Lista de episodios de Death Note

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Death Note é unha serie anime de 37 episodios baseada no manga homónimo escrito por Tsugumi Ōba e ilustrado por Takeshi Obata. Death Note emitiuse no Xapón a través da canle Nippon Television (NTV) dende o 3 de outubro de 2006 ata o 26 de xuño de 2007.[1][2] O argumento da serie xira arredor de Light Yagami, un estudante que decide purgar o mundo da maldade coa axuda dun caderno sobrenatural chamado Death Note. O caderno causa a morte de calquera persoa cuxo nome quede escrito nel, e foille dado a Light polo shinigami Ryuk.

Lista de episodios[editar | editar a fonte]

N.º
(serie)
Título orixinal
Título en galego
Data da estrea
1 "Shinsei 新生"
«Renacemento»
3 de outubro de 2006

No patio do seu instituto, Light Yagami descobre un caderno que supostamente pode matar a calquera persoa cuxo nome e cara sexan coñecidos polo seu posuidor. Nun principio, interpreta o chamado "Death Note" como un engano, pero despois de poñer a proba os seus poderes, decátase que esas afirmacións son de feito reais. O dono orixinal, un shinigami chamado Ryuk, contacta con Light e explícalle que agora o caderno perténcelle a el. Dende que Light é o novo dono, é o único que pode ver e interactuar con Ryuk. O shinigami tamén lle di a Light que cando lle chegue a hora, será o propio Ryuk quen escriba o seu nome nun caderno. Light decide usar o poder do Death Note para eliminar a maldade e converterse no deus dun novo e pacífico mundo. 

2 "Taiketsu 対決"
«Duelo»
10 de outubro de 2006

A medida que os criminais comezan a morrer de ataques ó corazón de xeito inexplicable, a Interpol reúnese para debater o fenómeno. Incapaces de dar unha explicación, acoden ó máis célebre detective do mundo, L, cuxa verdadeira identidade é un segredo. L fala ós representantes da Interpol a través dunha computadora e cunha voz electrónica, contándolles que están a tratar cun asasino en serie de masas e que moi axiña enfrontaranse con Kira (o nome que a xente lle deu ó asasino, que é unha pronunciación xaponesa da palabra inglesa killer). Isto desagrada a Light, quen estivo adoptando tódalas medidas posibles para manter o Death Note oculto dende que descobre que Ryuk pode facerse visible ante calquera que o toque. L engana a Light a través dunha falsa emisión de televisión para descubrir que Kira vive na rexión xaponesa de Kanto. Anoxado polo engano, Light xura elimiar a L. 

3 "Torihiki 取引"
«Negociacións»
17 de outubro de 2006

A policía debate o "caso Kira" con L. Indagando sobre a hora na que se produciron as mortes das vítimas, L conclúe que Kira é un estudante cun concepto inocente e infantil da xustiza. El solicita datos sobre o xeito no que os datos das vítimas foron divulgados e comeza a sospeitar que Kira ten acceso a información da policía. Grazas a que o oficial de policía a cargo do caso Kira, Soichiro Yagami, é o pai de Light, Light pode monitorizar os movementos dos seus perseguidores. Namentres, Ryuk dille a Light que o están a seguir. Tamén lle explica que os shinigami obteñen a súa vida a partir do tempo de vida que lles resta ás persoas, e que os seus ollos poden ver o nome e o tempo de vida de todos flotando por enriba das súas cabezas. Dálle a Light a opción de intercambiar a metade da súa esperanza de vida en troques dos ollos de shinigami. 

4 "Tsuiseki 追跡"
«Persecución»
24 de outubro de 2006

Light dille a Ryuk que está tentando crear un mundo ideal no que ningún criminal quede sen castigo, e no que o Deus dese mundo non pode sacrificar a metade da súa vida polos ollos de shinigami. Light comeza a experimentar para descubrir ata que punto é quen de controlar o xeito no que morren os criminais. Tenta facer que os prisioneiros escapen e que debuxen a cara de L antes de morrer. Cando non conseguen facelo, descobre que o Death Note non é todo poderoso. Usando os seus coñecementos, Light artella un plan para descubrir quen o está a seguir. Light fai que un criminal toque o Death Note e obrígalle a secuestrar un bus antes de morrer. Durante o secuestro, Light consegue que o seu perseguidor se revele como Raye Penber, un Axente do FBI que traballa para L e o seu asociado Watari. 

