Marcelino Fernández Villanueva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marcelino Fernández Villanueva
AlcumeGafas
Nacemento10 de marzo de 1914
 Olloniego
Falecemento3 de xuño de 1999
 Arxentina
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Marcelino Fernández Villanueva, coñecido como Gafas, nado en Olloniego (Oviedo) o 10 de marzo de 1914 e finado na Arxentina o 3 de xuño de 1999, foi un militar republicano e guerrilleiro antifranquista asturiano que actuou en Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De profesión mineiro, era militante do PSOE e da UGT. En 1934 pasou tres meses en prisión por unha liorta cun falanxista; tras saír da cadea participou na folga xeral revolucionaria de 1934, nun asalto a un cuartel de Garda Civil. Logo da fin do movemento revolucionario quedou preso, perdendo a visión dun ollo durante as torturas que sufriu. Saíu da prisión en xullo de 1936 tras unha amnistía, durante a Guerra Civil foi capitán na milicia socialista e comisario do exército republicano, loitando en Bilbao e Asturias e ascendendo a comandante.

Logo do remate da guerra estivo entobado en Asturias ata que a Garda Civil descubriu o seu acubillo na súa localidade natal, conseguindo escapar da celada; en represión a Garda Civil matou quince dos seus veciños e familiares. En 1939 intentou fuxir a Portugal por Galicia pero diante a imposibilidade de chegar a Porto volveron a Asturias. En xullo de 1940 tentou de novo a escapada por Portugal xunto a un numeroso grupo de compañeiros asturianos pero foron interceptados pola Garda Republicana, optaron por refuxiarse en Casaio, organizando un grupo guerrilleiro na Serra do Eixe e no Bierzo xunto aos guerrilleiros bercianos e galegos participou na fundación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, formando parte da súa dirección e xefe do Estado Maior en 1944.

A finais de 1946 con Manuel Girón Bazán, Marcelino de la Parra e Enrique Oviedo Blanco trasladáronse a Lugo para intentar dialogar cos dirixentes comunistas e solucionar os problemas das alianzas. Coñeceu a Manuel Castro Tellado, responsable da III Agrupación Guerrilleira e a outros compañeiros. Logo de contactar cos comunistas da IV Agrupación programaron unha reunión en Meira. O día da reunión, 13 de xaneiro de 1947, Gafas e Castro Tellado foron sorprendidos pola garda civil, Castro Tellado morreu no enfrontamento e Gafas logrou fuxir logo de ferir a dous axentes. Non puido establecer contacto cos comunistas en Lugo.

En 1947 actuou en Mondoñedo e Lourenzá ata que enfermou dos ollos e foi atendido por un oftalmólogo enviado pola guerrilla asturiana. En marzo de 1948 convocouse un pleno da guerrilla para resolver as diferenzas entre comunistas e non comunistas. A liña de Gafas gañou por ampla maioría. O 25 de xuño de 1948 foron asasinados Luís Trigo Chao e a súa compañeira Antonia Díaz Pérez en Vilanova de Lourenzá, Marcelino, agochado nunha casa próxima, logrou escapar.

Marchou para Asturias co obxectivo de chegar a Francia, embarcando en outubro de 1948 xunto a un numeroso grupo de asturianos en Luanco e estableceuse definitivamente na Arxentina.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Xerais, 1988
  • Secundino Serrano, Maquis. Historia de la guerrilla antifranquista, Temas de Hoy, 2002

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]