O Nadal na cultura popular islandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grýla e Skyrgámur (un rapaz de Nadal afeccionado ao skyr) representados nunha escultura no aeroporto internacional de Keflavík.

O Nadal no folclore islandés representa personaxes montañosos e monstros que veñen ás vilas de Islandia neste tempo. Os contos están dirixidos aos nenos e úsanse para inducir neles o bo comportamento. O folclore inclúe tanto bromistas fedellos que deixan agasallos durante a noite como monstros que comen nenos desobedientes.

As figuras represéntanse vivindo xuntas en familia nunha cova e inclúen:

  • Grýla, unha xigante con apetito pola carne de nenos fedellos, aos que cociña nunha pota grande. O seu marido, Leppalúði, é preguiceiro e a maioría do tempo queda na súa cova.
  • O gato de Jól (ou de Yule) é un enorme gato vicioso que axexa no campo nevado durante a época de Nadal (Yule) e come a xente que non recibira roupa nova para levar antes de Noiteboa.
  • Os rapaces de Jól (tamén Yule Lads) son os fillos de Grýla e Leppalúði. Son 13 irmáns bromistas e travesos que rouban ou acosan á poboación e teñen nomes descritivos da súa forma favorita de acosar.[1] Van ás cidades e vilas un por un durante as trece noites antes de Yule. Deixan pequenos agasallos nos zapatos que os nenos colocaran nos peitorís das xanelas, pero se o neno foi desobediente, deixanlle nel unha pataca podre.

Estes contos populares relacionados co Nadal apareceron por primeira vez ao redor do século XVII e mostraron variacións segundo a rexión e a idade. Nos tempos modernos estes personaxes asumiron papeis un pouco máis benévolos.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

A primeira mención dos rapaces de Jól atópase no Poema de Grýla do s. XVII. Grýla aparecera en contos máis vellos como un trol, pero non se relacionara co Nadal. Descríbese como un ser horrible, nai dos xigantescos Yule Lads.

Ao principio, o número e a representación dos Yule Lads variaron moito dependendo da localización. Usábanse para asustar aos nenos, incitándoos a se comportaren ben, de xeito semellante ao coco. O rei Cristián VI de Dinamarca opúxose ao seu uso como instrumento disciplinario.[3]

A finais do s. XVIII, un poema menciona 13 deles. A mediados do século XIX, o autor Jón Árnason inspirouse nos irmáns Grimm e comezou a coleccionar contos populares. A súa colección de 1862 é a primeira mención dos nomes dos rapaces de Yule.[3]

En 1932, o poema "Yule Lads" foi publicado como parte do popular libro de poesía Christmas is Coming (Jólin koma) do poeta islandés Jóhannes úr Kötlum. O poema foi popular e estableceu o que agora se considera os 13 mozos de Yule "canónicos", os seus nomes e personalidades.

Grýla & Leppalúði[editar | editar a fonte]

Grýla é unha xigante, mencionada por primeira vez en textos do século XIII como a saga Íslendinga e a saga Sverris,[4] pero non relacionada explicitamente co Nadal até o XVII. É enorme e o seu aspecto é repulsivo.

Os poemas máis antigos sobre Grýla descríbena como unha mendiga parasitaria. Ela anda pedindo aos pais que lle dean os seus fillos desobedientes. Os seus plans poden ser frustrados dándolle comida ou expulsándoa. Orixinalmente, vivía nunha pequena casa de campo, pero en poemas posteriores, parece que foi forzada a saír da cidade e a entrar nunha cova remota.

A Grýla actual pode detectar nenos que se portan mal durante todo o ano. Ela vén das montañas durante o Nadal para buscar a súa comida nas cidades próximas. Sae da súa cova, caza nenos e lévaos á casa no seu saco xigante. Ela devora nenos como a súa merenda favorita. O seu prato favorito é un cocido de cativos fedellos, polo que ten un apetito insaciable. Segundo a lenda, Grýla nunca falta de comida.

