Operación Campión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Co nome de Operación Campión (en lingua castelá, na que está escrita o sumario, Operación Campeón), coñeceuse unha operación xudicial e policial contra o lavado de cartos e o trafego de influencias levada a cabo en Galicia entre 2011 e 2012. O proceso tivo como figura central o empresario lugués Jorge Dorribo.

Obxecto da trama[editar | editar a fonte]

A investigación sospeita que o empresario lugués Jorge Dorribo pagaría a distintos políticos galegos, de diversos partidos, para obter beneficios en adxudicacións de obra pública e de subvencións, que lle permitirían lavar cartos procedentes, supostamente, do narcotráfico. Unha desas actuacións sería a concesión dun crédito de tres millóns de euros por parte do Instituto Galego de Promoción Económica, baseado en facturas falsas. Entre os políticos cos que se relacionou Dorribo ou sociedades por el formadas, estiveron Agustín Hernández[1] e Pablo Cobián (PPdeG), Xosé Blanco (PSOE) e Fernando Blanco (BNG), sen que estea demostrado que estas persoas recibisen cantidade ningunha.

A fase pública da investigación comezou o 24 de maio de 2011 cando varios axentes do Servizo de Vixilancia Alfandegaria deteñen quince persoas, entre elas Jorge Dorribo e o director do IGAPE Joaquín Varela de Limia.[2] Como consecuencia da investigación dimitiron dos seus postos o deputado Pablo Cobián (PP) e o deputado Fernando Blanco (BNG).

Persoas implicadas[editar | editar a fonte]

Jorge Dorribo en 2012.
Xosé Blanco en 2011.
Fernando Blanco en 2012.
  • Jorge Dorribo. Empresario lugués cun negocio de nutrición de tecidos de pel que foi evolucionando paulatinamente cara á produción de produtos cosméticos, primeiro, e de medicamentos, despois. Como propietario de Laboratorios Asociados Nupel protagonizou un meteórico ascenso na sociedade luguesa, con amplos contactos públicos e privados con outros empresarios, políticos e demais representantes sociais. Era copropietario tamén de Salut d'Innovació, empresa do sector da cosmética con sede en Andorra. Os abondosos patrocinios deportivos a equipos da cidade da Muralla contribuíron á súa notoriedade.
  • Carlos Monjero. Copropietario da consultoría técnica industrial Proitec. Segundo consta no sumario do caso, Proitec é contratada frecuentemente por Nupel e daríalle cobertura contable ás súas operacións. Ademais, Proitec, sempre segundo as investigacións, accedería supostamente a obras públicas da Xunta grazas á intervención de membros da trama. No sumario figura tamén o seu socio, Javier Rodríguez[3].
  • José Antonio Orozco. Vicepresidente da empresa de transportes Azkar e socio de Dorribo na empresa Salut d'Innovació, que Nupel impulsaba en Andorra. O propietario de Nupel acúsao de ter colaborado en pagamentos a Xosé Blanco, cuestión que este negou.
  • Joaquín Varela de Limia, director do IGAPE. Na altura, director do Instituto Galego de Promoción Económica. As investigacións implícano no asesoramento a Dorribo para lograr axudas públicas supostamente de maneira fraudulenta, con facturas falsas e outros xeitos "ilícitos". A investigación motivou a súa destitución.
  • Pablo Cobián. Na altura deputado do PP e candidato popular á alcaldía de Oleiros. O sumario sitúao como intermediario entre membros da presunta trama corrupta e altos cargos da Xunta. A cambio, supostamente percibía diñeiro para o financiamento dun club de automobilismo onde corría o seu fillo[4]. Dimitiu de tódolos seus cargos públicos en outubro de 2011[5].
  • Xosé Blanco. Na altura ministro de Fomento. Dorribo asegura que lle entregou cartos a través do seu curmán, Manuel Bran, a cambio de interceder por el para lograr subvencións e autorizacións administrativas, o que o político negou.
  • Fernando Blanco. Na altura conselleiro de Innovación e Industria e deputado do BNG. O propietario de Nupel acúsao de recibir diñeiro a cambio de outorgarlle trato de favor dende a Xunta e dende o concello de Lugo, aspectos que o nacionalista negou. Dimitiu en outubro de 2011 de tódolos seus cargos públicos[6].

Situación xudicial[editar | editar a fonte]

O proceso foi iniciado polo Xulgado de Instrución de Lugo, e dirixido no seu comezo pola xuíza Estela San José. Ao ter a condición de deputado no Congreso dos Deputados un dos imputados, o socialista Xosé Blanco, o caso pasou parcialmente ao Supremo.

Notas[editar | editar a fonte]