O rei nu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O rei nu
Autor/a Quico Cadaval e Cándido Pazó
Cuberta David Creus
Orixe Galiza
Lingua galego
Colección Textos teatrais
Xénero(s) Teatro; comedia
Editorial Talía Teatro
Data de pub. Decembro de 1995
Formato Tapa branda con lapelas.
Cosido rústico.
Páxinas 72
ISBN ISBN 95-7368-118-5

O rei nu é unha obra de teatro de Quico Cadaval e Cándido Pazó. A peza, baseada no conto O traxe novo do emperador de Hans Christian Andersen, foi estreada en 1995, e publicada no mesmo ano por Talía Teatro.

Trama[editar | editar a fonte]

Nun país de conto vive un rei, que goberna xunto con varios ministros. É un rei vaidoso, que gusta de ir elegante e ben vestido, e un día convoca aos mellores modistos para que lle deseñen un novo traxe. Amósanlle moitísimos vestidos, pero un anano estafador e un rapaz apáñanse para enganalo e estafalo. Dinlle que lle van facer un traxe máxico, feito con ouro, que reflicte os raios do Sol, pero que só pode ser visto por quen estea capacitado para o seu cargo.

Porén, na realidade é que os trampulleiros van quedar co ouro, facendo que o rei desfile espido. Logo de vestilo marchan co saco do metal, pero finalmente, o anano cae desmaiado e Jack marcha co saco de ouro.

Os ministros e o rei non din que non ven o traxe para non quedar de parvos. O varredor do reino comeza a berrar "O rei vai nu!!!", pero os veciños fano calar, e rematan todos en roupa interior.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra conta cun narrador inicial e un total de 18 personaxes máis: o Rei, seis músicos, o Anano, o frautista, Jack das Fabas, o Capitán Pirata, a ratiña presumida, o Espello, Fernandiño, o Primeiro Ministro, o Ministerio de Petos e Forros, o Ministro de Roupa Interior e mais a Ministra de Adornos, Complementos e Colgarellos.

A trama dura dous días e unha noite, e está ambientada nun país fantástico e preindustrial.

Fontes[editar | editar a fonte]

A obra está baseada no conto do Traxe novo do emperador, pero dálle a volta á ensinanza da fábula, pois no conto non está ben visto dicir o que se pensa. Inclúe outros personaxes inventados da literatura infantil, como Jack das Fabas, o frautista de Hamelín, a ratiña fachendosa, un anano e un capitán Pirata.

Hai referencias a clásicos da literatura como Heródoto e o Hamlet de William Shakespeare. Tamén hai referencias á cultura popular contemporánea, con vestidos do whisky e 100 Pippers e o viño do Porto Sandeman, o toro de Osborne, o boneco de Michelin, o cadro de Picasso Les Demoiselles d'Avignon e unha carta da baralla francesa.

Adaptación[editar | editar a fonte]

Foi levada ao escenario por Ollomol Tranvía en concerto co IGAEM, estreada en Redondela o 29 de xullo de 1995. A dirección correu a cargo de Cándido Pazó, con Quico Cadaval como adxunto e Patricia Vázquez como axudante. O elenco estaba formado por Evaristo Calvo, Avelino González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Santi Prego e Nuria Sanz. O son estivo a cargo de Piti Sanz.