Saltar ao contido

Pacto de Ostende

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joan Prim

O Pacto de Ostende foi un acordo asinado o 16 de agosto de 1866[1] na cidade flamenga de Ostende (Bélxica) entre o Partido Progresista e o Partido Demócrata, grupos opositores á raíña Isabel II. O principal inspirador do pacto foi o xeneral Joan Prim, co obxectivo de derrubar a monarquía isabelina. Este pacto, ao que se sumará a Unión Liberal dous anos máis tarde, foi a orixe da chamada "Revolución Gloriosa" que conseguirá acadar o obxectivo de expulsar do trono a Isabel II.

Características do pacto

[editar | editar a fonte]

Debido ao incremento do descontento cara ao réxime de Isabel II, pois a raíña favorecía o Partido Moderado de Narváez, e este exercía unha política moi represiva, creouse un comité de acción entre o Partido Progresista de Prim e o Partido Demócrata de Cristino Martos. O comité estivo presidido por Prim, de acordo con Salustiano de Olózaga, co obxectivo de asinar un pacto para o derrocamento de Isabel II.

O'Donnell, a pesar de perder o goberno en xullo de 1866 a mans de Narváez, negouse a que o seu partido, a Unión Liberal, se unira ao pacto. Mais ao morrer, o 5 de novembro de 1867, o seu substituto, o xeneral Serrano, non quixo manter o apoio á raíña[2] e acordou unirse, ao igual que os republicanos de Pi i Margall, co que se arrastrou un gran número de cargos militares, prestos a provocar un novo pronunciamento.

En agosto de 1866, na cidade flamenga de Ostende máis de corenta dirixentes progresistas e demócratas[3] (Prim, Sagasta, Ruiz Zorrilla, Pi i Margall, Castelar...) xuntáronse para levar a cabo, de inmediato, un movemento revolucionario para acabar coa monarquía de Isabel II e a posterior convocatoria a unhas Cortes constituíntes baseadas no sufraxio universal,[4] reclamado polos demócratas, que guiarán a futura política española e decidirán o mantemento da monarquía ou o establecemento dunha república.

O pacto, asinado o día 16, constaba de dous puntos:[5]

  1. Destruír o existente nas altas esferas do poder
  2. Nomeamento dunha asemblea constituínte, baixo a dirección dun goberno provisorio, a cal decidiría a sorte do país, cuxa soberanía era a lei que representase, sendo elixida por sufraxio universal directo.

O pacto será ratificado o 30 de xuño de 1867 en Bruxelas.[6]

  1. Bolaños Mejías, Carmen (2014). El reinado de Amadeo de Saboya y la monaquía constitucional. UNED. ISBN 978-84-362-6885-0. 
  2. García (2015)
  3. Paredes (1998), p. 244
  4. Comellas (2014), p. 224
  5. Vilches (2001), p. 71
  6. Paniagua (1984), p. 9

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Comellas García-Llera, José Luis (2014). Historia de España contemporánea (10ª ed.). Madrid: Rialp. ISBN 978-84-321-4346-5. 
  • Fontana, Josep (2007). La época del liberalismo. Vol. 6 da Historia de España, dirixida por Josep Fontana e Ramón Villares. Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-876-6. 
  • García Rodríguez, José Carlos (2015). Montpensier, biografía de una obsesión. Col. Memorias y biografías. (epub). Córdoba: Almuzara. ISBN 9788416392148. 
  • Paniagua, Javier (1984). El proceso histórico del constitucionalismo espanõl, 1808-1874: El reinado de Isabel II, 1844-1868. Vol. 4 (El reinado de Isabel II, 1844-1868). Teide. 
  • Paredes Alonso, Francisco Javier (1998). Historia Contemporánea de España. Siglo XIX I. Barcelona: Ariel. ISBN 9788434466036. 
  • Vilches, Jorge (2001). Progreso y Libertad. El Partido Progresista en la Revolución Liberal Española. Madrid: Alianza editorial. ISBN 84-206-6768-4. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]