O sabre do francés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O sabre do francés
Autor/aMiguel Anxo Fernández Fernández
CubertaThéodore Géricault
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónLiteraria nº 183
Xénero(s)relatos
EditorialGalaxia
Data de pub.2002 (1ª ed.)
Formatorústica con lapelas
Páxinas160
ISBNISBN 978-84-8288-513-1
editar datos en Wikidata ]

O sabre do francés é un conxunto de 11 relatos escritos por Miguel Anxo Fernández Fernández, publicados por Galaxia en 2002.

Os relatos están ambientados a comezos do século XIX, durante a guerra da Independencia española e a "Francesada", a represión feita polas tropas dos mariscais Ney e Soult.

Relatos[editar | editar a fonte]

"O gaiteiro" conta a historia de Farruco, un rapaz orfo que toca a gaita. Un día o abade da súa parroquia convoca aos veciños para facer fronte a un grupo de soldados franceses. Coa axuda de Bernardo González del Valle, o guerrilleiro "Cachamuíña", organizan unha defensa en torno á ponte de entrada á aldea. Trala dura batalla, na que foron caendo a artillaría, a cabalaría e a infantaría francesa, os veciños foron reagrupándose, pero o gaiteiro, que resultara seriamente mancado, só puido tocar a última tocata.

"A carne de caza" está ambientada nunha pousada rexentada pola señora Pilara, con sona de preparar moi ben a carne, e especialmente de saber quitar o bravío á carne de caza. Malia a escaseza de cartos e alimentos da época, a pousada vai tirando polo bo facer da cociñeira e polas mañas do seu home, un maragato, á hora de mercar carne. Á pousada comezan a chegar franceses a comer e cear, pero a noite do 1 de marzo de 1809, tras enfrontarse a unha partida, chegou un grupo de husares, e tras unha lea mataron a Lope, o marido de Pilara.

Desde ese día Pilara decidiu ofrecer só carne, pero, en vinganza, aos franceses ofrecíalles carne humana dos seus compatriotas, que os veciños traían das batallas nas que saían vencedores.

"Ordes son ordes" fala de sir Roger Boorman, un nobre inglés do século XXI. Por tradición, os seus devanceiros sempre cumpriran a premisa de "ordes son ordes", e está preocupado porque xurou a seu pai, no leito de morte, que ía continuar a tradición de seguir investigando sobre os seus antepasados e intentando, na medida do posible, soterrar os seus restos arredor do seu castelo. Anoxado polo mandato, sir Roger comeza a investigar se algún antepasado seu incumpriu a norma para non ser el o primeiro. Así, descobre a Anthony Walter Boorman, un soldado de 23 anos que acompañou a Arthur Wellesley, o Duque de Wellington, na súa campaña por Portugal e España. O 4 de xaneiro, cando as tropas fuxían cara a Lugo, Anthony recibiu o encargo de protexer un carro cargado de moedas que abeirara nun camiño. Sir Roger ten a esperanza de que Anthony marchase deixando o carro abandonado, e desprázase até Pedrafita do Cebreiro. Alí descobren os restos do carro a carón dun esqueleto, e para desgraza de sir Roger, este leva ao pescozo unha medalla de ouro co escudo familiar.

"Unha alborada de coitelos" narra os acontecementos nunha pequena aldea. Un grupo de soldados franceses chega alí co único propósito de resgardarse, e pouco a pouco son aceptados pola veciñanza. O husar ao mando, suspicaz, ten diversos intercambios de olladas cunha rapaza que hai na casa de enfronte. Coa chegada do entroido, o abade da parroquia convida aos franceses á festa. A moza, filla do abade (aínda que coñecida como a súa sobriña), fala co husar e marcha con el, contándolle que o da festa é un truco para embebedar á tropa e liquidalos.

"Cando Ney chegou a Ponte Sampaio" narra os desencontros entre Ney e Soult. O primeiro vai visitar o segundo para reprocharlle a súa ambición persoal.

"Son un aceiro" é un relato en primeira persoa feita por un sabre. Na actualidade está nun museo, e está enfadado porque un letreiro indica "Pertencente a un soldado de Napoleón. Século XIX", e séntese ofendido porque pertenceu ao mesmísimo xeneral La Houssaye. Vai narrando as peripecias vividas desde que foi creado, a finais do século XVIII, até a actualidade, falando das mans polas que foi pasando e dos pescozos que foi cortando.

"Cen moedas de ouro" conta a historia dun soldado que, anos despois da guerra, regresa a visitar o abade que lle salvou a vida, facéndose pasar por un historiador. Tras escoitar de man do abade a historia, lembran que o xeneral francés La Houssaye mandara dar 100 luíses de ouro ao abade polo seu bo trato, pero que o abade rexeitará, malia que os franceses levaran as xoias da igrexa, incluído un valioso cáliz. Antes de marchar, o soldado deixa na igrexa un cáliz similar ao anterior, feito co ouro fundido das 100 moedas.

"Foi un afeitado histórico" fala de Valentín Doforno, un barbeiro ourensán, que un día atende ao mariscal Soult. De socato, mentres o afeita, comeza a pensar que pasaría se o matase nese mesmo momento, o sinxelo que sería e as consecuencias que tería. É consciente de que a súa garda persoal axiña o mataría, pero non logra evitar ser invadido por unha estraña sensación.

"O Puzo da Tola" conta a historia dunha criada dun cura, que foi sorprendida por este cando fornicaba cun francés. Ante o inusitado do asunto, o cura decide resolver o asunto casando á criada, pero esta prefire fuxir, e suicídase tirándose nun pozo.

"A viña da rectoral" narra os coidados dun abade polos viños obtidos na súa leira. Dálle moita importancia a todos os elementos, pero especialmente ao fertilizante usado. Unha partida de franceses, informados das delicias do viño do abade, decide ir probalo. O abade, sabendo que os franceses van vir coa intención de matar a quen poidan, decide tenderlles unha trampa. A casa reitoral semella baleira, e os franceses entran tras romper a porta. Entran na habitación do abade, onde este está facéndose o morto, e outros veciños están disfrazados de mulleres que o velan. De socato, o cura saca unha escopeta e mata ao sarxento Rochefort, e o resto de homes sacan coitelos e matan aos soldados. Para rematar a faena, o cura decide enterrar os corpos ao pé das viñas, confiando en que sexan un bo fertilizante.

"O baúl dos adeus" fala do traballo de Ferdinand Vartel, xefe do servizo funerario do Corpo ás ordes de Michel Ney. Ademais do seu material de traballo, leva un baúl onde vai metendo cartas que os soldados lle dan para mandar ás súas familias.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]