Campio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Campio
Biografía
Nacementoca. século III en Antioquía
Pasamentoca. século IV en Roma
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enGalicia e Portugal
Santuario principalSantuario de San Campio de Figueiró
AtributosHome durmido no seu leito, coiraza, palma de martirio
Patrón/a deFigueiró, Tomiño

Campio foi un mártir romano cuxos restos foron trasladados no século XVIII a Galicia, onde axiña gañou moita devoción.[1]

Nome[editar | editar a fonte]

Nome derivado do latín campus, 'chaira', 'campo aberto'. Como nome propio pode significar 'labrego', 'campesiño'.[2]

Historia e lenda de San Campio[editar | editar a fonte]

San Campio de Lonxe en Tomiño

Segundo a lenda, Campio[3] foi un militar romano do século III, mártir católico. Dise que padeceu o martirio nos tempos de Diocleciano e Maximiliano, ano 306; tamén, que seguiron o seu exemplo no martirio a súa muller Santa Arquelaida e os tres fillos pequenos.[4]

Estivo nas catacumbas de San Calisto ata finais do século XVIII, cando foi trasladado a Santo Ourente de Entíns (Outes). En 1777 o arquidiácono de Trastámara, Xavier Zelada, trouxo os restos de Roma para lle dar fama cun mártir á sé do seu arcediagado, Santa María a Real ou Santa Tasia de Entíns, que era a matriz de Santo Ourente. O papa Pío VI entregoulle os restos dun dos moitos soldados soterrados, o que tiña na lápida o nome de Campio. O santo colleu pronto fama de ser un bo curandeiro, moi avogoso para os males do espírito, botar fóra o meigallo ou os demoños.[2]

Recóllese unha tradición anterior precristiá, a de Santa María do Rial, posible lugar de culto ás augas, coa que probablemente enlaza a devoción a san Campio. Coma no San Cibrán, o día da romaría os devotos dan nove voltas á capela e soméntense a unha serie de exorcismos públicos, cada vez menos frecuentes. Coma o San Pexerto, tamén é protector dos mozos que ían ao servizo militar.[2]

Iconografía[editar | editar a fonte]

Santa Arquelaida, a muller de San Campio, en San Campio de Lonxe.

Os restos do esqueleto de Entíns foron recubertos de cera e foi vestido de centurión romano cun sabre na man, ao lado dunha bandeira e un escudo. A cabeza descansa sobre un cabezal e tamén hai un vaso co seu suposto sangue coagulado.[1]

Na imaxe conservada en Rubín (A Estrada) aparece de pé, vestido de soldado romano cun vistoso casco na cabeza e a palma do martirio na man esquerda.

Festividade[editar | editar a fonte]

Entíns[editar | editar a fonte]

En Santo Ourente de Entíns (Outes) celébrase a Romaría do Mal Cativo á que acoden os enfermos con doenzas mentais e psíquicas. Despois de visitar o santo e pasar os panos polo seu manto, os devotos acoden á capela para lavaren a cara na fonte e pasaren o pano sobre as súas doenzas, pano que deixan alí pendurado. Finalmente, van ao cruceiro e dan nove voltas arredor do mesmo mentres rezan nove nosopais.[5]

As festas principais son o 28 e 29 de setembro, mais tamén o primeiro domingo de xullo.

En Entíns tamén hai unha capela na honra de san Campio.[6] Por este motivo, existen algunhas cantigas e refráns que aluden a san Campio e mais a santo Ourente, venerado nesta mesma parroquia[6]:

  • San Orente foi militar / que xa foi servir ó rei / i ahora está no altare.[6]
  • San Orente foi obispo / San Campio foi militar / ahora que xa son vellos / están xuntos no altar.[6]
  • San Campio e san Ourente / están os dous nun altar / Santo Ourente é pescador / e San Campio militar.[6]
  • Vamos ó San Campio, nena / san Campio é mui valente / que ten a súa capela / na fonte de santo Ourente.[6]

As Cernadas[editar | editar a fonte]

O San Campio das Cernadas (Setecoros, Valga) é o 28 de setembro.[7]

Rubín[editar | editar a fonte]

En Rubín (A Estrada) a festa do San Campio é o domingo da Pentecoste.[8]

Valadares[editar | editar a fonte]

Mosaico de San Campio, na capela da Ramallosa (Nigrán).