5 "Kakehiki 駆引"
«Estratexia»
31 de outubro de 2006

Light agarda unha semana antes de acabar con Raye Penber. Segue a Raye nun tren e obrígalle a escribir os nomes dos seus axentes compañeiros nun anaco de Death Note baixo a ameaza de danar a familia de Raye. Debido á morte simultánea deses axentes no Xapón, a policía recúa por medo a seguir investigando, e o Presindete dos Estados Unidos saca ó FBI da investigación do caso Kira. Porén, a prometida de Penber, unha antiga axente do FBI, investiga pola súa conta para dar con Kira. Light fai que outro criminal escriba nunha folla unha mensaxe codificada para L, na cal se di "Sábelo que L?, os shinigamis só comen mazás". Aínda que a mensaxe é certa, L coida que Kira só se está a burlar do que considera o seu próximo movemento. 

6 "Hokorobi 綻び"
«Florecer»
7 de novembro de 2006

Nun intento de reparar as relacións coa policía xaponesa, L reúnese en segredo cos detectives restantes que aínda queren traballar no caso Kira. L insiste en que usen identidades falsas para protexerse contra Kira e dilles que o chamen Ryuzaki no canto de L. Revélalles os seus pensamentos sobre quen pode ser Kira segundo os últimos asasinatos dos axentes do FBI, polo que manda investigar os obxectivos dos axentes antes de morreren. Namentres, Light coñece a unha muller que se presenta como Maki. Segundo avanza a conversa, descobre que en realidade é a prometida de Penber e que descubriu que Kira pode matar doutros xeitos alén do ataque ó corazón. Convencido de que o seu destino é usar o Death Note para crear un mundo mellor, Light amósase eufórico por entrar en contacto coa persoa que máis preto está de descubrir a identidade de Kira. Por iso, argalla un plan para eliminala. 

7 "Donten 曇天"
«Nubrado»
14 de novembro de 2006

Light escribe o nome de Maki no Death Note. Como non ocorre nada, decátase de que a prometida de Penber usou un nome falso e teme que ela poida dar pistas á policía sobre el. Ryuk comeza a meter presión a Light para que obteña os ollos de shinigami, pero Light consegue o seu verdadeiro nome, Naomi Misora, pretendendo que era un detective de L. Nerta ocasión, o Death Note funciona, e Light dille que el é Kira un intre antes de que Naomi marche para suicidarse. Mentres tanto, Watari revela súa identidade no encontro cos detectives e o pai de Light. Proporciona ós detectives aparellos especiais de rastrexo e alarma no caso de que Kira entre en contacto con eles ou se atopen en problemas. O detective Shuichi Aizawa é enviado ó cuartel da policía por L e no camiño crúzase coa prometida de Penber sen recoñecela. 

8 "Mesen 目線"
«Ollada»
21 de novembro de 2006

L está a piques de descubrir a identidade de Kira. A desaparición de Misora acurta a lista de sospeitosos que poderían estar baixo a vixilancia do FBI no momento da morte de Raye Penber. Por ese motivo, pide a instalación de equipos de vixilancia nos fogares dos sospeitosos, incluído o da familia Yagami. Porén, Light decátase que está a ser vixiado e fai que o shinigami localice as cámaras do seu cuarto. Máis tarde, engana ó equipo de vixilancia ó seguir cos asasinatos de criminais coa axuda dunha pequena televisión portátil e unha bolsa de patacas frixidas. Isto produce que as sospeitas de L decaian. 

9 "Sesshoku 接触"
«Contacto»
28 de novembro de 2006

As sospeitas de L son momentaneamente borradas, mais aínda non descarta a posibilidade de que Light sexa Kira e decide coñecelo en persoa. No exames de acceso á universidade, Light nota a presenza dun misterioso e excéntrico estudante que fita seguido nel, o cal se presente como Hideki Ryuga, o nome dun ídolo famoso. Light queda abraiado ó descubrir que el é L. Xa que sería moi sospeitoso que L morrese xusto despois de coñecelo, Light decide facerse pasar por amigo de L para matalo ó cabo dun tempo. Coida que a mellor estratexia é achegarse a L, recompilar información sobre a súa verdadeira identidade e manter un ollo na policía. 

