O parasol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O parasol
ArtistaFrancisco de Goya
Data1777
Técnicaóleo sobre lenzo, cartón para facer tapiz
Dimensións104 cm × 152 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

O parasol (en castelán: El quitasol) é unha obra de Francisco de Goya conservado no Museo do Prado e que forma parte da serie de cartóns para a Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara; en concreto, para a serie destinada á decoración do comedor do infante Carlos, daquela Príncipe de Asturias, no Palacio Real de El Pardo.

O cadro foi executado con toda probabilidade entre o 3 de marzo e o 12 de agosto de 1777, a xulgar pola datación da entrega da obra rematada á Manufactura de Tapices. No verán de 1777, o pintor fixo entrega dunha serie que se destinaba a decorar o comedor dos Príncipes de Asturias (o futuro Carlos IV e a súa esposa María Luísa de Parma).[1] No documento de conta, Goya tasaba O parasol en cincocentos reais de billón. Goya recibiu por esta serie completa de cartóns 18.000 reais.

Contra a metade do século XIX, o óleo foi trasladado ó Palacio Real de El Pardo, onde se almacenou no soto do oficio de tapicería. Por orde real de 18 de xaneiro e 9 de febreiro de 1870, o cadro ingresa como parte dos fondos do Museo do Prado e aparece no seu catálogo por primeira vez en 1876.

Análise[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Vertumno e Pomoma, de Jean Ranc (Museo Fabre, Montpellier).

Como era habitual, Goya escolle outra escena costumista inserida nun ambiente popular. Aparecen dúas figuras, unha rapaza nova vestida seguindo a moda francesa e un criado, "cortejo" (acompañante das mulleres casadas dunha clase social elevada) ou quizais un caballerete,[2] vestido coma un "majo" e que a protexe do sol cun parasol, sen que o autor amose claramente se é unha escena de sedución ou de simple acompañamento dun criado á súa señora.

(...) representa a unha rapaza sentada nun ribazo, cun cadeliño na saia; ao seu carón, un rapaz en pé procurándolle sombra cun parasol [...]
Francisco de Goya, Cuenta de entrega de obras a la Real Fábrica de Tapices, 12 de agosto de 1777.

Ten o abano recollido para evitar malos entendidos galantes e un cadeliño, que tradicionalmente simboliza a fidelidade, na súa saia.

Fontes[editar | editar a fonte]

Téñense sinalado como fontes deste cadro varias obras francesas de estilo rococó como o Concerto no parque de François Boucher en canto á disposición; J. Tomlinson sinalou como posible antecedente Près de vous belle Iris de Lancret, gravado por M. Horthmals e do que se conserva unha estampa na biblioteca do Palacio Real de Madrid; J. J. Luna cita o Achado de Moisés de Charles de La Fosse e La caza del jabalí: alegoría de Europa de Joseph Parrocel, no que aparece o motivo do parasol.

Porén, hoxe en día, pero o consenso dos especialistas diríxense cara ó cadro de Jean Ranc titulado Vertumno e Pomona (1710-1722, exposto no Museo Fabre en Montpellier)[3] que é un cadro de estilo neoclásico. Cómpre ter en conta que Jean Ranc foi un dos pintores que traballou para os primeiros borbóns españois -como Filipe V-, .e contribuíu a importar e espalla-lo gusto neoclásico e o colorido harmonioso e elegante para a pintura española real. De aí que a relación galante entre dous mozos cun parasol como nexo entre eles fose un dos máis empregados na pintura galante do século XVIII. As Coleccións Reais gardaban moitas obras súas, polo que puido coñecer o seu estilo.

Características[editar | editar a fonte]

A orixinalidade de Goya hai que atopala na espontaneidade, realismo e naturalidade con que fai que aparreza a anécdota, a expresión dunha proximidade ao espectdor que consegue co tamaño das figuras -pois nos cadriños de gabinete rococó son pequenas e adoitan estar arrodeadas de natureza-, a composición academicista, neoclásica e, sobre todo, coa mirada directa da rapaza sorrindo ao espectador, a quen converte en cómplice do posible galanteo.

A obra está realizada cunha perspectiva de abaixo cara enriba, posiblemente, porque estaba destinado a decorar unha sobreventá[1] ou a parte superior dunha porta. Aínda hai un silueteado excesivo das figuras pero que era necesario para plasmalo despois nos tapices.[4]

Liñas de forza proxectadas

En canto á composición, as liñas de forza debuxan un triángulo equilátero ou piramidal (aprendida por Goya de Mengs)[3] no que se enmarca a rapaza. Esta figura xeométrica, expresa unha gran serenidade. Por outro lado, tódalas miradas converxen na faciana da rapaza, matizada por unha sombra filtrada por suaves tons verdosos creados pola cor do parasol. O óvalo da rapaza é unha elipse regular e nela crúzanse dúas diagonais determinadas pola dirección da mirada do rapaz e a liña do muro da esquerda, cuxa perspectiva está forzada para que esa diagonal incida no centro de atención do cadro.

A cor dese cadro, ao igual que tódolos cartóns para tapices, é luminosa e contrastada de tons vivos, mais é un colorido no que destaca, especialmente, o estudo lumínico, como sucedía con El bebedor (1777), cartón co que facía parella, ao colocar o rostro da dama no centro de converxencia de tódalas liñas que estruturan a composición. A faciana da dama está no primeiro plano pero ensombrecido polo propio parasol. Os fortes contrastes entre o ombreiro do mozo e a matizada difusión da luz sombreada na faciana da rapaza, están resoltos cunha mestría pouco común.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "El quitasol". museodelprado.es (en castelán). Consultado o 16-5-2019. 
  2. Bozal, Valeriano (2010). Goya (ebook) (en castelán). Boadilla del Monte (Madrid): Machado libros. ISBN 978-84-9114-112-9. 
  3. 3,0 3,1 "El quitasol". fundaciongoyaenaragon.es (en castelán). Consultado o 16-5-2019. 
  4. Ballesteros (2013)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]