Lu Xinhua
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1954 Rugao, Jiangsu |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | China |
Educación | Universidade de Fudan |
Actividade | |
Ocupación | Escritor, empresario |
Período de actividade | Actualidade |
Movemento | Literatura das Cicatrices |
Obra | |
Obras destacables Cicatrices (1978) |
Lu Xinhua (chinés simplificado: 卢新华; pinyin: Lú Xīnhuá), nado en Rugao (provincia de Jiangsu) no ano 1954, é un escritor e empresario chinés, pioneiro da chamada Literatura das Cicatrices.[1][2][3][4] O seu relato "Cicatrices" foi publicado en galego por Edicións Xerais, na escolma Flores e leña (1982).[4][5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Tras rematar os seus estudos de secundaria, traballou no rural como agricultor.[1] En 1972, foi recrutado polo Exército Popular de Liberación, onde serviu como soldado.[1][2] Graduouse en Lingua Chinesa pola Universidade de Fudan (Shanghai) no ano 1982.[1] Nesta época, escribiu o seu relato "Cicatrices" (Shanghen 伤痕, 1978), co que atinxiría moita sona.[3] Con esta obra, fundou o movemento da Literatura das Cicatrices, que destaca por reflexionar sobre o sufrimento e as consecuencias da Revolución Cultural.[3] Outro conto deste xénero é "O titor" (Banzhuren 班主任, 1977), de Liu Xinwu.[3]
Lu continuou a escribir, pero sen demasiado éxito.[2] Máis tarde, emigrou aos Estados Unidos, onde estudou un mestrado en Finanzas.[1][2] Alí, dedicouse a traballar no mundo empresarial e abandonou a escrita, até que no ano 1998 decidiu publicar Xijie (细节, "Detalles"), onde conta a vida dun estudante chinés no estranxeiro.[2] Segundo o autor, "aínda que estiven moito tempo alonxado do mundo literario (...) o meu corazón xamais esqueceu a literatura".[1] A obra captou a curiosidade dos seus compatriotas, interesados polo escritor tras o longo silencio editorial.[2]
O seu último traballo, Zijin nü 紫禁女 ("A rapaza prohibida", 2004), narra a historia dunha muller con discapacidade e a súa relación con tres homes.[1]
Cicatrices (1978)
[editar | editar a fonte]Rematei de escribilo con lágrimas nos ollos, co sentimento de que o meu traballo tería éxito. Creo firmemente nas palabras de Romain Rolland: "Só o que vén do corazón pode entrar no corazón"Lu Xinhua
Lu Xinhua enviou "Cicatrices" á revista Renmin wenxue (人民文学, "Literatura popular"), a máis importante do país, que rexeitou a obra por ser demasiado negativa.[1][4] O autor tomou a decisión de imprimila en forma de pasquíns, que colgou nos edificios do campus da súa universidade. Ante o éxito que tivo cos estudantes, o xornal Wenhui (文汇报) ofreceuse a publicala o 12 de agosto de 1978, recibindo multitude de cartas de felicitación.[2][4] As propias institucións víronse na obriga de comentar oficialmente a historia, indicando o axeitado de denunciar os crimes da Banda dos Catro, mais rexeitando calquera ataque ou crítica contra o Partido.[4]
"Cicatrices" está protagonizado por unha garda vermella chamada Wang Xiaohua.[2][4] A muller decide distanciarse da súa nai cando esta é acusada de traidora polas autoridades.[2][4] Ao regresar ao fogar nove anos despois, atopa o cadáver da nai cunha cicatriz na fronte e unha carta para ela.[2][4] "Cicatrices" cativou ao público chinés pola viveza dos sentimentos que trata, e por ser un dos primeiros textos en comentar as traxedias familiares causadas pola Revolución Cultural.[2]
Obras
[editar | editar a fonte]- Cicatrices (Shanghen 伤痕, 1978).
- Xijie 细节 ("Detalles", 1998).
- Zijin nü 紫禁女 ("A rapaza prohibida", 2004).
Traducións
[editar | editar a fonte]- Varios autores (1982). Flores e leña: Narracións chinesas contemporáneas. Tradución directa ao galego de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Xerais. ISBN 9788475070667
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "卢新华". 百度百科. Consultado o 2023-12-05.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "Lu Xinhua". Academic Dictionaries and Encyclopedias (en inglés). Consultado o 2023-12-05.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Introduction to Chinese Literature - Asia for Educators - Columbia University". afe.easia.columbia.edu. Consultado o 2023-12-05.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Pérez-Barreiro Nolla, Fernando (1982). Flores e leña: Narracións chinesas contemporáneas. Edicións Xerais.
- ↑ "Fernando Pérez-Barreiro Nolla - Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2023-12-05.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 卢新华 (La literatura china traducida en España)