Saltar ao contido

Nais Contra a Impunidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nais Contra a Impunidade
Tipoorganización de dereitos humanos
Data de fundaciónmarzo de 2012
SedeA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Nais Contra a Impunidade, tamén denominada Nais Contra a Impunidade in memoriam Xose Tarrío & Diego Viña, é unha asociación galega que defende os dereitos das persoas presas creada en marzo de 2012.

Obxectivos

[editar | editar a fonte]

Os seus obxectivos son a denuncia e loita contra a violencia institucional: o trato inhumano e degradante nos cárceres, así como toda forma de exclusión social (mulleres, inmigrantes, persoas portadoras de VIH…). A asociación ofrece apoio xurídico, formación, axuda persoal directa e organización de actos públicos de solidariedade.[1]

Porque as persoas presas, as excluídas, as enfermas, permanecen afastadas deste mundo material, porque o cárcere é un reflexo desta hipócrita sociedade, porque vivir en liberdade é hoxe mais que nunca un privilexio das clases adiñeiradas. Porque ser pobre, muller, inmigrante, xitano, toxicómano, supón para algunhas persoas un tráxico final entre rexas, nun calexón escuro, nunha cama de hospital. Porque estamos fartas de que isto siga así. Porque as familias e seres queridos non consentimos esta barbarie.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Creación

[editar | editar a fonte]

Foi impulsada, entre outras, por Pastora González, nai de Xosé Tarrío, e o avogado e activista Fran del Buey.

Decidimos facer Nais Contra a Impunidade despois de comprobar que cada vez hai máis fillos mortos a mans de carceleiros, policía, nos centros de detención. As familias e as nais temos que dar unha resposta porque son fillos os que están mortos, non son paquetes.[3]

A asociación recolle o legado doutras organizacións que viñan traballando contra os abusos nos cárceres e a prol da súa abolición, os traballos inhumanos e degradantes, a exclusión social e calquera forma de privación de liberdade (PreSOS Galicia, Comités AntiSida, etc.). Entre as súas integrantes están: Carmen Castro, nai de Diego Viña; Lola Riveiro, nai da presa anarquista Noelia Cotelo, condenada por furto e confinada en réxime FIES por denunciar os abusos, agresións e violacións sufridos no cárcere; Elvira Nieto, nai de Cristina Albertina; Julia, nai do preso anarquista Gabriel Pombo da Silva, coñecido como "Musta".

Fran del Buey explica que a elección do nome da asociación partiu da "nai" como icona do concepto de familia e acollida, e subliña que "nai somos todos nós”,[4] por iso o seu obxectivo principal é o apoio ás familias. A imaxe da asociación é unha versión da figura da nai con fillo morto do Guernica de Picasso.

Pastora González e Julia da Silva sinalan nas súas intervencións que hai unha relación directa entre cárcere, violencia penitenciaria, pobreza e emigración. O seu testemuño como nais de presos, a denuncia do réxime carcelario e mais do FIES recóllese demoradamente nunca entrevista realizada durante a marcha ao cárcere alemán Aachen 4, onde estaba confinado Gabriel Pombo. A entrevista publicouse no zine Prision Was Created for the Poor. Mothers & Sons. From FIES to Aachen, editado por Leeds ABC, con limiar do coñecido preso anarquista británico Mark Barnsley.

Xunto coa Fundación Sen Esquencer, promoven o Proxecto Habeas Corpus, un obradoiro de acción directa contra as desigualdades e a violencia institucional, que se artella en tres liñas: taller de autodefensa, con asesoramento xurídico sobre asuntos penais, sociais, administrativos e de xénero e información sobre dereitos; universidade popular, para o intercambio horizontal de coñecementos e un tratamento transversal da cultura; e publicación de libros.[5] O Proxecto Habeas Corpus colabora co Voizes Arquive, un proxecto internacional que documenta a experiencia en prisión por medio do testemuño de persoas presas promovido, entre outras, polo fotógrafo e activista Xosé Quiroga García-Boente.

Realizan accións informativas, reunións anuais de recordo e afecto, talleres, charlas informativas e accións de denuncia,[4] que se vertebran en tres eixos.

