Microcarbo coronatus
Microcarbo coronatus | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
M. coronatus en Stoney Point, Suráfrica | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Case ameazada | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Microcarbo coronatus (Wahlberg, 1855) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
Microcarbo coronatus, vulgarmente coñecido como corvo mariño coroado, é unha especie de ave pertencente á orde dos suliformes, familia dos falacrocorácidos, unha das cinco que integran o xénero Microcarbo.
Trátase dun pequeno corvo mariño endémico das augas frías da corrente de Benguela no suroeste de África. É unha ave exclusivamente costeira e non se aventura a máis de 10 km en mar aberto. Esta especie está estreitamente relacionada con Microcarbo africanus, e ambas as dúas foron consideradas antigamente como da mesma especie.[1][2]
Distribución
[editar | editar a fonte]Encóntrase nas costas do sur de África desde cabo Agulhas cara ao norte ata Swakopmund.
A poboación estímase que é de entre 2 500 e 2 900 parellas reprodutoras. Reprodúcese en pequenos grupos, e as colonias constan de só uns 150 individuos. O exame dos individuos anelados recuperados indica que os xuvenís poden dispersarse ao longo da costa ata 277 km dos seus niños, e os adultos móvense entre os lugares de reprodución e outras zonas litorais situadas ata 500 km de distancia.
Descrición
[editar | editar a fonte]Mide entre 50 e 55 cm de lonxitude. Os adultos son negros cunha pequena crista na cabeza e unha mancha vermella na cara. As aves novas son marrón escuras na parte superior, marróns claras na parte inferior, e carecen de crista. Poden distinguirse dos Microcarbo africanus inmaturos polo seu ventre máis escuro e a súa cola máis curta.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Aliméntanse de peixes de movementos lentos e invertebrados, que capturan en augas costeiras pouco fondas e entre os kelpos.
Constrúe o seu niño utilizando kelpos, paus, e ósos, e fórraos con kelpos ou plumas. O niño normalmente está nunha posición elevada como sobre unha rocha, árbore ou estrutura construída polo ser humano, pero tamén pode facelo no chan.
Conservación
[editar | editar a fonte]As ameazas que sofre esa especie son a predación dos ovos e pitos pola gaivota Larus dominicanus e o pelicano Pelecanus onocrotalus, molestias causadas polos humanos, verteduras de petróleo, e actividades pesqueiras comerciais, incluíndo o enredo en aparellos de pesca. A IUCN considéraa como "Case ameazada".[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Johnsgard, Paul A. (1993). Cormorants, Darters, and Pelicans of the World. Washington: Smithsonian Institution Press. pp. 152–155. ISBN 1-56098-216-0.
- ↑ Ian Sinclair, Phil Hockey and Warwick Tarboton, SASOL Birds of Southern Africa (Struik 2002) ISBN 1-86872-721-1.
- ↑ IUCN Red List. Consultado o 1-05-2016
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Microcarbo coronatus |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Informacións sobre a especie da Unidade de Demografía Animal da Universidade de Cidade do Cabo
- Microcarbo coronatus - The Atlas of Southern African Birds.