Segundo o folclore, Grýla casou tres veces. Dise que o seu terceiro marido, Leppalúði, vive con ela na súa cova nos campos de lava de Dimmuborgir, co gran gato negro de Yule e os seus fillos. Leppalúði é preguiceiro e, sobre todo, queda na casa na súa cova. Grýla supostamente ten decenas de fillos cos seus anteriores maridos, pero hoxe en día raramente se mencionan.

Gato de Nadal (de Jól ou Yule)[editar | editar a fonte]

O gato de Jól, coñecido como Jólakötturinn, é un gato enorme e vicioso que se describe como axexando pola paisaxe nevada durante a época do Nadal e comendo persoas que non recibiron roupa nova antes da Noiteboa.[5] É a mascota da casa de Grýla e dos seus fillos.[6]

Aínda que é descrita como unha tradición antiga, os relatos escritos do gato de Yule só foron localizados recentemente no século XIX.[7] A ameaza de ser comido polo gato de Yule foi utilizada polos gandeiros como incentivo para que os seus traballadores terminasen de procesar a la de outono antes do Nadal. Os que participasen no traballo serían recompensados con roupas novas, pero os que non o fixeran non conseguirían nada e así serían presas polo monstruoso gato.[5] Alternativamente, o gato foi descrito como simplemente comendo a comida dos sen-roupa-nova durante as festas de Jól. A percepción do gato como unha besta devoradora de homes foi popularizada en parte polos poemas de Jóhannes úr Kötlum como co resto do folclore.

Rapaces de Nadal[editar | editar a fonte]

Unha cunca de madeira, do tipo das que rouba o lambe-cuncas.

Os Yule Lads (ás veces chamados Yuletide-lads ou Yulemen) son os fillos de Grýla e Leppalúði. Son un grupo de 13 rapaces fedellos que rouban ou acosan á poboación. Todos teñen nomes descritivos que xeralmente transmiten a súa forma favorita de facer falcatruadas.[8] Chegan un por un durante as últimas 13 noites previas ás festas de Jól. Deixan pequenos agasallos nos zapatos que os nenos colocan nas fiestras, pero se o neno foi desobediente, deixan unha pataca podre, tal como os reis magos deixan carbón.

Nos tempos modernos, os rapaces de Yule tamén foron representados nun papel máis benévolo[9] comparable a Papá Noel e outras figuras relacionadas. Xeralmente son retratados con roupa islandesa baixomedieval, pero ás veces móstranse co traxe tradicionalmente usado por Papá Noel, especialmente en eventos infantís.

Lista de rapaces de Jól[editar | editar a fonte]

Os Yule Lads chegan ao longo das últimas 13 noites antes do Nadal, comezando o 12 de decembro.[10] Cada un marcha cada día, comezando o día de Nadal, na orde en que chegaron; así cada un deles permanece 13 días.[11] Abaixo amósanse os canónicos 13 Yule Lads na orde en que chegan (e parten):

Nome islandés Traducións inglesa e galega Descrición[12] Chegada[12] Saída
Stekkjarstaur Sheep-Cote Clod; Terrón de ovella Acosa as ovellas, pero está prexudicado polas súas patas ríxidas. 12 de decembro 25 de decembro
Giljagaur Gully Gawk; Gully (Barranquiño) boca-aberta Agóchase en barrancos, esperando unha oportunidade para colarse na corte dos animais e roubar o leite. 13 de decembro 26 de decembro
Stúfur Stubby; Parvo Anormalmente curto. Rouba tixolas para comer a codia que lles queda. 14 de decembro 27 de decembro
Þvörusleikir Spoon-Licker; Lambe-culleres Rouba e lambe culleres de madeira. É extremadamente delgado debido á malnutrición. 15 de decembro 28 de decembro
Pottaskefill Pot-Scraper; Raspa-potas Rouba os restos das potas 16 de decembro 29 de decembro
Askasleikir Bowl-Licker; Lambe-cuncas Agóchase debaixo das camas, á espera de que alguén deixe o askur (un tipo de cunca cunha tapa que se usa en lugar de pratos), que despois rouba. 17 de decembro 30 de decembro
Hurðaskellir Door-Slammer; Bate-portas Gústalle bater as portas, especialmente durante a noite, espertando á xente 18 de decembro 31 de decembro
Skyrgámur Skyr-Gobbler; Devora-skyr Ten unha gran afinidade polo skyr (semellante ao iogur) 19 de decembro 1 de xaneiro
Bjúgnakrækir Sausage-Swiper; Leva-salchichas Agóchase nas vigas e arrebata salchichas que se están a afumar 20 de decembro 2 de xaneiro
Gluggagægir Window-Peeper; Mira-xanelas Un fisgón que mira polas fiestras en busca de cousas que roubar 21 de decembro 3 de xaneiro
Gáttaþefur Doorway-Sniffer; Cheira-portas Ten un nariz anormalmente grande e un olfacto agudo que usa para localizar o pan de follas (laufabrauð) 22 de decembro 4 de xaneiro
Ketkrókur Meat-Hook; Gancho-carne Usa un gancho para roubar carne 23 de decembro 5 de xaneiro
Kertasníkir Candle-Stealer; Rouba-candeas Segue aos nenos para roubarlles as candeas (que antes eran feitas de sebo ou graxa e, por tanto, comestíbeis) 24 de decembro 6 de xaneiro

