Minia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Minia
Reliquias Santa Minia.jpg
Pasamentoen Roma
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enGalicia
Festividade26 e 27 de setembro
Santuario principalBrión, Brión
Patrón/a deBrión

Minia é unha mártir romana venerada no santuario de San Fins de Brión [1]. A festa de Santa Minia celébrase o 26 e 27 de setembro e a ela acoden moitos romeiros da zona. É a patroa do concello de Brión.[2]

Nome[editar | editar a fonte]

O nome é de orixe latina, Minia, talvez forma feminina de Minius, de orixe incerta, quizais etrusca. Minius tamén ó o nome latino que dá lugar a Miño, o río, que se pode relacionar co minium, óxido de ferro de varios minerais de cor rubia, cinabrio, minio.

A difusión do nome é recente e debida ao santuario de Brión.[3] Leva este nome a astrofísica Minia Manteiga. Lugrís Freire escribiu un drama titulado Minia, drama nun acto en prosa.[4]

A lenda de Santa Minia e a historia do seu santuario en Brión[editar | editar a fonte]

Disque Minia foi unha mártir romana do século IV, martirizada con 15 anos no 362 sendo emperador Xuliano. O corpo foi achado no cemiterio de San Calisto en 1781 e entregado á igrexa metropolitana esmirnense en 1841. En 1783 sacouse o corpo e maila lápida do sartego no cemiterio de Santa Inés. En 1804 o prefecto do Sagrario Apostólico doou os restos a Juan Francisco Arieta e nese mesmo ano o nobre Tomás Anduaga levounos para Cádiz.[5] Cubríronse os ósos con cera e forráronse con panos de liño ao estilo romano. Metéronse nunha urna xunto cun vaso do seu suposto sangue, cos certificados de autenticidade e un anaco de lousa coa inscrición MINIA IN SOMNO PACIS (Minia no sono da paz). Finado o nobre gaditano, o seu criado galego Luís Tobío, de Amaía, levou para a súa terra en 1848 as reliquias. Depositounas na sancristía da igrexa parroquial de San Fins de Brión e logo foron para un santuario erguido na mesma parroquia en Pedrouzos.[3] Nese mesmo 1848 o bispo de Santiago, Rafael de Vélez, recoñece oficialmente o culto de santa Minia[6].

Todos os anos acoden miles de romeiros e romeiras a Brión o día de santa Minia porque se cre unha santa moi avogosa. Cóidase que poñendo unha candea coa forma da parte do corpo enferma e ofrecéndose á santa cunha misa e algún sacrificio obrarase o milagre e o doente sandará.[7]

A imaxe da santa representa unha moza nova xacente, vestida con roupas de patricia romana.

Capela de Santa Minia en Brión

Popular[editar | editar a fonte]

Santa Minia milaghrosa

na súa cama deitada,

se non fora Santa Minia

Brión non valía nada.


Teño de ir á Santa Minia,

Teño de ir á Escravitú,

téñolles de dá-as gracias

que me deron a salú.


Santa Minia milagrieira

veu de Cadis a Padrón

e agora vamos vela

a San Felís de Brión.[3]

Santa Minia, San Campio e San Pexerto[editar | editar a fonte]

Santa Minia, San Campio e San Pexerto son os tres santos populares paleocristiáns cuxas reliquias, procedentes das catacumbas romanas de San Calisto, se conservan en Galicia desde a última parte do século XVIII, polo que os santuarios e devoción por eles son relativamente modernos.

San Campio e san Pexerto eran moi indicados para a protección dos mozos que ían facer o servizo militar por suporse que foran soldados romanos. Nos tres casos coincide que coas reliquias veu de Roma a lápida encontrada na tumba e un vaso co suposto sangue do mártir, que pode ser o vaso de perfumes que se poñía nas tumbas romanas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ledo Cabido, Bieito (ed.). Enciclopedia Galega Universal, 12. Ir Indo. 
  2. "Alumeado na carballeira de Brión pola súa 'patroa'". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-09-15. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. p. 384-5. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2020. 
  4. "Ficha da obra". bvg.udc.es. Consultado o 2020-09-15. 
  5. MUNDIARIO. "Santa Minia de Brión: la pequeña historia de una niña romana en Galicia". MUNDIARIO (en castelán). Consultado o 2020-09-10. 
  6. A forma 'santa Minia' é unha denominación popular informal, pois non foi canonizada pola Igrexa
  7. "Santa Minia y el milagro de las velas corporales". La Voz de Galicia (en castelán). 2010-09-28. Consultado o 2020-09-10.