Lugar designado polo censo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nos Estados Unidos de América, un lugar designado polo censo (tradución literal da frase en inglés: census-designated place[1][2][3], polo que é coñecido polo acrónimo nesta lingua CDP) é un lugar, unha concentración de poboación, identificado pola Oficina do Censo dos Estados Unidos cunha finalidade estatística. Os CDP inclúense en cada censo decenal como contrapartida na estatística dos lugares incorporados como cidades, aldeas e vilas rurais. Son comunidades que carecen de goberno local, pero que fisicamente se parecen aos lugares incorporados. Os CDP exprésanse para proporcionar información das concentracións de persoas que están identificadas cun nome pero non están legalmente incorporadas baixo as leis do Estado ao que pertencen. Os límites dos CPD non teñen ningún status legal[1][4].

Inclúense as pequenas comunidades rurais, colonias que se atopan ao longo da fronteira dos Estados Unidos con México e as non constituídas en sociedade (como complexos e comunidades de xubilados). Os límites dun CDP non contan cun valor xurídico[4]; polo tanto, pode que non sempre se correspondan co nome polo que son coñecidas na propia zona ou mesmo pola comunidade. Non obstante, de acordo aos criterios establecidos polo Censo de 2010, exíxese que o nome dos CDP debe "ser un que sexa recoñecido e empregado na comunicación diaria dos residentes da comunidade" (e non "un nome desenvolvido exclusivamente para a planificación ou para outros fins") e recomenda que os límites dun CDP deben ser asignados sobre a base da extensión xeográfica asociada co uso dos residentes da cidade[4].

A Oficina do Censo dos Estados Unidos informa que os lugares designados polo censo non se consideran lugares incorporados, e que inclúe só lugares designados nas listas de cidades para o caso de Hawai, porque este Estado non ten incorporadas ás cidades[5]. Ademais, as listas de cidades do censo desde o ano 2007 inclúen os CDP do Condado de Arlington (en Virxinia) na lista dos lugares incorporados[6].

Historia[editar | editar a fonte]

A Oficina do Censo leva subministrando datos dalgúns lugares non incorporados desde datas tan afastadas no tempo como o Censo de 1850, aínda que o uso continuou desenvolvéndose no Censo de 1890, no que por vez primeira o Censo mesturou lugares non incorporados con lugares incorporados nos seus produtos, empregando termos como "vila" ou "aldea" para etiquetalas[2]. Isto fixo confuso determinar cales das "vilas" eran ou non incorporadas[2].

Desde o Censo de 1900 ata o de 1930 non se notificaron datos dos lugares non incorporados[2].

Para o Censo de 1940, a Oficina do Censo elaborou un informe separado do oficial, introducindo as poboacións non incorporadas de 500 ou máis habitantes[2]. A Oficina do Censo oficialmente definiu esta categoría como "lugares non incorporados" no Censo de 1950, empregándoo ata o Censo de 1970[2]. No Censo de 1950, esta tipoloxía de lugares foi identificada só para os que se atopaban fóra das "áreas urbanizadas"[2]. No Censo de 1960, a Oficina do Censo tamén identificou aos lugares incorporados dentro das áreas urbanizadas (excepto en Nova Inglaterra), pero sempre que contaran cando menos con dez mil habitantes[2]. Para o Censo de 1970, o limiar de poboación para "lugares non incorporados" en áreas urbanizadas reduciuse a cinco mil habitantes[2]. No Censo de 1980, a denominación cambiouse a "lugares designados polo censo" (census designated places)[2] e fíxose extensible para lugares no interior de áreas urbanizadas de Nova Inglaterra[2]. Por fin, no Censo de 1990, o limiar de poboación para CDP en áreas urbanizadas reduciuse á dous mil quiñentos habitantes[2]. Desde 1950 ata 1990, a Oficina do Censo determinou outros requisitos de poboación para os lugares non incorporados ou CDP en Alasca, Porto Rico, nas áreas insulares e nas reservas de nativos americanos. O criterio de poboación mínima para os CDP foron eliminados no Censo de 2000[3][4].

