Saltar ao contido

Zamborca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lacha»)
Zamborca
Alosa alosa

Alosa alosa
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Paracanthopterygii
Orde: Clupeiformes
Suborde: Clupeoidei
Familia: Clupeidae
Subfamilia: Alosinae
Xénero: Alosa
Especie: A. alosa
Nome binomial
Alosa alosa
(Linnaeus, 1758)

A zamborca,[1][2][3][4] Alosa alosa, (Linnaeus 1758), é un peixe da familia dos clupeidos, da orde dos clupeiformes, tamén coñecido como sabela,[1][2] tasca,[2] nai da sardiña [3] ou sábalo.[3][5]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Ten un corpo comprimido lateralmente, relativamente alto, e alcanza ata 70 cm de lonxitude como máximo e os 2,7 kg de peso, nas femias (os machos son menores).[6]

As escamas son grandes e delgadas, e no ventre forman unha quilla dura.[5]

Posúe unha única aleta dorsal, con de 18a 21 raios brandos. A aleta anal está sustentada por de 19 a 25 raios, tamén brandos, e por 15 ou 16 as pectorais.[5]

A cor do corpo é azul escura no lombo, aclarando nos flancos e a zona ventral a agrisada ou prateada. Presenta unha mancha negra tras o opérculo, e de 5 a 10 pequenas manchas aliñadas tras dela.[5]

Caracterízase por presentar varias estrías radiais no opérculo,[5] e por posuír de 90 a 12 branquispinas no primeiro arco branquial.[6]

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

É unha especie peláxica que nada formando cardumes en augas profundas,[6] distribuíndose polas costas europeas do Atlántico, desde o sur de Noruega e Suecia ata o extremo norte africano, atravesando o estreito de Xibraltar e penetrando no Mediterráneo ata Sicilia.[6][7]

Reprodúcese entre maio e xuño, subindo polos ríos para desovar. Os exemplares novos permanecen en auga doce ata os dous anos aproximadamente.[6]

Aliméntase de zooplancto.[5]

En Galicia

[editar | editar a fonte]
Representación de Alosa alosa, con dous exemplares capturados no baixo Rin.
Aquazoo de Düsseldorf.

A presenza da zamborca nas nosas augas foi citada por primeira vez por Cornide en 1788, como Clupea alosa.[8] Máis tarde, en 1919, tamén aparece con este nome como presente no alfoz do Miño por Ducloux en de Buen, e o propio de Buen, en 1935, tamén a rexistra en toda Galicia. Xa como Alosa fallax, cítana Lozano y Rey en 1947; Fernández et al. en 1979 en fondos da plataforma continental desde os 100 aos 200 m, desde a desembocadura do Miño até Fisterra; Fariña et al., en 1983, en fondos da plataforma menores de 200 m, desde o Miño até a Estaca de Bares [9] e, finalmente, Sánchez e Pereiro, en 1992, en toda Galicia en fondos de 100 a 200 m.[5]

Antigamente era moi abundante en Galicia, onde se pescaba sobre todo no Miño durante os meses de marzo, abril e maio. Tabares cita que, no ano 1928, se capturaron 132 000 toneladas deste peixe. Actualmente só realiza a desova nos ríos Miño, Ulla e Umia, e as súas capturas diminuíron de forma drástica, ao igual que noutros países europeos, posibelmente debido ao aumento da temperatura da auga na época de acceso ás zonas de reprodución (consecuencia do cambio climático), á presión pesqueira exercida nas desembocaduras dos ríos e á contaminación crecente.[5]

  1. 1,0 1,1 "Dicionario da RAG". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 06 de agosto de 2013.  Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
  2. 2,0 2,1 2,2 Ríos Panisse (1977), pp. 210-218.
  3. 3,0 3,1 3,2 Rodríquez Solórzano (1983), p. 62.
  4. Lahuerta e Vázquez (200), p. 65.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Rodríguez Villanueva et al. (1995), pp. 24-25.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Muus, Bent J. el al. (1998), p. 93.
  7. "Ver mapa de distribución". Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2013. Consultado o 06 de agosto de 2013.  Arquivado 23 de agosto de 2013 en Wayback Machine.
  8. Cornide, Joseph (1788)
  9. Solórzano (1988)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. (Ver en liña).
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]