Na maleta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Criminal
Autor/aXurxo Borrazás
CubertaFausto C. Isorna
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónMedusa
Xénero(s)Novela
EditorialSotelo Blanco
Data de pub.2000
Páxinas220
ISBNISBN 84-7824-364-X
editar datos en Wikidata ]

Na maleta é unha novela de Xurxo Borrazás, publicada por Sotelo Blanco en 2000. Recibiu o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria en 2001.

Trama[editar | editar a fonte]

Pepe é un home parado que vive en Vigo coa súa nai. Mantén unha relación de parella con Carme, a súa curmá. Os dous son procedentes de Carballo, fillos de dúas irmás. Pepe é orfo de pai, e Carme é filla de pai descoñecido.

Ela é destinada a traballar en Navia de Suarna. El apúntase nunha ETT e é chamado para facer traballos de seguimento a outras persoas. Cobra en diñeiro negro e sen contrato laboral, pero non pregunta polos motivos. Os encargos son do máis estraño.

Un día Pepe atopa unha maleta con 78 millóns de pesetas. Bule cara a xunto Carme para contarllo, pero de camiño ten un accidente de tráfico logo de coller o coche bébedo. Uns paisanos intentan roubarlle o maletín, pero escapa e chega a Navia co coche esnaquizado. Pepe ten a sensación de que está a ser perseguido e vixiado. A parella marcha cara á Coruña sen saber que facer. Pepe soña que está co seu avó e que desapareceu a metade da aldea onde naceu.

En Muros embebédanse e deciden regresar cara a Vigo. Teñen proxectos para gastar os cartos do maletín e ilusión na vida en parella. Pensan en mercar un piso e montar unha taberna.

As nais de Pepe e Carme falan por teléfono, e a nai dela dille á nai del que o pai de Carme fora o seu home, que a violara poucos días antes de concibilo a el. De feito, Carme é uns días maior ca Pepe.

Chegan a Vigo. A nai de Pepe dille que estivo un señor preguntando por el. Aos poucos días, a súa nai morre. Pepe soña coa súa nai morta. Cara ao final da trama, os personaxes xa mortos comezan a interactuar con Pepe e Carme, ben mediante os soños ou mediante unha especie de telepatía. Tanto pode ser unha boa relación, con consellos, como unha mala, con discusións.

Tralo cambio de ano, Pepe e Carme deciden mudar de vida e comezar a gastar os cartos. Van á feira de Valença do Minho, e alí dinlles que os billetes son falsos. Carme deprímese e regresa á escola. Pepe decide desfacer os billetes e retomar a vida cotiá. Volve á axencia onde traballa, e danlle un teléfono móbil. Finalmente decide rematar con todo e atracar ou prenderlle lume á axencia.

Narración[editar | editar a fonte]

A novela está narrada en terceira persoa. Non se utilizan guións para marcar os diálogos.

Espazo[editar | editar a fonte]

Amais de diversos barrios da cidade de Vigo (Teis, Coruxo, Coia...), a acción transcorre en lugares do leste da provincia de Lugo (Navia de Suarna ou Folgoso do Courel), e do noroeste da provincia da Coruña (Cee, Muros, Carballo).

Tempo[editar | editar a fonte]

A acción transcorre entre setembro de 1999 e comezos de 2000, se ben hai numerosas analepses á infancia dos personaxes principais.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Pepe, parado de 39 anos;
  • Carme, mestra de 39 anos;
  • Luísa, nai de Pepe;
  • Carme, nai de Carme e irmá da anterior;
  • Roxelio, pai de Pepe e Carme;
  • O avó de Pepe e Carme;