O carnaval das almas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O carnaval das almas
Carnival of Souls (1962 pressbook cover).jpg
Póster do filme.
Ficha técnica
Título orixinalCarnival of Souls
DirectorHerk Harvey
ProdutorHerk Harvey
GuiónJohn Clifford
Intérpretes
MúsicaGene Moore
FotografíaMaurice Prather
Montaxe
  • Dan Palmquist
  • Bill de Jarnette
EstudioHarcourt Productions
DistribuidoraHerts-Lion International Corp.
EstreaFlag of the United States.svg 26 de setembro de 1962
Galicia 30 de agosto de 2021 (NUMAX)
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroTerror
Orzamento33 000 dólares

O carnaval das almas (en inglés: Carnival of Souls) é un filme estadounidense de 1962 producido e dirixido por Herk Harvey e escrito por John Clifford a partir dunha historia de Clifford e Harvey, e protagonizado por Candace Hilligoss.

Filmado en Lawrence, Kansas, e Salt Lake City, tivo un orzamento de 33 000 dólares, e Harvey empregou técnicas de cinema de guerrilla para rematar a produción. Foi o único filme que dirixiu e non gozou de grande atención cando se estreou orixinariamente como un programa duplo con The Devil's Messenger en 1962. Ambientado cunha banda sonora de órgano de Gene Moore, o filme foi destacado posteriormente por críticos e estudosos do cinema pola súa fotografía e atmosfera.[1] O carnaval das almas está considerado un filme de culto e foi citado como unha grande influencia por numerosos cineastas.

Estreouse subtitulado en galego o 30 de agosto de 2021 a través de NUMAX.[2]

Argumento[editar | editar a fonte]

Carnival of Souls

O filme narra a historia de Mary Henry, vítima dun accidente automobilístico. Despois de competir con outro vehículo, o automóbil en que viaxaba con outras dúas pasaxeiras cae ao río. Mary escapa da traxedia un pouco desorientada e moi diferente emocionalmente.

Para deixar atrás a traxedia, Mary decide aceptar un traballo na igrexa doutra cidade como organista. Porén, atopa todo ao seu arredor bastante estraño, o que inclúe unhas personaxes fantasmais que a perseguen durante toda a súa viaxe e a súa estadía na nova cidade á que se mudou.

Nesa mesma cidade hai un lugar onde anteriormente había unha feira. Sen saber por que, Mary séntese atraída polo lugar e decide investigar a zona.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Candace Hilligoss como Mary Henry
  • Frances Feist como Mrs. Thomas
  • Sidney Berger como John Linden
  • Art Ellison como Minister
  • Stan Levitt como Dr. Samuels
  • Tom McGinnis como Organ factory boss
  • Forbes Caldwell como Organ factory worker
  • Dan Palmquist como Gas station attendant
  • Bill De Jarnette como mecánico
  • Steve Boozer como Chip
  • Pamela Ballard como vendedora de vestidos
  • Herk Harvey[3] como "The Man"

Produción[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Harvey era director e produtor de filme industriais e educativos baseado en Lawrence, Kansas, onde traballaba para a Centron Corporation.[4] Mentres regresaba a Kansas despois de rodar un filme da Centron en California, Harvey desenvolveu a idea de O carnaval das almas despois de pasar por diante do abandonado Saltair Pavilion de Salt Lake City.[5] "Cando volvín a Lawrence, pregunteille ao meu amigo e compañeiro de traballo de Centron Films, John Clifford, que era escritor alí, como lle gustaría escribir unha longametraxe", lembrou Harvey. "A última escena, díxenlle, tiña que ser unha chea de fantasmas bailando nese salón de baile; o resto era cousa del. Escribiuno en tres semanas".[6]

Elenco[editar | editar a fonte]

Na cidade de Nova York, Harvey descubriu a actriz Candace Hilligoss, entón de vinte anos, que estudara con Lee Strasberg, e escolleuna para o papel principal de Mary Henry.[6] A Hilligoss ofrecéranlle un papel no filme de terror Violent Midnight (1963) dirixido por Richard Hilliard, mais optou polo papel de O carnaval das almas.[7] Ela afirmou que nese momento asumiu o papel por unha situación de "leva o diñeiro e corre",[8] recibindo aproximadamente 2000 dólares polo seu traballo no filme.[9]

Rodaxe[editar | editar a fonte]

Harvey rodou O carnaval das almas en tres semanas en Lawrence e Salt Lake City.[6] Para facelo tomou tres semanas de baixa no seu traballo en Centron,[5] comezando cun orzamento inicial de produción de 17 000 dólares.[5] O orzamento en efectivo de 17 000 dólares foi recadado por Harvey preguntando aos empresarios locais se estaban dispostos a investir 500 dólares na súa produción.[10] Os outros 13 000 dólares do orzamento total de 30 000 dólares foron diferidos.[10] Harvey conseguiu alugar o pavillón Saltair por 50 dólares, e varias outras escenas, como a de Mary nos grandes almacéns, rodáronse ao estilo de guerrilla, con Harvey pagando aos locais para permitir que o equipo filmase rapidamente.[6][11] Hilligoss describiu o proceso de rodaxe como rápido, co elenco e a tripulación traballando sete días á semana.[12]

