Mono Paco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mono Paco, na súa gaiola en Redondela.

O Mono Paco, nado en África e finado en Vigo o 19 de decembro de 1991, foi un simio pertencente á especie Chlorocebus sabaeus que se fixo famoso polo seu comportamento sexual na localidade de Redondela e posteriormente en Vigozoo.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 1986, após dunha estadía en África embarcado, un mariñeiro redondelán tornou a Galicia cunha parella de simios (Paco e Coco). Ditos simios foron cedidos ao concello de Redondela e colocados nunha gaiola a carón do parque da Alameda, como xeito de contribuír ao reclamo turístico da vila.

A comezos do ano 1991 Coco, unha das dúas monas, faleceu, deixando a Paco só na gaiola. Desde aquel momento, comezou a adquirir comportamentos masturbatorios e onanistas de xeito compulsivo[1], feito que xerou gran polémica e foi recollido por diversos medios de comunicación da época.[2]

Por mor da excesiva actividade sexual de Paco, o alcalde de Redondela, Xaime Rei, contactou co concelleiro de Vigo e responsábel do zoo da cidade (Vigozoo), Antonio Nieto Figueroa, para que se lle puidese atopar unha parella sexual a Paco. Así, acordouse o seu traslado a Vigozoo cunha parella chamada Vigo.

O 26 de marzo de 1991, Paco foi finalmente trasladado a Vigozoo para convivir coa súa compañeira. No verán dese mesmo ano, a súa parella Vigo apareceu morta na súa gaiola. O 19 de decembro de 1991, Paco tamén foi atopado morto. A causa da morte foi unha perforación do estómago, probábelmente porque alguén o alimentara con comida que contivese un imperdíbel, atopado no estómago do mono.[3]

A historia do mono Paco foi moi polémica, e moitos grupos ecoloxistas e feministas protestaron por mor do encerro que sufriron os animais nos seus recintos, e polo feito de que as monas do zoo de Vigo fosen tratadas coma prostitutas.[4][5][6][7]

Documental[editar | editar a fonte]

A historia do mono Paco foi levada ao cinema mediante un documental, titulado O mono Paco. Foi estreado no ano 2010 no Festival de Cans, na parroquia homónima do concello do Porriño, e foi un dos documentais finalistas aos premios Mestre Mateo.

No documental, repásase a vida do animal en Galicia, e o seu argumento serve para retratar diversos aspectos das sociedade viguesa, como por exemplo a movida viguesa e a moralidade da época. Diversos persoeiros formaron parte do documental, como o ex xogador do Celta de Vigo, Míchel Salgado, Antón Reixa, Julián Hernández, Manuel Soto, Iván Ferreiro, Silvia Superstar ou Manuel Manquiña, entre outros.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]