10 "Giwaku 疑惑"
«Sospeitas»
5 de decembro de 2006

Co obxectivo de ver o carácter de Light, L rétao a un partido de tenis. L pregúntalle sobre o caso de Kira e convídao a que os axude na investigación. Pouco despois, os dous reciben a nova de que Soichiro Yagami tivo un ataque ó corazón e está no hospital. Light promete ó seu pai que se asegurará de atrapar a Kira e executalo. L investiga e sospeita de Light, xa que non está certo de que sexa ou non Kira. Light márcase un farol e ofrécese a ser encerrado nunha cela durante un mes para probar a súa inocencia. L está satisfeito pero amósase curioso de que Light se ofrecese el mesmo. Namentres, a canle de televisión Sakura TV recibe unhas cintas de son dunha persoa anónima que di ser Kira. 

11 "Totsunyū 突入"
«Asalto»
12 de decembro de 2006

O equipo de investigación de Kira debate sobre a desaparición de Naomi Misora cando Watari interrompe o encontro. Sakura TV está a emitir unha cinta de son dalgúen que di ser Kira. Para previr que Kira obteña o apoio do público, L pide que a emisión sexa detida. Hirokazu Ukita, un dos investigadores que traballan con L, chega ata a sede de Sakura TV pero morre misteriosamente na entrada. O equipo de investigación descibre que este Kira non precisa coñecer o nome da persoa para matala. Light, que está vendo a emisión dende a súa habitación, conclúe que debe involucrarse na investigación de Kira para pescudar máis sobre L e o segundo Kira. L sospeita que a persoa das cintas debe ser un Kira diferente do primeiro. 

12 "Koigokoro 恋心"
«Namoramento»
26 de decembro de 2006

Light coñece a L e ós seus detectives. Para avaliar as habilidades analíticas de Light, L dille que escoite as gravacións confiscadas polo equipo para determinar se hai pistas na voz. Deste xeito, L conclúe que Light non pode ser Kira. O equipo fai emitir unha gravación feita por L e Light para enganar ó segundo Kira, Misa Amane. Misa revela detalles importantes sobre as propiedades do Death Note e a existencia dos shinigami cando reponde, e Light comeza a preocuparse. Na súa réplica, Misa pídelle ó primeiro Kira que se encontre con ela. Con gañas de aproveitar esta vantaxe, o equipo de investigación argalla un plan, mentres que Light decide que facer. 

13 "Kokuhaku 告白"
«Declaración»
9 de xaneiro de 2007

O detective Touta Matsuda e Light préstanse voluntarios para ir a Aoyama a investigar na cita mencionada co segundo Kira. Light tenta descubrir quen é, e para manter oculta ó tempo a súa identidade ó shinigami que acompaña a Misa, faise acompañar por un grupo de amigos que o rodeen ó camiñar. Porén, Misa posúe os ollo do shinigami, polo que descobre que Kira é Light Yagami, ó ser el o único cuxa esperanza de vida non pode ver. Malia que Misa Amane é un pouco parva, semella que artellou este plan con xeito. Despois, Misa confirma ó equipo de investigación que atopou ó Kira real. O equipo decide cambiar de estratecia e tratan de razoar con ela. Emiten un programa de televisión no que retratan a Kira como un asasino desapiadado que acaba con calquera que descobre a súa identidade. Ademais, ofrécenlle reducir a dureza da pena se accede a revelarlles información sobre o Kira real. Misa ignora todo isto, atopa a Light e explícalle que o buscou porque está namorada del. 

14 "Tomodachi 友達"
«Amigos»
16 de xaneiro de 2007

Despois de que Light remate de falar con Misa, L afirma que Light é o seu primeiro e mellor amigo. Light, sorprendido, correspóndelle a amizade, dicíndolle que o bota de menos na universidade. Light logo afirma que é amigo de Hideki Ryūga, pero Kira é o inimigo de L e o resto pasa a segundo plano. L chega á conclusión de que os dous Kira puideron terse reunido. 

15 "Kake 賭け"
«Aposta»
23 de xaneiro de 2007

Light encóntrase a L cando camiñaba na universidade e este convida a Light a comer pastel, pero de súpeto chega Misa. Light pensa que L se decatou do seu segredo, pero resulta que L é fan de Misa. L toca a Misa moi sospeitosamente, sen que ela ou Light se decatasen de que lle quitou algo importante para Light. Misa preséntase ante L e este respóndelle co seu «nome» —Hideki Ryūga—, Misa dáse conta de que L mente co seu nome, logrando ver o verdadeiro cos ollos do shinigami, pero Light fai que Misa non diga nada. Posteriormente, L arresta a Misa despois de atopar evidencias en contra dela. Misa fixera un significante sacrificio para protexer a Light. 