En Santo André de Valadares (Vigo) celebran catro días de festa arredor do último domingo de agosto en honor ao San Campio.

Figueiró[editar | editar a fonte]

En Figueiró (Tomiño) venérase no santuario de San Campio de Lonxe, tamén chamado San Campio do Monte.

A Ramallosa[editar | editar a fonte]

Capela de San Campio, na Ramallosa.

Ás beiras da foz do río Miñor, na parroquia de San Pedro da Ramallosa, construíuse unha capela na súa honra.

Popular[2][editar | editar a fonte]

San Campio foi militar,

serviu ao rei lealmente,
agora está corpo santo
no altar de Santo Ourente.
San Campio foi militare,
serviu al rei leghalmente,
aghora está de cabalo
dah nenas de Sant´Ourente.
San Campio é moi valente,
que ten a alma no seo,
o corpo en San Ourente.

Neniñas de San Orente,
ben vos podés alabar
ténde-lo santo San Campio
vestido de militar.

San Orente foi obispo,
San Campio foi militar,
ahora que xa van vellos,
están xuntos no altar.

San Campio e San Ourente
están os dous no altar;
San Ourente é pescador
e San Campio é militar.

Vamos ó San Campio, nena;
San Campio é mui Valente,
que ten a súa capela
na fonte de Santo Ourente.

Xa fun ó santo San Campio
e mais non fun á Xesteira;
santo San Campio é honrado
por unha nena solteira.

Desta romaría veño,
veño do santo San Campio,
do santo San Campio veño.

Eu fun ó santo San Campio,
a mais non fun á Xesteira,
santo San Campio m´aparte
dunha muller cabuxeira.

Romería de San Campio,
non ch´era para perdere,
si Dios quere e non morro,

para o ano hei de volvere.

Santa Minia, San Campio, San Pexerto e Santa Plácida.[editar | editar a fonte]

Santa Minia, San Campio e San Pexerto son os tres santos populares paleocristiáns cuxas reliquias, procedentes das catacumbas romanas de San Calisto, se conservan en Galicia desde a última parte do século XVIII, polo que os santuarios e devoción por eles son relativamente modernos.

San Campio e san Pexerto eran moi indicados para a protección dos mozos que ían facer o servizo militar por suporse que foran soldados romanos. Nos tres casos coincide que coas reliquias veu de Roma a lápida encontrada na tumba e un vaso co suposto sangue do mártir, que pode ser o vaso de perfumes que se poñía nas tumbas romanas.

A eles únse Santa Plácida de Rubiáns, traída un pouco máis tarde do cemiterio romano de San Ciríaco, tamén co suposto vaso de sangue.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ledo Cabido, Bieito (ed.). Enciclopedia Galega Universal, 4. Ir Indo. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 12 de setembro de 20208. 
  3. A forma 'San Campio' é unha denominación tradicional popular, pois non foi canonizado pola Igrexa.
  4. "Santuario San Campio" (en castelán). 2020-04-16. 
  5. Galegas, Páxinas. "San Campio - Romaría do Mal Cativo (2020) en Outes". www.paxinasgalegas.es. Consultado o 2020-09-12. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario de nomes galegos. Ir Indo. 
  7. Galegas, Páxinas. "San Campio de Cernadas en Valga". www.paxinasgalegas.es. Consultado o 2020-09-12. 
  8. "En Rubín honran a San Campio los días 8 y 9". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-06-01. Consultado o 2020-09-12.