Nemesio Barxa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de febreiro de 1935 (89 anos) Caldesiños, España |
Educación | Universidade de Salamanca Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | político, xurista |
Partido político | Bloque Nacionalista Galego |
Nemesio Barxa Álvarez, tamén escrito Nemésio Barxa, nado en Caldesiños (Viana do Bolo) o 16 de febreiro de 1935, é un xurista e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Seus pais eran mestres, viviu en Viana ata os seis anos, cando o pai, Nemesio Barja González, foi nomeado xefe do departamento provincial de Misiones de Cultura[1], e a familia trasladouse a Ourense.[2]
Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca e como Graduado Social na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a traballar como avogado en 1959, con despacho en Ourense, Vigo e Porto.[3] En 1968 foi o avogado dos labregos de Castrelo de Miño afectados polo encoro de Fenosa.[4] Tamén exerceu como avogado en temas de montes veciñais, cota empresarial agraria, industrias contaminantes, asolagamento de terras, liberdades cidadáns, dereitos humanos, procesos xudiciais contra nacionalistas e contra o nacionalismo.[5] Participou con relatorios en moitos Congresos (V Avogacía Española, I e II de Dereito Galego, I da Avogacía Galega, Iº Encontro Dereito Europeo e Comunitario, I Encontro Galaico-Minhoto de Xuristas, VII Asemblea de Xuristas Americanos, I a V Congreso Internacional de Lingua galego-portuguesa na Galiza).
Membro fundador do Consello da Avogacía Galega, tamén pertenceu á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi cofundador da Agrupación Cultural Auriense (1968) e presidente da Asociación Cultural de Vigo (1974) e presidente da Irmandade dos Vinhos Galegos. Foi Presidente da Asociación xurídica “Esculca Xustiza”, Vicepresidente da Federación Europea ADE (Avogados Demócratas Europeos), e colaborador de varias revistas xurídicas.[6] Ademais foi colaborador e membro do Consello de Administración de Sermos Galiza.[7]
Vinculado ao nacionalismo, foi candidato do BNG ao Congreso dos Deputados en Eleccións Xerais 2000 en España pola circunscrición de Ourense, e ao Parlamento Europeo en 2004 entre outras. Posteriormente, foi escollido como candidato ao Tribunal Constitucional polo Parlamento Galego en 2008, grazas a un pacto entre PSdeG-PSOE e BNG, se ben non foi finalmente elixido para o cargo polo Senado. En 2011 o BNG volveu presentalo como candidato nun grupo de catro xuristas a proposta desa formación, Iniciativa per Catalunya, Izquierda Unida e ERC.
En 2017 doou a súa biblioteca persoal, de máis de 7000 volumes, ao concello de Viana do Bolo[8].
Defensor das teses reintegracionistas na escrita e do uso do galego, foi fundador da AGAL.[9]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- "Castelao e o dereito galego" en VV. AA. Castelao hoxe e sempre: homenaxe no seu 25 cabodano (1975). Vigo. Libro de Oro. p. 26
- Na revista Análise empresarial: revista trimestral de información económica (ISSN 0214-4646) publicou estudos sobre o dereito civil de Galiza, os pactos sucesorios no dereito galego, os dereitos comunais ameazados na Gallaecia, o galego-portugués nas relacións comerciais na Gallaecia etc.[10]
- Na revista Agalia tratou: "Contributos para a análise da situaçom legal do galego em sentenças do Tribunal Superior de Justiça da Galiza e na praxe, Reflexoes em torno a umha exposiçom de cartazes sobre o plesbicito para o Estatuto de Autonomia galego de 1936, Cooperaçom transfronteiriça no mundo do Direito. Relaçons comerciais na "Gallaecia".[10]
Publicacións colectivas
[editar | editar a fonte]- Os montes veciñais en réxime de propiedade xermánica na Galiza e no norte de Portugal.
- A contaminación na Galiza (1975). Ed. do Rueiro
- Galiza 1968. A consciencia avivada (2018). Sermos Galiza.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Voz de la Falange". El Pueblo Gallego. Diario de Orense. 24 de agosto de 1941.
- ↑ "Un particular doa 7.000 libros ó Concello de Viana". Historia de Galicia. 2018-06-07. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "Nemesio Barxa, entre los posibles recambios del Constitucional". La Voz de Galicia (en castelán). 2010-07-17. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "Presentación de «Galiza 1968» no café Auriense". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-11-21. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "Nemésio Barxa Álvarez". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "Nemésio Barxa Álvarez". www.nuevaeconomiaforum.org. Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "O avogado Nemésio Barxa doa os 7.000 libros da súa biblioteca a Viana do Bolo". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "O avogado Nemésio Barxa doa os 7.000 libros da súa biblioteca a Viana do Bolo" Arquivado 15 de novembro de 2017 en Wayback Machine., artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza, 14 de novembro de 2017.
- ↑ "Nemésio Barxa proposto como candidato galego para o Tribunal Constitucional". www.pglingua.org. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ 10,0 10,1 "Nemesio Barxa Alvarez". Dialnet (en castelán). Consultado o 2019-01-23.
- ↑ Barxa Álvarez, Nemesio / Campo Freire, Xaquín / García Negro, María do Carme / Nogueira Román, Camilo / Harguindey Banet, Henrique / Romero Labarta, Manuel / Allegue Aguete, Pilar / Araguas Álva. Galiza 1968. A Consciencia Avivada. www.todostuslibros.com. ISBN 978-84-09-06057-3.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barrera, Feliciano, ed. (2002). "Barxa Álvarez, Nemesio". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. p. 60-61. ISBN 84-8064-113-4.