Renmin wenxue

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mao Dun, primeiro editor da revista
Mao Dun, primeiro editor da revista

Renmin wenxue (chinés simplificado: 人民文学; pinyin: Rénmín wénxué) é a revista mensual da Asociación de Escritores da China, especializada na publicación de novelas, poesía, ensaios e reportaxes.[1] É unha das publicacións máis representativas da literatura chinesa contemporánea, e a revista literaria chinesa máis antiga aínda en circulación.[1] O seu nome foi decidido por Guo Moruo (1892-1978), e o seu primeiro editor foi o célebre escritor Mao Dun (1896-1981).[2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Renmin wenxue foi a primeira revista literaria da República Popular da China. Comezou a editarse o 25 de outubro do ano 1949, co apoio do goberno comunista. No seu primeiro número, publicouse un retrato de Mao Zedong. O pé de páxina, escrito na caligrafía do propio Mao, rezaba o seguinte: "Pola creación de aínda máis obras boas".[1][3][4]

Durante esta primeira etapa, a revista publicou editoriais, poemas propagandísticos e álbums especiais. Por exemplo, no primeiro número publicouse o álbum Lu Xun xiansheng shishi shisan zhounian jinian 鲁迅先生逝世十三周年纪念 ("Conmemoración polo décimo terceiro cabodano de Lu Xun"), e no terceiro a colección Qinghe Sidalin qishi shouchen shiji 庆贺斯大林七十寿辰诗辑 ("Escolma poética para celebrar o setenta aniversario de Stalin"). As imaxes e debuxos políticos eran outra compoñente indivisible.[5] Co tempo, foi publicando tamén moitos comentarios e críticas. Algúns deles eran réplicas ao Renmin ribao 人民日报 ("O xornal do pobo") e outros xornais.

As novelas tamén formaban unha parte importante da revista. Moitas das obras publicadas trataban temas como a vida no exército, a realidade dos campesiños ou a loita de clases no mundo rural, como Huoguang zaiqian 火光在前 ("Co lume diante"), de Liu Baiyu.[5] Tamén se republicaron edicións actualizadas e adaptadas de obras clásicas, como Hongloumeng 紅樓夢 ("O soño do pavillón vermello") ou Sanguo yanyi 三國演義 ("O romance dos Tres Reinos").[1]

No ano 1952, as artes e a literatura do país sufriron un gran cambio a causa da política maoísta da Rectificación dos Estilos (Zhengfeng yundong, 整风运动). Renmin wenxue tivo que someterse a unha "fonda inspección", xa que non participara na condena nacional á novela Women fufu zhijian 我们夫妇之间 ("Entre o noso matrimonio"). Tamén se viu afectado o seu editor adxunto, o poeta Ai Qing, que foi enviado a un campo de reeducación.[6] A partir do 1956, a revista sumouse ao movemento da literatura realista, publicando novelas como Zai qiaoliang de gongdi shang 在桥梁的工地上, "A construción da ponte", de Liu Binyan. Escritores como Li Guowen ou Zong Pu ingresaron ao mundo literario a través desta revista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "人民文学". 百度百科. Consultado o 2023-12-05. 
  2. Fleit Hang, Krista (2013). Literature the People Love: Reading Chinese Texts from the Early Maoist Period (1949-1966) (en inglés). Palgrave MacMillan. 
  3. 3,0 3,1 "关于我们 - 欢迎访问人民文学杂志社". www.rmwenxue.cn. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2023. Consultado o 2023-12-06. 
  4. "Inscription for the Inaugural Issue of Renmin Wenxue (People's Literature)". www.marxists.org. Consultado o 2023-12-05. 
  5. 5,0 5,1 Fleit Hang, Krista (2009). "People's literature and the construction of a new Chinese literary tradition". Journal of Modern Literature in Chinese 9 (2): 87–107. 
  6. "FileRoom.org - Ai Qing, Chinese poet". web.archive.org. 2004-05-30. Archived from the original on 30 de maio de 2004. Consultado o 2023-12-06. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]