16 "Ketsudan 決断"
«Decisión»
30 de xaneiro de 2007

Light artella un plan para poder salvar a Misa, xa que se non o fai, Rem matarao. Facendo que L o poña en observación durante un período de tempo, Yagami terá que sacrificarse ó igual que Misa para poder salvarse a si mesmo e a Misa. Soichiro, o pai de Light, fai o mesmo sacrificio pois se o seu fillo fose culpable el sería capaz de facer cousas inimaxinables. Light renuncia á propiedade do seu Death Note para borrar os seus recordos. Nas noticias, infórmase de que Kira asasina a máis criminais e L séntese confundido polo cambio na ollada e na actitude de Light. Tenta convencelo de que confese pero Light que non ten recordos do Death Note, mantense firme dicindo que el non é Kira. 

17 "Shikkō 執行"
«Execución»
6 de febreiro de 2007

Light e Misa non confesan, así que Soichiro e L toman unha decisión drástica; facer unha actuación na cal o pai de Light ía matalo para logo suicidarse. Light e Misa actúan como calquera persoa a piques de morrer e L decide sacalos do seu confinamento. Agora alguén máis estaba xulgando criminais no nome de Kira, xa que o Death Note pertence a outra persoa. Hai 8 sospeitosos, todos pertencentes ó grupo Yotsuba. 

18 "Nakama 仲間"
«Compañeiros»
13 de febreiro de 2007

Despois de arranxar as súas diferenzas, Light e L comezan a investigar xuntos ó grupo Yotsuba. Pero a policía xa non quere intervir neste asunto, pois o novo director ameázaos con despedilos do seu traballo, así que as persoas que axudan a L son reducidas de novo, quedando só a xente que está disposta a renunciar á policía e a buscar outro traballo. L contrata novos membros para o equipo de investigación: un estafador chamado Aiber e unha ladroa chamada Wedy

19 "Matsuda 松田"
«Matsuda»
20 de febreiro de 2007

Matsuda, un dos membros do equipo de investigación, séntese inferior pola súa falta de participación no «caso Kira» e decide investigar ó grupo Yotsuba pola súa conta. Encontra probas de que Kira se atopa no edificio, pero antes de que poida actuar, encóntrase cos 8 sospeitosos. Para no levantar sospeitas, faise pasar polo axente de Misa e envía unha mensaxe de auxilio a través do cinto especial. Como parte do plan de L, Matsuda finxe a súa propia morte para non ser asasinado por Kira. Despois dalgún tempo, un dos membros de Yotsuba non quere seguir facendo reunións privadas por temor a que sexan descubertos. 

20 "Kosoku 姑息"
«Improvisación»
27 de febreiro de 2007

O equipo de investigación instala cámaras de vixilancia para ver as reunións de Yotsuba, e sorpréndense de ver que descuten abertamente os seus métodos de matar mediante Kira. Light idea un plan e contacta con Reiji Namikawa, un dos oito membros do grupo. Ambos fan un acordo para que actúe como un espía e para que pospoña as mortes que programadas. L revela que aínda sospeita de Light de ser o primeiro Kira. Despois, L convence a Misa para que se infiltre no grupo e consiga información. 

21 "Katsuyaku 活躍"
«Actividade»
6 de marzo de 2007

O terceiro Kira interésase por Misa e pretende casar con ela. Máis tarde, Rem contacta con Misa, que é quen de ver ós shinigami. Misa está a facer un descanso nunha reunión con Yotsuba. Porén, ó tocar unha parte do Death Note que Rem lle trouxera, os recordos de Misa de ser o segundo Kira non regresan. Rem explícalle todo o que sucedera e que debe confiar en Light. Ó volver á reunión descobre quen é o terceiro Kira. Misa enxeña un xeito para obter probas de que Higuchi é o criminal que L está buscando. Isto deixa en L moitas sospeitas sobre o doado que lle foi determinar quen era Kira cando nin sequera el mesmo o puido deducir. 