O Programa das Áreas Estatísticas Participantes da Oficina do Censo (Census Bureau's Participant Statistical Areas Program), ou coñecido polo acrónimo en inglés PSAP, permite aos participantes designados a revisar e suxerir modificacións ás lindes dos CDP[7]. O PSAP foi ofrecido ás axencias de planicifación dos condados e municipios durante o ano 2008.

Efectos da designación e exemplos[editar | editar a fonte]

Os lindes deste tipo de lugares deben ser definidos en cooperación coas autoridades locais ou tribais, pero non son fixas e non afectan ao status do goberno local ou da incorporación; os territorios así definidos son estritamente entidades estatísticas. As estremas dun CDP poden cambiar dun censo ao outro para reflectir cambios nos modelos de asentamento[1][2]. Ademais, como entidades estatísticas, os lindes dun CDP poden non corresponder co entendemento que localmente se ten da área co mesmo nome. Poboacións recoñecidas poden ser divididas en dous ou máis CDP; mentres, por outra banda, dúas ou máis poboacións poden ser combinadas dentro dun único CDP. Un CDP pode tamén incluír a parte non incorporada dunha comunidade existente na que o resto é un lugar incorporado.

Ao definir unha área como un CDP, esa localidade aparecería na mesma categoría dos datos do censo que a dos lugares incorporados. Isto distingue aos CDP doutras clasificacións censais, como as divisións civís menores (no acrónimo en inglés escríbese MCD), que están nunha categoría separada[2].

A poboación e a demografía do CDP están incluídas nos datos estatísticos das subdivisións do condado que abranguen ao CDP. En ningún caso un CDP defínese dentro das fronteiras do que para a Oficina do Censo debe ser unha cidade incorporada (incorporated city), unha aldea (village) ou un barrio (borough)[2]. Non obstante, a Oficina do Censo considera como MCD ás vilas dos estados de Nova Inglaterra e Nova York, así como aos municipios dalgúns outros Estados, a pesar de que sexan municipalidades incorporadas neses Estados. Por tanto, os CDP poden atoparse dentro das vilas de Nova Inglaterra ou dentro das lindes entre varias vilas[2].

Propósitos das designacións[editar | editar a fonte]

Hai unha serie de razóns para a designación dun CDP:

