O Mintireiro Verdadeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Mintireiro Verdadeiro é un calendario agrícola galego anual promovido polo crego José Regadío en Palas de Rei (Lugo). A mediados dos anos 70 chegou a ser o libro máis editado ao alcanzar unha tiraxe de 15.000 exemplares.

Descrición[editar | editar a fonte]

O almanaque tiña unha función e estrutura similar ao d'O Gaiteiro de Lugo, de longa tradición. Achega unha completa información sobre as lúas, as mareas, prognósticos meteorolóxicos e previsións para o ano, os santoral e os períodos máis axeitados para as diferentes tarefas agrícolas, refráns, adiviñas, contos, as datas das feiras e consellos acompañan a outros textos deste libriño en galego.

Orixe[editar | editar a fonte]

O almanaque ten a súa orixe nos faladoiros celebrados en Palas de Rei na rebotica da farmacia de Eduardo Seijas. A ela asistían, entre outros, o xuíz Celestino Pardo Castiñeiras, os avogados Amando Losada Díaz e Roberto Ouro Vázquez (que fora deputado a Cortes en 1936 por Izquierda Republicana), o mestre Rubén Lois Calviño, o médico Constantino Grandío, o propio farmacéutico e o sacerdote. En ocasións tamén asistiron Ánxel Fole, Otero Pedrayo e Avelino Pousa Antelo.

En 1963, por iniciativa de José Regadío, xunto ao veterinario e pintor Jorge Latorre, o farmacéutico Eduardo Seijas e o avogado Amando Losada, decidiuse lanzar un almanaque coa intención de achegar ao mundo labrego as novas técnicas agropecuarias, previsións meteorolóxicas e outra información de interese, pero baixo un prisma humorístico e retranqueiro.

Dado que era unha publicación non venal (sen dereitos de autor), non foi necesario que o aprobase un comité censor, polo que, ocultos baixo o anonimato, publicaban en galego e mesmo criticaban a ditadura do réxime franquista.

Na contraportada do primeiro número aparecen como colaboradores "doutor Alodi" (Amando Losada Díaz) , "O Tronas" (Eduardo Seijas Vázquez) e "O Fundamundos". A ilustración da portada estaba asinada por Latorre (Jorge Latorre Tello).

Evolución[editar | editar a fonte]

A época de maior auxe foron as décadas de 1960 e 1970, chegando a publicarse 15.000 exemplares anuais. Tiña distribución nas principais cidades galegas, pero o lugar natural de venda eran as feiras e romarías.

O Mintireiro Verdadeiro foi evolucionando, pasando de contar con diversas colaboracións (como a de Pousa Antelo, que escribía unha "crónica medio en broma") e ser feito en colectivo, a ser un proxecto persoal de José Regadío, especialmente trala morte en 1980 de Amando Losada, encargado das predicións meteorolóxicas. En 1990 incorporou na capa o slogan iste calendario é chusqueiro, escotolido, galego-castelán, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamen barato, e comezou a ser impreso a varias cores. Xa no século XXI, grazas ao uso de novas tecnoloxías, pasou a ter un maior deseño gráfico. Tamén iniciou unha sección de recuperación de vocabulario galego en desuso.

Porén, en 2005, segundo o propio editor, xa se vendía menos, "e vai haber que deixalo, fanse de tres mil a catro mil, mais a metade non se vende".

Nestes máis de corenta anos, mantívose o deseño, o contido e o estilo deste calendario, sendo posible adquirilo en quioscos e librarías.

No ano 2006 fíxose un documental de 40 minutos sobre O Mintireiro Verdadeiro, o decano dos almanaques para labregos de Galicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castro, José de (2017). "'O Mintireiro Verdadeiro', medio século de literatura popular". Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns (1): 162–169. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]