Minia
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Roma, Italia |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 26 de setembro 27 de setembro |
Patrón de | Brión |
Minia é unha mártir romana venerada no santuario de San Fins de Brión.[1] A festa de Santa Minia celébrase o 26 e 27 de setembro e a ela acoden moitos romeiros da zona. É a patroa do concello de Brión.[2]
Nome
[editar | editar a fonte]O nome é de orixe latina, Minia, talvez forma feminina de Minius, de orixe incerta, quizais etrusca. Minius tamén ó o nome latino que dá lugar a Miño, o río, que se pode relacionar co minium, óxido de ferro de varios minerais de cor rubia, cinabrio, minio.
A difusión do nome é recente e debida ao santuario de Brión.[3] Leva este nome a astrofísica Minia Manteiga. Lugrís Freire escribiu un drama titulado Minia, drama nun acto en prosa.[4]
A lenda de Santa Minia e a historia do seu santuario en Brión
[editar | editar a fonte]Segundo a lenda, Minia foi unha mártir romana do século IV, martirizada con 15 anos no 362 sendo emperador Xuliano. O corpo foi achado no cemiterio de San Calisto en 1781 e entregado á igrexa metropolitana esmirnense en 1841. En 1783 sacouse o corpo e maila lápida do sartego no cemiterio de Santa Inés. En 1804 o prefecto do Sagrario Apostólico doou os restos a Juan Francisco Arieta e nese mesmo ano o nobre Tomás Anduaga levounos para Cádiz.[5] Cubríronse os ósos con cera e forráronse con panos de liño ao estilo romano. Metéronse nunha urna xunto cun vaso do seu suposto sangue, cos certificados de autenticidade e un anaco de lousa coa inscrición MINIA IN SOMNO PACIS (Minia no sono da paz). Finado o nobre gaditano, o seu criado galego Luís Tobío, de Amaía, levou para a súa terra en 1848 as reliquias. Depositounas na sancristía da igrexa parroquial de San Fins de Brión e logo foron para un santuario erguido na mesma parroquia en Pedrouzos.[3] Nese mesmo 1848 o bispo de Santiago de Compostela, Rafael de Vélez, recoñeceu oficialmente o culto de santa Minia.[6]
Todos os anos acoden miles de romeiros e romeiras a Brión o día de santa Minia porque se cre unha santa moi avogosa. Cóidase que poñendo unha candea coa forma da parte do corpo enferma e ofrecéndose á santa cunha misa e algún sacrificio obrarase o milagre e o doente sandará.[7]
A imaxe da santa representa unha moza nova xacente, vestida con roupas de patricia romana.
Popular
[editar | editar a fonte]Santa Minia milaghrosa
na súa cama deitada,
se non fora Santa Minia
Brión non valía nada.Teño de ir á Santa Minia,
Santa Minia milagrieira
Teño de ir á Escravitú,
téñolles de dá-as gracias
que me deron a salú.
veu de Cadis a Padrón
e agora vamos vela
a San Felís de Brión.[3]
Santa Minia, San Campio, San Pexerto e Santa Plácida.
[editar | editar a fonte]Santa Minia, San Campio e San Pexerto son os tres santos populares paleocristiáns cuxas reliquias, procedentes das catacumbas romanas de San Calisto, se conservan en Galicia desde a última parte do século XVIII, polo que os santuarios e devoción por eles son relativamente modernos.
San Campio e san Pexerto eran moi indicados para a protección dos mozos que ían facer o servizo militar por suporse que foran soldados romanos. Nos tres casos coincide que coas reliquias veu de Roma a lápida encontrada na tumba e un vaso co suposto sangue do mártir, que pode ser o vaso de perfumes que se poñía nas tumbas romanas.
A eles únese Santa Plácida de Rubiáns, traída un pouco máis tarde do cemiterio romano de San Ciríaco.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ledo Cabido, Bieito (ed.). "Minia". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo.
- ↑ "Alumeado na carballeira de Brión pola súa 'patroa'". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-09-15.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. pp. 384–5. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23/12/2015. Consultado o 9/9/2020.
- ↑ "Ficha da obra". bvg.udc.es. Consultado o 15/9/2020.
- ↑ MUNDIARIO. "Santa Minia de Brión: la pequeña historia de una niña romana en Galicia". MUNDIARIO (en castelán). Consultado o 2020-09-10.
- ↑ A forma 'santa Minia' é unha denominación popular informal, pois non foi canonizada pola Igrexa
- ↑ "Santa Minia y el milagro de las velas corporales". La Voz de Galicia (en castelán). 28/9/2010. Consultado o 10/9/2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Santa Minia, Virgen y Mártir. Santiago de Compostela. 1974.