  • A área pode ser máis urbana ca dos seus arredores, cunha concentración da poboación nun núcleo residencial definido, como é o caso de Whitmore Lake, Míchigan, ou Hershey, Pensilvania.
  • Un lugar que está incorporado pódese desincorporar ou ser anexionado por unha poboación veciña, pero o antigo lugar ou mesmo unha parte del aínda pode ser relacionado polo Censo como un CDP, sempre que cumpra cos criterios para selo. Un exemplo é o antigo pobo de Covedale (antiga vila de Ohio), que foi anexionado parcialmente á cidade de Cincinnati, ficando un novo CDP para unha parte do antigo territorio baixo o nome de Covedale. Outro é a desincorporación que en 2008 levou a cabo a poboación de Cedar Grove, no Condado de Bay, Florida.
  • A área pode conter unha institución facilmente recoñecible, que polo xeral ocupa unha grande superficie do territorio, cunha identidade substancialmente distinta da comunidade circundante. Isto podería aplicarse a algúns colexios universitarios e a grandes bases militares (ou a partes dunha base militar) que non estean dentro dos límites dunha comunidade existente, como sucede con Notre Dame, Indiana, Standford, California (que alberga o campus da Universidade Stanford), Fort Campbell North ou Fort Knox, en Kentucky, e Fort Leonard Wood, Missouri[2]. Estas particularidades deron como resultado que fora confuso a miúdo determinar qué poboacións eran ou non eran as incorporadas.
  • Noutros casos, as fronteiras dun lugar incorporado poden dividir en dous a unha comunidade recoñecida. Un exemplo disto é o caso de Bostonia, California, que se estende aos límites da cidade de El Cajón, no mesmo Estado. O USGS sitúa o núcleo de Bostonia dentro de El Cajón. O CDP de Bostonia cobre a área metropolitana de El Cajón e áreas non incorporadas do condado de San Diego, que xeralmente está ao norte desa parte de Bostonia en El Cajón.
  • A Oficina do Censo trata a todos os municipios como lugares non incorporados, incluso naqueles Estados onde os municipios incorpóranse baixo a lei estatal. Isto é así incluso nos Estados (como Indiana, Míchigan, Minnesota, Nova Jersey e Dakota do Sur) onde a Oficina do Censo recoñece que "todos os municipios funcionan activamente como unidades gobernamentais"[8].
  • Nalgúns Estados, un CDP pódese definir dentro dun municipio incorporado que (para os propósitos do Censo) é considerado como unha división civil menor ou MCD. Por exemplo, as vilas de Massachusetts e Connecticut son municipalidades incorporadas, pero tamén inclúen tanto as zonas rurais como as urbanas. O CDP pode ser definida para describir as áreas urbanizadas dentro destes municipios, como no caso de North Amherst, Massachusetts.
  • Hawai é o único Estado que non ten lugares incorporados recoñecidos pola Oficina do Censo dos Estados Unidos por debaixo do nivel do condado. Todos os datos dos lugares listados en Hawai polo Censo son CDP[2].
  • Algúns CDP representan unha suma de varias comunidades próximas. Por exemplo, é o caso de Shorewood-Tower Hills-Harbert, Míchigan, ou o de Egypt Lake-Leto, Florida. Porén, a Oficina do Censo suspendeu este método para o Censo de 2010[4][9].
  • Nuns poucos casos, o CDP pódese definir tamén pola área urbanizada que rodea un municipio incorporado, pero que está fóra dos límites municipais; por exemplo, os proxectos de desenvolvemento comunitario dos antigos Great Galesburg, Míchigan, e Great Upper Marlboro, Maryland. Está práctica interrompeuse en 2010.
  • Nalgúns Estados, a Oficina do Censo podería designar a toda unha división administrativa secundaria (MCD) como un CDP (por exemplo, os casos do Municipio de West Bloomfield, Míchigan o de Reading, Massachusetts). Estas designacións empréganse nos Estados onde os MCD contan co apoio dunha autoridade gobernamental forte e prestan servizos equivalentes aos dun municipio incorporado (Nova Inglaterra, os Estados do Atlántico Medio, Míchigan e Wisconsin). Os MCD aparecen nos datos do Censo nunha categoría diferente á dos lugares (isto é, dos lugares incorporados e os CDP); non obstante, seméllanse moito estes MCD aos lugares incorporados, e polo tanto os CDP lindeiros cos MCD defínense dun xeito que aparecen nas dúas categorías dos datos do Censo. Está práctica interrompeuse no Censo do 2010[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Geographic Terms and Concepts - Place" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10-12-2014. Consultado o 11-12-2014. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Chapter 9 - Places" (PDF). Geographic Areas Reference Manual (GARM) (en inglés). Consultado o 6-1-2016. 
  3. 3,0 3,1 Oficina do Censo dos Estados Unidos, ed. (6-4-2007). "Census Designated Place (CDP) Program for the 2010 Census — Proposed Criteria" (PDF). Federal Register (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03-05-2009. Consultado o 06-01-2016. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "United States Census Area Description" (en inglés). 2010. Arquivado dende o orixinal o 05-05-2013. Consultado o 05-01-2016. 
  5. Oficina do Censo dos Estados Unidos, División de Poboación, ed. (10-7-2008). "Cities with 100,000 or More Population in 2000 ranked by Population per Square Mile, 2000 in Alphabetic Order" (en inglés). Consultado o 5-1-2015. 
  6. Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Annual Estimates of the Population for Incorporated Places in Virginia" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26-02-2009. Consultado o 11-9-2008. 
  7. Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Participant Statistical Areas Program (PSAP)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19-10-2012. Consultado o 9-3-2008. 
  8. Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Chapter 8 - County Subdivisions" (PDF). Geographic Areas Reference Manual (GARM) (en inglés). Consultado o 6-1-2016. 
  9. "Census Designated Place (CDP) Program for the 2010 Census - Final Criteria". Rexistro Federal (en inglés). 13-2-2008. Arquivado dende o orixinal o 20-10-2012. Consultado o 6-1-2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outras ligazóns[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]