Nicolas Léonard Sadi Carnot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sadi Carnot.

Nicolas Léonard Sadi Carnot, nado en París o 1 de xuño de 1796 e finado o 24 de agosto de 1832, correntemente chamado Sadi Carnot (Sadi é o seu único nome propio mencionado no rexistro civil, Nicolas Léonard son nomes de bautismo), foi un físico e enxeñeiro francés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Non publicou máis que un único libro: Réflexions sur la puissance motrice du feu et sur les machines propres à développer cette puissance ("Reflexións sobre a forza motriz do lume e sobre as máquinas apropiadas para desenvolver esta forza"; París, 1824), no que explica o que sería a obra da súa vida. Nela puxo as bases dunha disciplina enteiramente novidosa, a termodinámica. Naquela altura, o termo non existía, aínda que sería William Thomson, Lord Kelvin, quen o cuñase a mediados do século XIX.

Porén, é Sadi Carnot, quen, a pesar da imprecisión dalgúns dos conceptos que empregou, como a teoría do calórico e o axioma da conservación da calor, creou esta ciencia tan fundamental tanto desde a perspectiva teórica como pola súa fecundidade de aplicacións prácticas. Carnot formulou a exposición razoada do motor térmico e máis os principios básicos segundo os cales calquera central enerxética, calquera automóbil, calquera motor a reacción, é concibido hoxe. Salientabelmente, esta xénese elaborouse cando ningún predecesor definira aínda a natureza e extensión do asunto. Apoiándose en preocupacións puramente técnicas, como o melloramento dos rendementos da máquina de vapor, a evolución intelectual de Sadi Carnot foi orixinal e anunciou evolucións importantes que xurdirían nunha época crucial para a ciencia moderna.