Leptospirose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A leptospirose é unha infección causada por espiroquetas do grupo Leptospira, transmitida por animais roedores, especialmente ratos. A transmisión pode ocorrer por contacto directo cos ouriños, sangue ou tecidos do animal infectado. Tamén por fluídos ou ambientes contaminados polos ouriños destas criaturas. Veterinarios, agricultores, empregados da industria cárnica e das actividades pesqueiras son os profesionais con maior risco de contraer leptospirose. O período de incubación habitual sitúase entre dous e vinte días.

Manifestacións clínicas[editar | editar a fonte]

Leptospirose anictérica[editar | editar a fonte]

É a forma máis leve da enfermidade; consistente nun síndrome pseudogripal, con febre, cefalea e intensas dores articulares. Nalgúns casos poden aparecer hemorraxias oculares (sufusión conxuntival). Nun pequeno grupo de pacientes pódese desenvolver unha meninxite aséptica, nos quince días posteriores ao contaxio.

Leptospirose grave ou síndrome de Weil[editar | editar a fonte]

É unha forma máis grave pero menos frecuente, na que se produce unha sepse, con afectación renal (insuficiencia renal aguda), ictericia e sangrados, xunto con danos no pulmón (distrés respiratorio) e posible hemorraxia pulmonar. A mortalidade oscila entre o dez e o quince por cento.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Coma noutras moitas enfermidades, adoita apreciarse unha gran elevación nas células do sistema inmune, con desviación esquerda e aparición de precursores hematopoéticos (caiados). Isto pode estar ausente en nenos, anciáns e inmunodeprimidos. Na maioría dos casos aprécianse alteracións renais con presenza de leucocitos, hemacias ou restos inflamatorios nos ouriños. Nas formas graves da enfermidade, pode apreciarse deterioración da función renal, que pode ser mortal. É frecuente atopar un número descendido de plaquetas (trombopenia). No tocante ao fígado, pódese apreciar aumento no nivel sanguíneo de bilirrubina, fosfatase alcalina e transaminases. É común apreciar elevados niveis de creatinin quinase (CPK), o que pode contribuír á deterioración renal.

Nas probas microbiolóxicas, a seroloxía non é útil inicialmente polo retardo da produción de anticorpos detectables. A leptospira pode crecer en frascos de hemocultivos, de líquido cefalorraquídeo ou ouriños.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Nas formas leves, pódese empregar ampicilina, amoxicilina ou doxiciclina, por vía oral. En formas graves, requírese tratamento de soporte (soros, transfusións, plaquetas, etc.), xunto con antibioterapia endovenosa (amoxicilina, ampicilina e eritromicina). A duración estimada do tratamento antibiótico e duns sete a dez días.

Nalgúns casos pódese apreciar unha gran reacción inflamatoria co tratamento (reacción de Jarisch-Herxheimer).

Véxasse tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Longo, Casper et al. Harrison, principios de Medicina Interna. Mc Graw Hill Educación [ISBN 978-607-15-0727-3] (en castelán)