O fundamental é o apoio á familia, ofrecerlles un abrazo, un ombreiro onde chorar. Unha segunda parte do traballo é dar seguimento aos seus problemas mediante un servizo de asesoramento xurídico gratuíto. Acompañarlles ás administracións, explicar os casos e a situación desde unha perspectiva de autodefensa. Ensínase ás familias a entender. O terceiro alicerce é a protesta, activar os mecanismos que teñamos, como unha concentración, unha manifestación ou un acto público, para difundir os casos de impunidade. Son tres partes, pois: abrazar, entender e denunciar.[6]

O caso Diego Viña

[editar | editar a fonte]

En 2016 foron xulgadas na Coruña por pedir explicacións e responsabilidades pola morte no cárcere de Diego Viña, un mozo de 22 anos finado no cuartel da Garda Civil de Arteixo e fillo de Carmen[7] Nais contra a impunidade organizou daquela unha concentración de do e protesta contra a impunidade policial diante dunha igrexa onde a benemérita celebraba unha misa cun ataúde de cartón, candeas e fotografías.[8][9] Fran del Buey explica a reacción das forzas do estado:

Na protesta de 2010 a Garda Civil identifica a 15 persoas e recolle a información de difusión da protesta. Trasladárono á subdelegación do Goberno para que se iniciase un proceso sancionador contra dúas persoas por un suposto de concentración non comunicada segundo a lei de participación. Ao mesmo tempo remiten ao Xulgado de Instrución o atestado para que o xuíz determine que tipo delituoso prodúcese. A sorpresa é que o xulgado de instrución considera o contido do atestado como un delito contra a honra da Garda Civil. Isto xa non se trata do dereito a liberdade de expresión senón que é o dereito ao duelo, dereito a sentir, a chorar, a gritar e a protestar.[3]

Non se respectou a nosa dignidade nin a nosa dor, entregouse o corpo dun fillo como quen entrega unha bolsa de roupa. En todos os caos que denunciamos acontece algo semellante. [...]. E o máis importante: estanlles a dicir ás familias que non poden chorar".[8]

Isto desencadeou unha onda de solidariedade no estado español, a Campaña antirrepresiva #15procesad@s.[3] Un preso no cárcere de La Moraleja en Dueñas (Palencia), Juankar Santana Martín, púxose en folga de fame simbólica en apoio da asociación.[10] Finalmente foron absoltas en 2017.

Publicacións

[editar | editar a fonte]

A asociación ten os dereitos de publicación da autobiografía de Xosé Tarrío por iso en 2016 publicaron a reedición en castelán de Huye, hombre, huye, e mais a tradución ao galego de Isaac Lourido, Fuxe, home, fuxe.[11] Da obra, traducida a diversas linguas (alemán, croata, francés, grego, inglés, italiano) vendéronse máis de 20.000 exemplares por todo o mundo.[4]

  1. "Xornal de Galicia para el Mundo - O Diario dun preso FIES de Xosé Tarrío publicado en galego". xornaldegalicia.es. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2019. Consultado o 2019-05-13. 
  2. "Ateneo Libertario Xosé Tarrío: Nais contra a impunidade". Ateneo Libertario Xosé Tarrío. Consultado o 2019-05-13. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "“Fixemos Nais Contra a Impunidade ao ver que cada vez hai máis fillos mortos a mans de carceleiros”". Galicia Confidencial. Consultado o 2019-05-18. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Abelleira, Maria. "As Nais contra a impunidade apreséntanse en Compostela". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2019. Consultado o 2019-05-18. 
  5. "Ateneo Libertario Xosé Tarrío: Proxecto "Habeas Corpus"". Ateneo Libertario Xosé Tarrío. Consultado o 2019-05-13. 
  6. Guàrdia i Serentill, Meritxell (11/09/2014). "Fixemos Nais Contra a Impunidade ao ver que cada vez hai máis fillos mortos a mans de carceleiros". Galicia Confidencial. Consultado o 2019-05-18. 
  7. "Nais contra impunidade: “No se nos permitió nombrar la muerte de Diego Viña, el juez se centro en las supuestas injurias”" (en castelán). 2016-11-04. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2019. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  8. 8,0 8,1 "A juicio por recordar a un muerto". Diagonal. Consultado o 2019-05-18. 
  9. "Pastora González: “Lo que están haciendo es castigar el dolor”". La Haine Galiza (en castelán). Consultado o 2019-05-18. 
  10. "Juankar Santana Martín - Nais Contra a Impunidade - Indymedia Barcelona". barcelona.indymedia.org. Consultado o 2019-05-18. 
  11. "El diario de un preso, en libro y en gallego". www.farodevigo.es (en castelán). Consultado o 2019-05-13. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Prision Was Created for the Poor. Mothers & Sons. From FIES to Aachen. Pastora & Xosé Tarrío González. Julia & Gabriel Pombo da Silva. Introdución de Mark Barnsley. Leeds: Leeds ABC Publications, febreiro 2007, 36 páxinas. Reedición en EUA por American Remix by Lugnut. Edición dixital de marzo de 2012.[1]Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • A prisión de Bonxe en Voizes Arquive
  • Entrevista a Lola