Saltar ao contido

Mergo grande

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mergus merganser»)
Mergo grande

M. m. merganser, macho en Sandwell, Inglaterra

M. m. merganser, femia
M. m. merganser, femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Mergus
Especie: Mergus merganser
Linnaeus, 1758
Distribución de M. merganser      Área reprodutora      Residentes      De paso      Área non reprodutora
Distribución de M. merganser      Área reprodutora      Residentes      De paso      Área non reprodutora

Distribución de M. merganser      Área reprodutora      Residentes      De paso      Área non reprodutora
Subespecies

3, ver texto

Sinonimia

Merganser americanus Cassin, 1852

Parella de Mergus merganser en Vaxholm, Suecia

O mergo grande[2] ou mergo trullo[3] (Mergus merganser) é un pato grande que vive en ríos e lagos de áreas forestais de Europa, norte e centro de Asia e América do Norte. En Galicia é unha ave accidental que en raras ocasións se ve como invernante.[3] Come peixes e fai o niño en ocos das árbores.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A primeira descrición formal desta especie fíxoa o naturalista sueco Carl von Linné en 1758 na 10ª edición da súa obra Systema Naturae dándolle o nome que actualmente ten, Mergus merganser.[4] O nome do xénero é unha palabra latina usada por Plinio o Vello e outros autores da antiga Roma para referirse a unha ave acuática non especificada, e merganser deriva de mergus e anser, en latín 'ganso'.[5]

Distínguense tres subespecies, que se diferencian en pequenos detalles:[6][7]

  • M. m. merganserLinnaeus, 1758: atópase no norte de Europa e norte de Asia.
  • M. m. orientalisGould, 1845 (syn. M. m. comatusSalvadori, 1895): encóntrase nas montañas de Asia central e é lixeiramente máis grande que M. m. merganser, cun peteiro máis delgado.
  • M. m. americanusCassin, 1852: vive en América do Norte e ten un peteiro de base máis ancha que o de M. m. merganser e unha barra negra que cruza a parte branca do interior da á (visible en voo) nos machos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Mide de 58 a 72 cm de longo cunha envergadura alar de 78 a 97 cm e un peso de 0,9 a 2,1 kg; a media dos machos é lixeiramente superior á das femias. Como outras especies do xénero Mergus, ten unha crista na cabeza de plumas máis longas, pero estas normalmente non están ergueitas senón pegadas á cabeza. Os machos adultos en plumaxe reprodutora distínguense doadamente, o corpo é branco cun ton variable salmón-rosa, a cabeza é negra cun brillo verde iridescente, a mitra e a cola son grises e as ás principalmente brancas na metade interior, negro na metade exterior. As femias e os machos en "eclipse" (en plumaxe non reprodutor, de xullo a outubro) son principalmente grises, cunha cabeza marrón avermellada, queixo branco e plumas secundarias brancas nas ás. Os xoves de ambos os sexos son similares a femias adultas, pero tamén teñen unha liña branca de beiras negra curta entre o ollo e o peteiro. O peteiro e patas son vermellas ou vermellas amarronadas, máis vivas nos machos adultos, e as máis apagadas son as dos xoves.[6][7][8]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]
O peteiro da femia mostrando as súas beiras de serra
Unha parella e unha femia soa en Jona (río) en Suíza

Como outros mergos, estes patos comedores de peixes teñen peteiros coas beiras de serra que facilitan o agarre das súas presas. Ademais de peixes, comen unha gran variedade doutras presas acuáticas, como moluscos, crustáceos, vermes, larvas de insectos e anfibios; máis raramente, comen pequenos mamíferos e aves.[6][7] Como noutras aves con esta característica, o ton salmon-rosa mostrado variablemente nos machos está probablemente relacionado coa dieta, e obtéñeno dos pigmentos carotenoides presentes nalgúns crustáceos e peixes que comen.[9] Cando non se mergullan para buscar comida, nadan na superficie da auga, ou descansan sobre rochas dentro do río ou están agochados entre a vexetación de ribeira, ou (en inverno) no bordo de xeos flotantes.[6][7]

Na maioría dos lugares, o mergo grande frecuenta tanto augas salgadas coma doces. En ríos de certo tamaño flotan na corrente durante algúns quilómetros e despois voan en dirección contraria ou máis comunmente regresan pescando, mergullándose incesantemente durante todo o camiño. En ríos máis pequenos, están presentes en pares ou grupos maiores, e flotan río abaixo, xirando facendo moitos círculos nos rápidos ou pescando vigorosamente nunha poza profunda ao pé de cadoiros ou rápidos. Cando flotan tranquilamente, sitúanse na auga de forma similar a outros patos, pero tamén se mergullan profundamente na auga como os corvos mariños, especialmente cando nadan augas arriba. A miúdo sentan nunha rocha que sobresae no medio da corrente, igual que os corvos mariños, a miúdo medio abrindo as súas ás para que lles dea o sol. Para engalar desde a auga, aletean ao longo da superficie durante bastantes metros. Unha vez que están no aire, o voo é forte e rápido.[10] A miúdo pescan en grupo formando un semicírculo e dirixindo os peixes a augas pouco profundas, onde son capturados facilmente. A súa vocalización ordinaria é un grallar baixo áspero, pero durante a estación reprodutora, todos eles (incluíndo os xoves) fan un asubío queixumento suave. Xeralmente, son cautelosos e un ou máis exemplares fan de sentinelas para alertar a bandada se se aproxima algún perigo. Cando é perturbado, a miúdo vomita comida antes de moverse.[11] Aínda que se moven torpemente en terra, bótanse a correr cando se ven presionados, poñéndose moi dereitos igual que se fosen pingüíns, e caendo e tropezando frecuentemente.[12]

