Saltar ao contido

Mercury-Atlas 6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «MA-6»)
Mercury MA-6
Insignia da misión MA-6
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera.[1]
Data de lanzamento20 de febreiro de 1962, 14:47 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAtlas LV-3B[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 14[2]
Duración da misión4 horas, 55 minutos e 23 segundos[2][6]
Obxectivo da misiónExperimentos e prácticas de manobras con nave tripulada, primeira misión orbital tripulada dos Estados Unidos.[2]
Decaemento20 de febreiro de 1962[1]
NSSDC ID1962-003A
Masa1352,0 kg[2][6]

Mercury-Atlas 6 ou MA-6, e tamén coñecida como Friendship 7 polo nome da cápsula, foi a primeira misión orbital tripulada do proxecto Mercury e a primeira en que se puxo en órbita un astronauta estadounidense, John Glenn.[2][6]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Os obxectivos de MA-6 foron avaliar o rendemento do sistema home-nave nunha misión cunha duración de tres órbitas, estudar os efectos do voo espacial no astronauta e obter as impresións do astronauta sobre o funcionamento da nave e dos sistemas de soporte vital.[2][6]

O lanzamento da misión estaba planeado para finais de xaneiro, pero foi posposto dúas veces: a primeira pola meteoroloxía adversa, e a segunda por unha fuga de propelente no foguete Atlas LV-3B. O día do lanzamento a conta atrás detívose catro veces por distintos problemas que finalmente se resolveron. Xa en órbita, un dos propulsores de control quedou atascado, co que Glenn desactivou o sistema de control automático para pasar a pilotar manualmente a cápsula. Máis tarde un sinal do sistema do escudo térmico indicou que as grampas que sostiñan o escudo térmico contra a nave se soltaran, co que só seguiría unido á nave grazas ó equipo de retrofoguetes que sería usado máis tarde para deorbitar a nave e que se atopaba no extremo do escudo, unido por cintas á estrutura da nave. O control de terra decidiu que manterían unido os retrofoguetes á nave despois de finalizar o retroacendido co fin de que se o sinal era real o escudo permanecese o maior tempo posible unido á nave. Logo, en terra, determinouse que o sinal se disparara por culpa dun interruptor defectuoso e que o escudo nunca estivera en perigo.

Unha das anécdotas do voo foi cando Glenn informou de estar vendo "vagalumes" ó entrar na parte iluminada polo Sol dunha das órbitas. O fenómeno permaneceu inexplicado ata o seguinte voo dunha Mercury, cando Scott Carpenter experimentou o mesmo fenómeno, descubrindo que se trataba de xeo proveniente do sistema de control a reacción da nave.[2][6]

Antes do voo os expertos expresaron a súa preocupación polos efectos da falta de gravidade e da radiación no espazo sobre o corpo humano. Durante o voo Glenn informou de que se sentía ben en todo momento, e máis tarde comprobouse que recibira menos da metade da radiación predita.[2][6]

A cápsula reentrou tras tres órbitas e caeu no océano Atlántico, a 1300 km ó sueste das Bermudas. Glenn e a cápsula foron recollidos 21 minutos despois da amaraxe por un helicóptero do destrutor USS Noa.[2][6]

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MERCURY ATLAS 6" (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 NASA (14 de maio de 2012). "Mercury Atlas 6" (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2013. 
  3. "Letter dated 3 April 1962 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Acting Secretary-General" (PDF) (62-07315). 4 de abril de 1962: 3. Consultado o 2 de abril de 2020. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Mercury 6 (MA-6 / Mercury-Atlas 6)" (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2013. 
  5. Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Mercury Flight History" (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Mark Wade (2011). "Mercury MA-6" (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]