Khertek Anchimaa-Toka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Khertek Anchimaa-Toka
Nacemento1 de xaneiro de 1912
 Kyzyl-Dag
Falecemento4 de novembro de 2008
 Kyzyl
NacionalidadeUnión Soviética
Alma máterUniversidade Comunista dos Trabalhadores do Oriente
Ocupaciónpolítica
CónxuxeSalchak Toka
editar datos en Wikidata ]

Khertek Amyrbitovna Anchimaa-Toka (en ruso: Хертек Амырбитовна Анчимаа-Тока, en tuva: Анчимаа-Тока Хертек Амырбит уруу, Anchimaa-Toka Khertek Amyrbit uruu), nada en Tannu Uriankhai (China Qing) o 1 de xaneiro de 1912[1] e finada en Kyzyl (Rusia) o 4 de novembro de 2008, foi unha política tuva-soviética que entre 1940 e 1944foi a líder do Pequeno Khural da República Popular Tuva, e a primeira muller xefa de estado non hereditaria.[2] Foi a esposa de Salchak Toka, líder supremo da república dende 1932 a 1973.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Khertek Anchimaa naceu en Tuva, no que hoxe é o distrito de Bay-Tayginsky, no seo dunha familia campesiña pobre. Cando era nena, perdeu o seu pai e o seu irmán máis vello pola varíola. A pesar de que a súa nai era analfabeta, Khertek conseguiu aprender a ler e escribir en mongol e, en 1930, cando se creou o primeiro alfabeto nacional tuvano, foi unha das primeiras en aprendelo. Ese mesmo ano foi admitida en Revsomol, unha organización xuvenil vinculada ao Partido Revolucionario Popular Tuvano, similar ao Komsomol.[3] Foi encargada de erradicar o analfabetismo do seu kozhuun (distrito) natal. Ao ano seguinte, en recoñecemento ao seu éxito, foi admitida e enviada, xunto con outros setenta elixidos, á Universidade Comunista Oriental. Ademais de estudar, os estudantes asistiron a charlas de famosos políticos soviéticos. Dise que o encontro con Nadezhda Krupskaia tivo un grande efecto sobre Khertek.[4] Anchimaa-Toka foi unha dos once estudantes tuvanos que se graduaron.[5]

Ao regresar a Tuva en 1935, dirixiu o departamento de propaganda de Revsomol. En 1938 converteuse en directora do Zhenotdel Tuvano, semellante ao Zhenotdel soviético. En 1940 alcanzou o cumio da súa carreira, obtendo o posto de presidenta do Pequeno Khural, converténdose así na muller de maior rango do seu tempo, superando a Aleksandra Kolontai, a primeira muller en ser ministra. Máis tarde, Sühbaataryn Yanjmaa e Sirimavo Bandaranaike superaron o seu logro. Ese mesmo ano casou con Salchak Toka, secretario xeral do Partido Revolucionario Popular Tuvano, aínda que mantivo o seu nome familiar "Anchimaa" ata a morte do seu marido. Durante o seu mandato, tivo extensa correspondencia co seu colega soviético Mikhail Kalinin.

Durante a segunda guerra mundial fixo moito para mobilizar os recursos da república para axudar a Unión Soviética na súa loita contra a Alemaña nazi[6] e foi fundamental na inclusión de Tuva na Unión Soviética en 1944.[7] Despois diso, traballou como vicepresidenta do comité executivo rexional e máis tarde vicepresidenta do Consello de Ministros de Tuva, sendo responsable de benestar social, cultura, deportes e propaganda.[8]

Xubilouse en 1972, adoptando o nome de "Anchimaa-Toka" despois da morte do seu marido en 1973,[5] levando unha vida tranquila ata a súa morte aos 96 anos.[2] Khertek Anchimaa-Toka foi unha figura controvertida en Tuva, que se dixo que era membro da troika (similar á troika do NKVD), que condenou a morte o primeiro ministro tuvano Churmit Dazhy e outros altos cargos nos anos 30.[9] Non obstante, o caso nunca foi investigado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jackson, Guida M. (2009-08-20). Women Leaders of Africa, Asia, Middle East, and Pacific: A Biographical Reference. ISBN 9781469113531. 
  2. 2,0 2,1 "Khertek Anchimaa Toka: the world’s first female head of state". Times Online. 2 de outubro de 2008. Consultado o 11 de novembro de 2020.
  3. Jackson, Guida (2009). Women leaders of Africa, Asia, Middle East and Pacific : a biographical reference. Bloomington, IN: Xlibris Publishing. p. 158. ISBN 9781441558435. 
  4. Soren, Anatoly. "Хертек Амырбитовна АНЧИМАА-ТОКА (Russian)". Museum of Tuva. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2014. Consultado o 7 de xuño de 2013. 
  5. 5,0 5,1 Oyun, Dina. "Исполнилось 100 лет со дня рождения первой в мировой истории женщины-президента" (en ruso). TuvaOnline. Consultado o 8 de xuño de 2013. 
  6. Alatalu, Toomas (1992). "Tuva: A State Reawakens". Soviet Studies 44 (5): 881–895. doi:10.1080/09668139208412051. 
  7. Sanders, Alan (2010). Historical Dictionary of Mongolia. Lanham, MD: Scarecrow Press. p. 719. ISBN 978-0-8108-6191-6. 
  8. Oyun, Dina. "В Туве проведут вечер Памяти первой в мировой истории женщины-президента" (en ruso). Consultado o 8 de xuño de 2013. 
  9. "В России отмечают День памяти жерт политических репрессий" (en ruso). TuvaPlus News. Consultado o 8 de xuño de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]