22 "Yūdō 誘導"
«Indución»
13 de marzo de 2007

Despois identificar a Kira en Yotsuba, L decide que Higuchi non debe ser atrapado ata descubrir que métodos emprega para matar. Para iso, deciden transmitir un especial de televisión por Sakura TV no que alguén dirá coñecer a identidade de Kira para atraer a Higuchi e descubrir como asasina ás persoas. Varias persoas de Yotsuba fan un acordo con Light para que Higuchi caia na trampa. Mentres o terceiro Kira se dirixe á estación de televisión, L e o equipo de investigación están atentos a calquera movemento nas cámaras instaladas con anterioridade. Higuchi está decidido a deter á persoa que revelará a identidade de Kira; Matsuda. 

23 "Kyōsō 狂騒"
«Frenesí»
20 de marzo de 2007

L idea o plan definitivo para atrapar a Higuchi e ver como mata ás súas vítimas. Matsuda aparece nun especial televisivo que prometía revelar a identidade de Kira ó final. Ó ver isto, Higuchi desespérase e comeza a buscar o nome de Matsuda. Chama á suposta axencia na que traballaba Matsuda e dinlle que busque nos arquivos da compañía. Higuchi diríxese ó edificio onde se atopan os arquivos, o cal era vixiado por L, ó chegar busca e atopa o suposto nome de Matsuda e anótao no caderno. Ó ver que Matsuda non morre, decide facer o trato polos ollos de shinigami. Logo, Higuchi mata a un policía sen saber o seu nome e L dá a orde de atrapalo, tomando en consideración que pode matar con só ver unha faciana. Comeza unha persecución na que termina Higuchi atrapado pola policía. Sabendo que foi exposto, Higuchi está disposto a facer o que sexa para evitar ser arrestado. 

24 "Fukkatsu 復活"
«Resurrección»
27 de marzo de 2007

Capturan a Higuchi, o cal revela á policía que mata cun caderno. Soichiro Yagami toca o caderno e ve a Rem. Unha vez Light ten de novo o caderno nas súas mans, recupera a memoria. Porén, se Light deixa de tocar o Death Note volverá a perder a súa memoria de forma automática. Para evitalo, nun anaco de papel agochado no seu reloxo, escribe o nome de Higuchi co seu sangue para volver a ser o propietario do caderno e evitar así perder as súas lembranzas. Por outro banda, Misa recupera tamén tódolos seus recordos ó recuperar o seu caderno, volvendo a facer o trato dos ollos con Ryuk coa intención de coñecer o nome verdadeiro de L. 

25 "Chinmoku 沈黙"
«Silencio»
3 de abril de 2007

L segue pedindo información a Rem sobre o Death Note, pero ela segue poñendo de manifesto tan pouca información como lle é posible. Namentres, Misa comeza a usar o seu Death Note para matar criminais. L dáse conta de que un anaco do Death Note funciona de forma idéntica ó caderno completo e ademais deduce que a «regra dos trece días» é o único que impide a Light e a Misa ser os principais sospeitosos. Rem comeza a sentir pánico ó crer que é só cuestión de tempo que Misa sexa capturada. L e Light teñen unha conversa sobre o xeito en que ambos se afastan doutras persoas e con que frecuencia a xente mente. L revela ó resto do equipo que está pensando en probar o Death Note. Watari e L son asasinados por Rem, aínda que ela tamén morre. Light promete que, independentemente do que suceda, vingará a morte de Watari e L. 

26 "Saisei 再生"
«Rexeneración»
10 de abril de 2007

O episodio amosa un resumo da serie ata o momento antes de volver co argumento. Light comeza a xulgar criminais unha vez máis para crear o seu novo e perfecto mundo. As nacións do mundo comezan a apoiar a Kira, o mundo divídese entre os que apoian a Kira e os que non. 5 anos despois, Wammy's House, o orfanato para rapaces superdotados de onde proviña L, recibe a nova de que este mreu. Esta nova cheega ós mozos Near e Mello, os sucesores de L. Aínda que L sinalou a Light como o seu sucesor, Mello e Near deciden investigar o «caso Kira» individualmente. Neste episodio morren Aiber e Wedy nun accidente e tódolos membros do grupo Yotsuba a mans de Kira. 

27 "Yūkai 誘拐"
«Secuestro»
17 de abril de 2007

Mentres Misa asasina a máis criminais e Light toma o cargo de L, Mello e Near comezan a actuar. O primeiro, coa axuda da mafia, secuestra ó xefe da policía para facer un intercambio polo Death Note que está en mans da policía xaponesa. Por outra banda, Near fala co presidente dos Estados Unidos e crean a organización «SPK» —«Special Provision for Kira» (lit. «Disposición Especial para Kira»)—, unha organización destinada a atrapar a Kira. Light escribe o nome do xefe da policía no caderno, polo que o plan de Mello falla, aínda que logo decide secuestrar a Sayu Yagami, a irmá de Light, coa mesma intención. 

