Luis Freire García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Luis Freire García, nado na Coruña en 1914 e finado en Vigo en 1997, foi un botánico e micólogo galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seús avós paternos foron Juan Freire, traballador de La Voz de Galicia e Bruna Eiroa, natural de Pravío (Cambre). Tiveron tres fillos: José, Juan e Luis.

Criouse entre os 3 e os 12 anos en Vilalba, coa súa familia pero en casa dos seus avós maternos, volvendo despois á Coruña. Estudou por libre o bacharelato elemental en só dous anos, despois fixo a reválida e o bacharelato superior. Exerceu de practicante. Posteriormente desenvolveu a afección polo estudo dos insectos, arañas e plantas.

Comezou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela aos 57 anos, tras enviuvar,rematando en catro anos (1975) e realizando posteriormente a tese de licenciatura e a tese de doutoramento, no 1981, sobre "Macromicetos da Selva Negra". Impartiu clases de Botánica e codirixiu cinco teses de licenciatura sobre flora e micoloxía de Galicia mentres preparaba a súa de doutoramento, ás que hai que engadir outras oito posteriormente. Publicou máis de 40 artigos, 4 libros e dirixiu dúas teses de doutoramento de temática micolóxica.

Foi membro fundador da Sociedade Galega de Historia Natural, do Grupo Botánico galego, do Grupo Micolóxico galego e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

Ten unha rúa dedicada co seu nome na Coruña, situada na urbanización Breogán. A petición foi feita pola súa familia e avalada sendo alcalde Javier Losada.

Desde 1999 os Museos Científicos Coruñeses, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, organizan o Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares. Este certame ten como obxectivo promover entre os estudantes galegos valores como a creatividade e a imaxinación científicas, a constancia ou o espírito crítico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]