M. m. americanus, femia e xoves

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovo da especie na colección do Museo de Wiesbaden

Fan o niño normalmente nun oco nunha árbore, polo que precisa un bosque maduro como hábitat reprodutor; tamén usan sen problemas grandes caixas de nidación se se lles proporcionan, que deben ter un burato de entrada de 15 cm de diámetro.[13] En lugares sen árbores (como as montañas do centro de Asia), usan buratos en cantís e de ribeiras altas e costentas, ás veces a considerable distancia da auga.[11] A femia pon de 6 a 17 (xeralmente de 8 a 12) ovos brancos ou amarelados, e crían unha rolada de polos por estación. A nai recolle os parruliños co seu peteiro ata levados a ríos ou lagos inmediatamente despois de faceren eclosión, onde se alimentan de invertebrados de auga doce e pequenas crías de peixe, e empluman aos 60–70 días de vida. Os xoves son sexualmente maduros á idade de dous anos.[6][7][8] Os mergos grandes forman garderías nas que se teñen observado 70 crías coidadas por unha soa femia.[14]

Movementos

[editar | editar a fonte]

A especie é parcialmente migradora, xa que as aves se van das áreas onde os ríos e lagos grandes se conxelan en inverno, pero son sedentarias se viven en áreas onde as augas permanecen abertas. As aves do leste de Norteamérica parten cara ao sur en pequenos grupos aos Estados Unidos sempre que as condicións sexan de conxelación nos ríos e lagos de máis ao norte. Na costa de clima suave do Pacífico, son residentes permanentes. Os exemplares de Escandinavia e Rusia tamén migran ao sur, pero os do oeste de Europa, e uns poucos que viven no Xapón, son principalmente sedentarios.[6][7] Nalgunhas poboacións, os machos tamén mostran unha migración para a muda, abandonando as áreas de reprodución en canto fan eclosión as crías para pasaren o verán (de xuño a setembro) noutro lugar. A maioría dos machos das poboacións do oese de Europa migran ao norte a estuarios en Finnmark no morte de Noruega (principalmente a Tanafjord) para mudaren alí, deixando as femias ao coidado das crías. Cantidades moito menores de machos utilizan tamén estuarios do leste de Escocia como área de muda.[8][15][16]

Status e conservación

[editar | editar a fonte]
Cadro de Robert Wilkinson Padley - A Goosander (Un mergo grande), 1817

En conxunto, a especie non está ameazada, aínda que a persecución ilegal por intereses dos pescadores é un problema nalgunhas áreas.[17]

No oeste de Europa, producise un marcado espallamento desde Escandinavia da súa área de reprodución desde aproximadamente 1850, colonizando Escocia en 1871, Inglaterra en 1941, e houbo tamén un forte incremento da poboación nos Alpes.[8] Son moi escasos en Irlanda, onde a reprodución regular só ocorre no condado de Wicklow.[18] A Galicia poden chegar accidentalmente algunhas destas aves para invernar.[3]

É unha das especies ás que se aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-eurasiático.

  1. "Mergus merganser". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Linnaeus, C. (1758). Systema Naturæ per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis, Volume 1 (en Latin) v.1 (10th ed.). Holmiae:Laurentii Salvii. p. 129. 
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 250–251. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J., eds. (1992). Handbook of the Birds of the World. Volume 1. Barcelona: Lynx Edicions. p. 626. ISBN 978-84-87334-10-8. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Madge, S.; Burn, H. (1987). Wildfowl: An Identification Guide to the Ducks, Geese and Swans of the World. A & C Black. ISBN 978-0-7470-2201-5. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Snow, D.W.; Perrins, C.M. (1998). The Birds of the Western Palearctic (Concise ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-854099-1. 
  9. Hudon, J.; Brush, A.H. (1990). "Carotenoids produce flush in the Elegant Tern plumage" (PDF). The Condor 92 (3): 798–801. JSTOR 1368708. doi:10.2307/1368708. 
  10. Hume, A.O.; Marshall, C.H.T. (1880). The Game birds of India, Burmah and Ceylon 3. Self published. 
  11. 11,0 11,1 Baker, E.C.S. (1928). Fauna of British India. Birds. Volume 5 (2nd ed.). London: Taylor and Francis. pp. 470–473. 
  12. Baker, E.C. Stuart (1922). The game birds of India, Burma and Ceylon. Vol. 1. London, Bombay Natural History Society. pp. 317–327. 
  13. du Feu, C. (2005). Nestboxes (PDF). British Trust for Ornithology Field Guide. Thetford: The British Trust for Ornithology. 
  14. Mervosh, Sarah (2018-07-24). "1 Hen, 76 Ducklings: What's the Deal With This Picture?". The New York Times. 
  15. Little, B.; Furness, R.W. (1985). "Long distance moult migration by British Goosanders Mergus merganser". Ringing & Migration 6 (2): 77–82. doi:10.1080/03078698.1985.9673860. 
  16. Hatton, P.L.; Marquiss, M. (2004). "The origins of moulting Goosanders on the Eden Estuary". Ringing & Migration 22 (2): 70–74. doi:10.1080/03078698.2004.9674315. 
  17. "Crimes against birds". Partnership for Action Against Wildlife Crime in Scotland. 2009-12-07. 
  18. Report of the Irish Rare Breeding Birds Panel 2013 Irish Birds Vol. 10 p.65

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]