Harvey empregou técnicas que aprendera no seu traballo en filmes industriais para limitar os custos de produción.[5] Non había cartos suficientes para que unha pantalla de proceso crease un efecto de proxección traseira, que era o método que se usaba normalmente nese momento para dar a impresión de que se producía unha escena dentro dun coche en movemento, combinando imaxes tomadas dentro dun coche estático con imaxes dun fondo en movemento.[5] En vez diso, Harvey utilizou unha cámara Arriflex de man alimentada por batería para filmar os planos dentro dos coches en movemento, eliminando a necesidade de facer a composición. A Arriflex, que naquela época era máis empregada polos camarógrafos para filmar imaxes de noticias, tamén lles permitiu usar unha cámara en movemento noutras escenas sen necesidade de equipos como dollies ou guindastres.[5] O axudante de dirección de Harvey foi Reza Badiyi, unha mozo inmigrante iraniano que comezaba o seu traballo cinematográfico nos Estados Unidos. Ata entón, Badiyi fora o segundo director de unidade doutro filme, o debut de Robert Altman The Delinquents,[13] e continuou a realizar (entre outros traballos notables) algunhas das cabeceiras e montaxes máis coñecidas e emblemáticas de series de televisión, incluídas Hawaii Five-O, Get Smart e The Mary Tyler Moore Show.[14] A toma en que aparece o rostro de The Man na xanela do coche completouse mediante o uso dun espello en ángulo situado no outro lado da xanela. A escena do comezo do filme en que o coche sae da ponte e cae ao río rodouse en Lecompton, Kansas. A cidade non cobrou ningunha taxa polo uso da ponte, só requiriu que o equipo de rodaxe substituíse os raís danados da ponte unha vez que rematase a rodaxe. Isto fíxose cun custo de 12 dólares pola reparación.[15]

Legado[editar | editar a fonte]

O carnaval das almas gañou graduamente un status de filme de culto dende a súa estrea, e agora considérase un clásico.[16][17][18] O filme foi incluído en varias listas como un dos mellores filmes de terror da historia. A revista Complex considerou O carnaval das ánimas como o 39 na súa lista dos 50 filmes máis aterrorizadores.[19] Slant Magazine considerouno o 32 na súa lista dos 100 mellores filmes de terror de todos os tempos.[20] A revista Paste colocouno no posto 85 dos 100 mellores filmes de terror.[21]

En 2012, a Academy Film Archive restaurou Carnival of Souls.[22] O filme foi considerado como un precursor da súa obra por parte de cineastas como David Lynch,[23] George A. Romero, Lucrecia Martel[24] e James Wan.[23][25]

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Cando Mary fala co director da fábrica de órganos ao principio do filme, este dille: "It takes more than intellect to be a musician. Put your soul into it. OK?" (en galego: "Precísase máis que intelecto para ser músico. Pon a túa alma nel, de acordo?") Esta frase foi empregada na canción de 1998 "Church of Noise" pola banda de rock norteirlandesa Therapy?.[26]

Cara ao final do filme Mary lamenta: "I don't belong in the world, that's what it is. Something separates me from other people. Everywhere I turn, there's something blocking my escape" (en galego: "Non pertenzo ao mundo, é o que é. Algo sepárame das outras persoas. En calquera sitio en que xire hai algo que bloquea a miña fuxida"). Un sample da liña aparece ao principio da canción de Lana Del Rey "13 Beaches".[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Immediate Family, The Bear, Dad, Next of Kin, Carnival of Souls, 1989 – Siskel and Ebert Movie Reviews
  2. Versión en galego (ed.). "O carnaval das almas en NUMAX". Consultado o 30 de agosto de 2021. 
  3. Brody, Richard (27 de setembro de 2016). "The Front Row: "Carnival of Souls"". The New Yorker (Nova York: Condé Nast). 
  4. Clifford, John - Interview, Carnival of Souls, 1999 posted by Demolition Kitchen Media on Internet Archive
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Crouse 2003, pp. 35–38.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Champlin, Charles (19 de abril de 1990). "The Reincarnation of 'Carnival of Souls'". Los Angeles Times. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2019. Consultado o 27 de decembro de 2016. 
  7. Weaver 2003, p. 146.
  8. Weaver 2003, p. 147.
  9. Weaver 2003, p. 152.
  10. 10,0 10,1 Hillegass 1996, pp. 18–33.
  11. Weaver 2003, pp. 148–149.
  12. Weaver 2003, p. 148.
  13. Weaver 2010, p. 88.
  14. Reza Badiyi-IMDB
  15. "Interview with Carnival of Souls' director Herk Harvey - YouTube". www.youtube.com. Consultado o 2020-11-09. 
  16. Brown, Joe (6 de outubro de 1989). "Carnival of Souls". The Washington Post. Consultado o 5 de outubro de 2017. 
  17. Ebert, Roger (27 de outubro de 1989). "Carnival of Souls". Chicago Sun-Times. Consultado o 27 de decembro de 2016. 
  18. "Carnival of Souls Review". TV Guide. Consultado o 4 de outubro de 2017. 
  19. Barone, Matt; et al. (18 de xullo de 2013). "The 50 Scariest Movies of All Time". Complex. Consultado o 4 de outubro de 2017. 
  20. Slant Magazine Staff. "The 100 Best Horror Movies of All Time: Carnival of Souls". Slant Magazine. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2020. 
  21. Vorel, Jim (14 de outubro de 2019). "The 100 Best Horror Movies of All Time". Paste. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2020. 
  22. "Preserved Projects". Academy Film Archive. 
  23. 23,0 23,1 Gleiberman, Owen (7 de abril de 2011). "'Carnival of Souls': The movie that inspired 'Insidious' is the spookiest, weirdest, and maybe greatest horror film you've never seen". Entertainment Weekly. Arquivado dende o orixinal o 5 de outubro de 2017. 
  24. Lucrecia Martel’s Closet Picks-Criterion Collection on YouTube
  25. CARNIVAL OF SOULS: The Art of Herk Harvey on Vimeo
  26. Church of Noise by Therapy - Topic on YouTube
  27. 13 Beaches on Lana Del Rey's official YouTube channel

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]