NUMAX
NUMAX é unha cooperativa galega sen ánimo de lucro situada en Santiago de Compostela. Está ligada ás industrias culturais e posúe un cinema, unha libraría (física e online) e un obradoiro de vídeo e deseño gráfico[1]. Actúa tamén como distribuidora de cinema[2].
Características[editar | editar a fonte]
Comezou a súa actividade en marzo de 2015 na rúa Concepción Arenal de Santiago, onde se encontra o local que alberga todos os seus servizos. A programación do cinema caracterízase por centrarse en filmes de autor, clásicos e en xéneros alternativos aos de distribución comercial habituais, por iso forma parte da rede de distribución europea Europa Cinemas. Tamén é frecuente a organización de conferencias e encontros con directores, actores, cantantes e escritores. O seu nome ten orixe no filme Numax presenta... (1980), de Joaquim Jordà, que recollía o conflito laboral nunha empresa chamada Númax.
O seu financiamento depende, alén dos beneficios pola prestación dos seus servizos, das achegas de aboados ou de socios protectores, que en troca dunha cota anual obteñen descontos e outras vantaxes.
Os socios membros da cooperativa son Ramiro Ledo, Xan Gómez Viñas, Pablo Cayuela, Antonio Doñate, Xosé Carlos Hidalgo, Irma Amado e Mariña de Toro. Na empresa tamén traballa Olalla Cociña, e Margarita Ledo é socia protectora.
Recibiu o Premio José Sellier no marco dos Premios Mestre Mateo 2015, e en 2016 recibiu o Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual[3].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Presentación na páxina web da cooperativa.
- ↑ "NUMAX Distribución". distribucion.numax.org. Consultado o 2018-03-21.
- ↑ Premios da Cultura Galega 2016.