Os nomes en inglés baséanse na tradución do poema de Hallberg Hallmundsson.[13]

Os rapaces escuros[editar | editar a fonte]

Antes de que estes 13 rapaces fosen os máis populares, a súa descrición variaba entre os lugares. Dicíase que algúns eran fillos de Grýla; outros eran os seus irmáns. Algunhas historias só describen nove rapaces de Yule, pero cada un deles tiña a súa propia broma característica.

A maioría dos diferentes Yule Lads pódense clasificar en grupos: os que rouban comida, os que lles gusta facer bromas ou acosar e os que parecen ser un engano da natureza (por exemplo, Gully Gawk, que só se esconde nos barrancos).[3]

No leste de Islandia, existía un conto popular dun grupo específico de rapaces que non viñan das montañas senón do océano. Unha canción infantil moi escura menciona a dúas brincadeiras de Nadal que rouban graxa derretida enchendo os narices ou poñéndoa en calcetíns.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Review, Iceland (2014-12-15). "First Yule Lads Arrive". Iceland Review (en inglés). Consultado o 2023-01-03. 
  2. "The Icelandic Yule Lads and their evil mother Gryla". Guide to Iceland (en inglés). Consultado o 2023-01-03. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Arnastofnun nafn nefnir AB". www.arnastofnun.is ; Stofnun Árna Magnússonar (en islandés). Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2018. Consultado o 03 de xaneiro de 2023. 
  4. "Gryla-Terry-Gunnell". jol.ismennt.is; Christmas in Iceland 2000 (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2006. Consultado o 03 de xaneiro de 2023. 
  5. 5,0 5,1 "The Yule Cat". web.archive.org. 2005-01-08. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2005. Consultado o 2023-01-03. 
  6. "Jólakattaratleikur; hvar er jólakötturinn?". Þjóðminjasafn Íslands (en islandés). Consultado o 2023-01-03. 
  7. "The Christmas Cat". Grapevine.is (en inglés). 
  8. Review, Iceland (2014-12-15). "First Yule Lads Arrive". Iceland Review (en inglés). Consultado o 2023-01-03. 
  9. "The icelandic Yule lads and Grýla". guidetoiceland.is; Guide to Iceland (en inglés). 
  10. "Christmas; The Yule-lads". thjodminjasafn.is ; National Museum of Iceland (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2016. Consultado o 03 de xaneiro de 2023. 
  11. Crump, William D. (2013-08-28). The Christmas Encyclopedia, 3d ed. (en inglés). McFarland. ISBN 978-1-4766-0573-9. 
  12. 12,0 12,1 "Celebrating-christmas-with-13-trolls". www.iceland.is ; Promote Iceland (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2018. Consultado o 03 de xaneiro de 2023. 
  13. "Yulelads". notendur.centrum.is (en islandés e inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2007. Consultado o 03 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]