Lluís Maria Xirinacs

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lluís Maria Xirinacs
Xirinacs gr.jpg
Nacemento6 de agosto de 1932
 Barcelona
Falecemento11 de agosto de 2007
 Ogassa
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónfilósofo, político e sacerdote católico
PremiosCanigó Award
editar datos en Wikidata ]

Lluís Maria Xirinacs i Damians, nado en Barcelona o 6 de agosto de 1932, e finado en Ogassa, Xirona o 11 de agosto de 2007, foi un político, escritor, filósofo e relixioso catalán, senador durante a transición española, de ideoloxía independentista catalá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lluís Maria Xirinacs.

Nado no barrio do Eixample de Barcelona o 6 de agosto de 1932, no seo dunha familia acomodada e católica. Fillo de Enric Xirinacs Espinàs e de Maria Carme Damians Batlle, tivo por irmáns maiores a M. Lourdes (1929-1975) e a Maria Montserrat (1930); e menores a Anna Maria (1934) e Carles Vicens (1936).[1]

Mentres estudaba no seminario, quedou sorprendido pola afirmación do pensador Alfred Korzybski, o cal dixo: «O exceso de información mal dixerida lévanos a prognosticar unha especie de mundial esquizofrenia colectiva».[2] Iso influenciou decisivamente en Xirinacs, que iniciou entón a creación do seu modelo de coñecemento da realidade.

Foi ordenado sacerdote aos vinte e dous anos. Combateu a vinculación Igrexa-Estado cunha longa folga de fame.

Nas décadas dos 60 e 70 fixo cinco folgas de fame máis, foi un dos impulsores da Asemblea de Cataluña. O réxime franquista encarcerouno dúas veces (1972 e 1974-1975).

Seguidor das teses de Gandhi e da loita dende a non violencia, estivo de pé ante a porta da prisión Modelo de Barcelona, doce horas cada día durante un ano e nove meses, ata que se aprobou en España a Lei de Amnistía de 1977. Debido á utilización de formas pacíficas de oposición, Xirinacs alcanzou notable popularidade e foi nomeado candidato para o Premio Nobel da Paz en 1975, 1976 e 1977, sen chegar a conseguilo.

No verán de 1976, impulsou a «Marxa de la Llibertat» («Marcha da Liberdade»), un conxunto de manifestacións e actos de protesta e sensibilización, que percorreron toda Cataluña baixo as premisas de liberdade e amnistía.

Nas eleccións de 1977 presentouse como independente ao Senado por Barcelona conseguindo a acta de senador. Durante un tempo, formou parte do grupo parlamentario Entesa dels Catalans.

Na elaboración da Constitución de 1978 propuxo infructuosamente un modelo de constitución alternativa, editado no seu libro «Constitución, paquete de enmiendas», no que defendía un modelo confederal. Nas eleccións xerais do 1979 presentouse ao Congreso dos Deputados pola coalición Bloc d'Esquerra d'Alliberament Nacional (BEAN), reivindicando o programa da entón xa extinta Asemblea de Cataluña, sen alcanzar representación parlamentaria, pero sendo a primeira forza extraparlamentaria de Cataluña.

En 1980, presentouse polo BEAN ás primeiras eleccións ao Parlamento de Cataluña despois do franquismo, aínda que tamén sen obter representación. Abandonou entón a política activa, e en 1984 foi convencido por Agustí Chalaux para crear, xunto con outras persoas, o Centro de Estudos Joan Bardina co obxectivo de elaborar un novo modelo político, económico e social. En 1990 Xirinacs abandonou o sacerdocio.

En 2000 volveu protestar de maneira activa, plantándose cada día na praza de San Jaume para pedir a independencia dos Países Cataláns. O 11 de setembro de 2002, no marco dun acto reivindicativo celebrado no Fossar de les Moreres (Barcelona), pronunciou un polémico discurso no cal comparaba a situación do País Vasco e Cataluña coa da Alxeria prerrevolucionaria dos anos 60.[3]

Tras estes feitos, foi condenado pola Audiencia Nacional a dous anos de prisión e catro de inhabilitación por enaltecemento do terrorismo.[4] O 25 de outubro de 2005 foi detido ao acudir a unha comisaría barcelonesa para renovar o seu DNI,[5] sendo liberado ao día seguinte ao seu encarceramento.[6] En definitiva, o exsenador nunca cumpriría a condena que se lle impuxo por estas declaracións.

Homenaxe a Lluís Maria Xirinacs, en Fossar de les Moreres (Barcelona), o 11 de setembro de 2007.

En 2004, a Universidade Catalá de Verán entregoulle o premio Canigó. Xirinacs sempre mantivo o seu compromiso político co nacionalismo catalán, traballando dende a Fundació Randa, xurdida da fusión entre a Fundació Terceira Via (impulsada por el mesmo) e a Escola de Estudos Políticos Randa.

Morte[editar | editar a fonte]

O seu corpo foi atopado o 11 de agosto de 2007 nunha zona boscosa nos arredores da localidade de Ogassa, na comarca do Ripollès. Aínda que nun principio a súa morte foi atribuída a un suicidio, Xirinacs morreu de forma natural, segundo confirmou a autopsia feita pública o 14 de xaneiro de 2008. Os resultados do informe avalan o que membros da Fundació Randa,[7] que recolle o pensamento de Xirinacs, xa dixeron cando atoparon o seu corpo sen vida. Xirinacs afirmou vivir durante 75 anos nuns Países Cataláns escravos ocupados por Francia, España e Italia, e acusaba á clase política catalá de covardía, por non exporse á independencia senón como un obxectivo a moi longo prazo.[8]

Máis de 2.000 persoas acudiron ao seu funeral.[9]

Notas[editar | editar a fonte]