28 "Shōsō 焦燥"
«Impaciencia»
24 de abril de 2007

Ante a chantaxe de Mello, Light e o seu equipo vense na obriga de cooperar tanto cos secuestradores como coa SPK. O equipo de investigación é informado de que o intercambio de Sayu polo Death Note se realizará nos Ánxeles, polo que axiña toman un voo, de forma individual, a devantida cidade. Soichiro é quen leva o caderno e debe realizar o intercambio. Para a súa sorpresa, o avión descende no medio do deserto. Unha comporta secreta é aberta cara a un subterráneo, lugar do intercambio. Antes que nada, un dos secuaces de Mello comproba o uso do caderno escribindo un nome, verificando que é auténtica. Logo do intercambio, recuperan a Sayu e Mello é quen queda co caderno. 

29 "Chichioya 父親"
«Pai»
1 de maio de 2007

Un shinigami descende ó mundo humano a recuperar o caderno que Ryuk lle roubou, o que supón a renuncia por parte de Light ós dereitos de posesión do caderno. Coa intención de recuperar o caderno roubado, o equipo de investigación é enviado a irromper na gorida de Mello e ademais, o pai de Light fai un pacto con Ryuk para obter os ollos de shinigami. Finalmente, e xusto despois de recuperar o caderno e negarse a matar a Mello, o pai de Light morre. Grazas á renuncia de Light á posesión do caderno, o pai de Light morre feliz ó crer que o seu fillo non é Kira, xa que pode ver, xusto antes de morrer, o tempo de vida restante deste. 

30 "Seigi 正義"
«Xustiza»
8 de maio de 2007

Estados Unidos decide acatar a nova orde imposta por Kira, polo que xa no o seguirá perseguindo e ademais pon á súa disposición toda a súa tecnoloxía. Mello ameaza á axente da CIA e SPK Halle Lidner para que o leve a ver a Near, co obxectivo de recuperar unha fotografía. Mello confésalle a Near que algunhas regras do Death Note son falsas, especialmente a «regra dos trece días». Á vista dos acontecementos, o suposto voceiro televisivo de Kira, Hitoshi Demegawa decide promover un linchamento ós membros restantes da SPK. 

31 "Ijō 移譲"
«Traspaso»
15 de maio de 2007

O linchamento contra a SPK promovido por Demegawa queda frustrado xa que Near cisca moreas de cartos ós manifestantes, para logo escapar. Light, ó decatarse de que as persoas coas cales traballa están sospeitando que el é Kira, decide elixir unha nova man dereita que substitúa a Misa. O elixido é un home chamado Teru Mikami, un fiscal cun triste pasado que adora a Kira como o seu propio deus. 

32 "Sentaku 選択"
«Selección»
22 de maio de 2007

Logo do asasinato de Demegawa por parte de Mikami Teru, este elixe como novo voceiro de Kira a Kiyomi Takada, unha ex compañeira e moza de Light na universidade. Mello e o seu amigo Matt deciden vixiar a Misa sospeitando que ela é o segundo Kira. Light decide encontrarse con Takada nun hotel para contarlle toda a verdade e a súa relación con Misa, converténdoa nunha nova e valiosa aliada. 

33 "Chōshō 嘲笑"
«Desprezo»
29 de maio de 2007

Kiyomi Takada, a nova voceira de Kira, decide falar con Misa para descubrir se ela era o segundo Kira. Na súa habitación, Mikami segue a matar criminais como «X-Kira» cando recibe unha chamada de Takada. Ela pídelle que lle envíe unha carta como se fose un fan, que só ela recoñecerá, con cinco páxinas do caderno. Near envía a Lidner como a nova gardacostas de Takada. Namentres, Near e o seu compañeiro Gevanni descobren que Teru Mikami é X-Kira ó velo matar a un home en pleno metro escribindo o seu nome no Death Note. 

