, xudeu ruso que abandonou Odesa e se instalou en Zúric uns anos antes do nacemento de Pancho, foi unha figura moi influente no seu desenvolvemento musical e no seu posterior éxito. O avó, matemático de profesión, foi campión de xadrez,[3] e músico e compositor afeccionado, e adoitaba tocar o violín con Pancho e co irmán xemelgo deste. Baseado nunha canción xudía que lle ensinou o seu avó, Vladigerov compuxo en 1950 a súa grande sinfonía, o "Poema Xudeu", Opus 47. Esta sinfonía recibiu en 1952 o maior honor dado polo goberno búlgaro a un artista, o premio Dimitrov,[4] e valeulle a admiración dos seus colegas músicos: "Unha obra coma esta escríbese só unha vez cada cen anos", exclamou Dmitrii Shostakovich.[4]

En 1912, a nai de Vladigerov conseguiu obter unha bolsa gobernamental para que os seus fillos estudasen en Berlín, onde Pancho e o seu irmán xemelgo, o violinista Luben Vladigerov, entraron na Staatliche Akademische Hochschule für Musik (agora parte da Universidade das Artes de Berlín), que estaba baixo os auspicios da Academia das Artes. Pancho Vladigerov estudou teoría musical e composición con Paul Juon[5] e piano con Karl Heinrich Barth.[5] En 1920 graduouse da Academia tras estudar piano tamén con Leonid Kreutzer e composición con Friedrich Gernsheim e Georg Schumann. Gañou en dúas ocasións o premio Mendelssohn da Academia (1918 e 1920).

Trala súa graduación Vladigerov converteuse no director musical do Deutsches Theater de Berlín e traballou co célebre director teatral Max Reinhardt. En 1932, tras moitas dúbidas, decidiu volver a Sofía, onde foi nomeado profesor de piano, música de cámara e composición na Academia Estatal de Música, que na actualidade leva o seu nome.

Vladigerov compuxo unha gran variedade de xéneros, incluíndo unha ópera (Tsar Kaloyan, con libreto de Nikolai Liliev e Fani Popova-Mutafova),[6] ballet, música sinfónica, cinco concertos para piano, dous concertos para violín, música de cámara incluíndo cuartetos de corda, tríos (violín, violoncello e piano), obras e transcrición para violín e piano e numerosas obras para piano só,[7] 38 transcricións de pezas instrumentais para instrumento e piano, 13 transcricións posteriores das súas primeiras obras para dous pianos,[8] cincuenta arranxos de concertos de cancións folclóricas para voz e piano/orquestra, 20 cancións para voz e piano, dez cancións corais con piano/orquestra e música incidental para as súas actuacións no Deutsches Theater de Berlín, o Theater in der Josefstadt de Viena e o Teatro Nacional de Sofía.

Vladigerov obtivo gran fama en Europa na década de 1920 cando moitas das súas pezas se publicaron por Universal Edition en Viena e foron editadas en LPs pola compañía alemá Deutsche Grammophon antes de que fosen interpretadas en Europa ou nos Estados Unidos. Como pianista realizou xiras pola maioría dos países europeos interpretando principalmente a súa obra. En 1969 recibiu o premio Herder da Universidade de Viena. A compañía búlgara de gravación Balkanton publicou unha edición da súa música para escenario e sinfónica en catro conxuntos de sete LPs cada un; porén, só unha parte moi pequena da súa obra está dispoñible en CD.

A música de Vladigerov foi admirada por personalidades tan diversas como Richard Strauss, Dmitrii Shostakovich e Aram Khachaturian. Foi interpretada por artistas como Alexis Weissenberg, David Oistrakh, Emil Gilels, Ivan Drenikov e Marc-André Hamelin; non obstante, continúa a ser un gran descoñecido fóra do seu país natal. Os seus sós para piano foron interpretados varias veces no Reino Unidos pola pianista búlgara Valentina Seferinova, que segue a divulgar a súa música.

