Miguel García Vivancos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miguel García Vivancos
Nacemento19 de abril de 1895
Lugar de nacementoMazarrón
Falecemento23 de xaneiro de 1972
Lugar de falecementoCórdoba
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpintor, sindicalista, anarquista, terrorista anarquista e anarcosindicalista
editar datos en Wikidata ]

Miguel García Vivancos, nado en Mazarrón o 19 de abril de 1895 e finado en Córdoba o 23 de xaneiro de 1972, foi un pintor español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aprendiz no arsenal de Cartaxena, marchou coa súa nai viúva e os seus irmáns a Barcelona. Alí entrou no movemento anarquista, formando parte do grupo "Los Solidarios", para loitar activamente contra os pistoleiros contratados polos empresarios para reprimir as reivindicacións obreiras. Durante a guerra civil mandou a columna Los Aguiluchos, formada por membros da Federación Anarquista Ibérica, que de Barcelona saíu a loitar á fronte de Huesca. Dirixiu a 126ª Brigada e a 25ª División en Belchite e Teruel.

Fuxido a Francia ó finalizar a guerra, foi recluído en 1940 no Campo de internamento de Vernet d'Ariège. Permaneceu alí ó comezar a ocupación nazi, sendo liberado pola resistencia, incorporándose á mesma.

Trala guerra traballou en moi diversos oficios. Un día comezou a pintar escenas e paisaxes de París en panos para vendérllelos ós soldados norteamericanos. Foi así como descubriu os seus dotes para a pintura comezando a plasmar as súas obras en óleo sobre lenzo.

En 1947 coñeceu a Picasso, que o acolleu con agarimo, pois xa oíra falar das súas accións durante a guerra civil. Picasso interesouse pola súa pintura e presentoulle a marchante María Cuttoli para que se ocupase de dalo a coñecer. En 1948 realizou a súa primeira exposición en París, na galería Mirador. Foise facendo nome e nunha das súas exposicións André Breton adicoulle unhas liñas, dicindo: A pintura de Miguel G.Vivancos é unha indiscernible lección de candor e forza. O don que ela manifesta é moito máis do que nos prace desvelar só na arte, é o que o sacraliza a partir da vida máis intensamente vivida, a máis elevada posibilidade de recomenzar a vida.[1]

A súa obra está exposta nos Museo de Arte Moderna de Nova York, París, Río de Xaneiro, Skopje e no Museo Internacional de Arte Naíf "Manuel Morán" de Xaén.

As súas obras foron adquiridas por famosos personaxes como François Mitterrand, David Rothschild, Helena Rubinstein ou Greta Garbo.

Exposicións[editar | editar a fonte]

  • Galería Mirador. París, 1948.
  • Galería Mirador. París, 1956.
  • Galería Weil. París, 1957.
  • Galería Norval. París, 1958.
  • Galería Charpentier. París, 1964.
  • Galería Ramón Durán. Madrid, 1971, pasando desapercibida tanto para a crítica como para os coleccionistas.
  • Galería Arteta. Bilbao, 1972, con grande éxito. Mesmo coleccionistas de Madrid de pintura naíf que non se decataran da exposición que realizara nesa cidade un ano antes, transladáronse a Bilbao para adquirir a súa obra.
  • Galería Arteta. Bilbao, 1974.

Exposicións colectivas[editar | editar a fonte]

  • "Les Peintres Naives". París, 1960.
  • "Laienmaler". Basilea, 1961.
  • "Pittori Naifs". Roma, 1964.
  • "Die Lusthof der Naieven". Rotterdam-París, 1964.
  • "Le Panorama Internationale de la Peinture Naive". Rabat, 1964.
  • "Von Rousseau bis heute". Zagreb-Belgrado-Rijeka-Ljuhijana", 1970.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Manuscrito orixinal en andrebreton.fr". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 16 de outubro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vallejo-Nágera, Juan Antonio: Naifs españoles contemporáneos.- Madrid: Mas Actual, S.A. de Ediciones. 1975.
  • Revista Bellas Artes 73. Ano IV, número 21, marzo 1973. Madrid.
  • Bihalji-Merin, Oto: Die Naiven der Welt.- Wiesbaden: R. Löwit Verlag. 1975.
  • Miguel G. Vivancos. Catálogo da súa exposición en xaneiro de 1972 na Galería Arteta. Bilbao.
  • Miguel G. Vivancos. Catálogo da súa exposición en decembro de 1974 na Galería Arteta. Bilbao.

As Memorias de nuestra guerra y como introducción, el movimiento de liberación de Cataluña, 1936-1939', editado por Ruedo Ibérico [cando?] supóñense redactadas por García Vivancos.