34 "Koshi 虎視"
«Vixilia»
5 de xuño de 2007

Aizawa sospeita que Light e Takada se comunican a través de mensaxes escritas, polo que coloca unha marca nalgunhas follas da habitación. Gevanni observa a Mikami rosmar e envía esa información a Near. A SPK descobre que Mikami falaba sobre un shinigami. Unha vez remata a reunión, Aizawa descobre que a súa teoría é correcta; Takada e Light comunícanse a través de mensaxes, o que fai medrar a sospeita de Aizawa sobre Light. Lidner e Lester, ambos da SPK, secuestran a Misa e a Mogi. 

35 "Satsui 殺意"
«Malicia»
12 de xuño de 2007

Mello, coa axuda do seu compañeiro Matt decide secuestrar a Takada ó descubrir a relación entre ela e Light. Porén, Matt morre a mans dos gardacostas de Takada, e Mello morre a mans dela por indicación de Light, que xa previra un posible retorno de Mello. Mentres, Near acorda con Light unha reunión entre os dous equipos; a SPK e o equipo de investigación. Finalmente, e nun xiro sorprendente dos acontecimientos, Light provoca que Takada se suicide e queime o lugar no que Mello a tiña recluída. 

36 "1.28"
«28 de xaneiro»
19 de xuño de 2007

Chega o día da reunión, onde se revelan as verdades dos 2 equipos. Mikami é utilizado por Light para que mire os verdadeiros nomes da SPK e os mate co caderno. Ó tempo que Mikami escribe os nomes, Near di que non hai nada que temer xa que alterou o caderno. Mikami termina de escribir os nomes e Light di que o seu plan resultou á perfección, revelando que había un caderno falso e outro verdadeiro, e que o que manipulou Near era o falso. Mikami entra na habitación por orde de Light e conta os segundos restantes para que o caderno produza efecto. 

37 "Shinsekai 新世界"
«Novo mundo»
26 de xuño de 2007

Descóbrese que o caderno non funcionou, e Near explica que cando dixo que alterou o caderno referíase ó verdadeiro caderno, non o falso. Conta que Mikami foi ó banco e buscou o verdadeiro caderno para axudar a Light a matar a Takada e Near acusa directamente a Light de ser Kira por que entre os nomes escritos no caderno, non se atopa o seu. Light, ó sentirse acurralado polas deducións de Near, revela que é certo. Intenta matalo cun anaco do Death Note que tiña agochado no reloxo, pero é disparado por Matsuda. Mikami suicídase ó ver que Light foi derrotado e este, ó ver que non pode facer nada, escapa mentres vai recordando todo o que viviu. Como prometera ó comezo da historia, Ryuk escribe o nome de Light no seu propio caderno. Finalmente, Light morre por ataque cardíaco tirado sobre unhas escaleiras, vendo a aquel que o considerou como o seu primeiro amigo, L. 

Especiais de TV[editar | editar a fonte]

N.º
(serie)
Título orixinal
Título en inglés
Data da estrea
1 "Direkutāzu Katto Kanzen Ketchaku ~Riraito · Genshisuru Kami~ ディレクターズカット完全決着版 〜リライト·幻視する神〜[3]"
«Director's Cut Complete Conclusion Relight: Visions of a God»
31 de agosto de 2007

Un shinigami sen nome, interesado en visitar o mundo humano, vese con Ryuk pouco despois de concluír o caso Kira. En troques dunha mazá, Ryuk accede a contarlle a historia de Light, e detense na vitoria de Light sobre L. O filme conclúe co shinigami poñendo a mirada no mundo humano. 

2 "Riraito 2 Eru o Tsugu Mono リライト2 Lを継ぐ者[5]"
«Relight 2: L's Successors»
22 de agosto de 2008

O especial é un resumo da trama de "Mello e Near" omitindo a involucración de Mello no caso Kira. Ó contrario que o especial anterior, o filme emprega unha versión condensada do episodio final, seguido por unha escena engadida de Ryuk abandonando o mundo humano. Tamén hai unha escena de Aizawa e Matsuda atopando o corpo de Light.[4] 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nippon Television Network Program Catalogue: Animation" (PDF). p. 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de novembro de 2006. Consultado o 6 de novembro de 2006. 
  2. "Death Note: backnumber story" (en xaponés). Nippon Television. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2015. Consultado o 18 de outubro de 2012. 
  3. "Ad for the first special". Arquivado dende o orixinal o 08/03/2012. Consultado o 08/11/2014. 
  4. "Second Death Note Special to Air on August 22 in Japan". Anime News Network. Consultado o 25 de xullo de 2008. 
  5. "Ad for the second special". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]