A obra máis interpretada e emblemática de Vladigerov é sen dúbida Vardar Rhapsody, tamén coñecida como Rapsodia Búlgara. Orixinariamente escrita para violín e piano, foi logo orquestrada e arranxada para varios instrumentos. Unha obra fogosa, converteuse, segundo as palabras dun crítico admirador, no "equivalente búlgaro da Polonesa en la maior de Chopin".

Pancho Vladigerov faleceu en 1978 en Sofía. A súa casa no n.º 10, Yakubitsa, foi transformada en museo.[9] O seu fillo Alexander (1933–1993) e os seus netos Pancho Vladigerov Jr., Alexander Wladigeroff, e Konstantin Wladigeroff tamén foron músicos respectados.

Honras[editar | editar a fonte]

Tumba de Pancho Vladigerov no Cemiterio Central de Sofía

O paso Vladigerov na Antártida recibiu o seu nome.[10]

Dende 1986 celébrase en Shumen unha competición internacional de música co seu nome. No outono de 2006 Pancho Vladigerov Jr. fundou The Intellectual Legacy of Pancho Vladigerov Foundation.[11] O seu principal obxectivo é preservar, protexer e popularizar o legado tanxible e intanxible de Vladigerov.

A Academia Nacional de Música "Prof. Pancho Vladigerov", situada en Sofía, foi bautizada así por Vladigerov.[12]

Notes[editar | editar a fonte]

  1. Union of Bulgarian Composers
  2. Словото на Панчо Владигеров, Димитров Д. Държавно издателство „Музика“, София, 1988 г.,page 86
  3. "Leon Pasternak – Hans Fahrni, 5th Swiss Championship, Zurich, June 1895". Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2012. Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 "The Significance of Selected Piano Compositions by Pancho Vladigerov" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de xullo de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Schlüren, Christoph (2004). "Publication of Preface to Score of Vladigerov's 1st Violin Concerto". Musikproduktion Juergen Hoeflich. Consultado o 11 de decembro de 2007. 
  6. "Vladigerov Biography Page". Bulgarian Operas: Course Material at University of Pittsburgh Center for International Studies. abril de 2005. Consultado o 11 de decembro de 2007. 
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2006. Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2006. Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  9. "The House Museum in Sofia". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  10. Vladigerov Passage. SCAR Composite Gazetteer of Antarctica.
  11. "The Intellectual Legacy of Pancho Vladigerov Foundation". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2018. Consultado o 18 de setembro de 2018. 
  12. "NMA". Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2018. Consultado o 18 de setembro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pavlov — Klosterman, Evgeni. 2000. Pancho Vladigerov. Sofia: Muzika
  • Fedotova Valery, Some tendencies of Bulgarian music in the context of national art in the first half of the twentieth century. // Bulgarian art and literature. History and modernety. SIAS. Moscova, 2003. = Федотова В.Н. Некоторые тенденции болгарской музыки в контексте национального искусства в первой половине ХХ столетия. // Болгарское искусство и литература. История и современность. Москва, ГИИ,2003.
  • Fedotova Valery, The forms of Bulgarian symbolism and Bulgarian music. // Modern and integration processes in the European culture. M., SIAS, 2004. = Федотова В.Н. Формы болгарского символизма и болгарская музыка. // Модерн и интеграционные процессы в европейской культуре. Москва,ГИИ, 2004.
  • Fedotova Valery, Opera of P. Vladigerov and L. Pipkov in the context of Bulgarian art of 1920-30-es. // Musical theatre of the twentieth century: Events, Problems, Results, Perspectives. M., SIAS, 2004. = Федотова В.Н. Оперы П.Владигерова и Л.Пипкова в контексте болгарского искусства 1920-30-х гг. // Музыкальный театр ХХ века: События, проблемы, итоги, перспективы. Москва, ГИИ, 2004.
  • Fedotova Valery, The Bulgarian music of the twentieth century in the context of the national culture. Moscova, SIAS, 2012. ISBN 978-5-904082-11-6 = Федотова В.Н. Болгарская музыка ХХ века в контексте национальной художественной культуры. Mосква, ГИИ, 2012. ISBN 978-5-904082-11-6

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]